22 de decembro de 2015

Callobre a ritmo de "Folk de Raíz":::

Cada segundo sábado de mes a vella escola de Callobre convértese nunha catedral do folclore e da festa da man da Asociación Cultural Regatos. A iniciativa pretende levar aos meses do inverno a intensidade da música da que tanto se pode gozar no verán a través dos festivais organizados nas distintas parroquias do municipio. 
A última cita foi o pasado sábado 12 de decembro e contou co apoio da gastronomía pois ofrecéronse callos e tortilla aos asistentes. A festa marcárona tres formacións ben diferentes. Por unha banda, e procedentes de Ponte Caldelas, a chaganga Airiños da Fracha fixo as delícias dos asistentes, elevando o nivel festivo ao máximo. A seguir, os veciños de Ouzande, reunidos baixo o nome de Recanto, botáronse a cantar, ofrecendo unha actuación memorable. Esta agrupación reúnese todos os sábados no local social de Ouzande nunhas clases de canto moi especiais, posto que xuntan a boa parte da veciñanza cos cantos tradicionais como interese común. Tamén se deixaron acompañar por músicos doutras disciplinas das escolas de música tradicional da parroquia. Na festa non podían faltar os acordes dos veciños de Callobre que se uniron en comuñón á impresionante romaría tradicional do pasado 12 de decembro. 
 A vindeira cita toca para o 9 de xaneiro, agardando a que "Folk de Raíz" faga público o anuncio e dea o nome dos artistas convidados.






Ningún comentario:

Publicar un comentario