8 de setembro de 2012

Continúan as Festas do Socorro a ritmo deportivo trala "V Fervenza de Músicas":::


Na noite de onte comezaron as Festas do Socorro coa "V FERVENZA DE MÚSICAS". No carro do polbo xa se mesturou a primeira hora o fume do churrasco coas coplas dos "Cabernícolas". Foi unha velada animada e divertida que contou con numeroso público e un alto nivel musical. O máis agradecido da festa foi a unión de todos os grupos que formaron unha gran roda baixo a carpa para tocaren xuntos diversas pezas. Animaron o ambiente provocando que os bailadores saisen ao medio do campo. Ouzande foi onte unha fervenza de música, baile, diversión e compañeirismo, recollemos nun video especial algúns deses momentos.

O carro do polbeiro encheuse de contado

Hoxe celebráronse os actos relixiosos na honra da Virxe do Carme e a "sesión vermouth" estivo animada pola formación "BLUESTAR" que ás 14.10 abría a súa actuación co pasodoble de Reveriano Soutullo e María a Portuguesa.
Ás sete da tarde no Campo da Festa vaise celebrar o III TRIANGULAR DE FÚTBOL MIXTO SOLTEIROS-CASADOS-SEPARADOS, unha actividade que levanta grande espectación e que este ano cobra especial interese pois nas edicións anteriores gañaron solteiros e separados, polo que desta volta os casados terán que afanarse por conseguir o trofeo. Para participar chega con estar no Campo da Festa un pouquiño antes do inicio do encontro para que os seleccionadores organicen os seus equipos.
Pola noite haberá verbena con Bluestar e Géminis.

Carteis das actividades das festas

Mañá domingo a festa comeza cedo con diversos actos relixiosos na honra da Virxe do Socorro e maila tradicional poxa das ofrendas. Pola tarde, ás 7, péchanse as festas deste ano na parroquia coa actuación de MALASOMBRA TEATRO que ofrecerá unha función gratuíta da súa obra "GO ON", a máis representada en Galicia e que está protagonizada por Josué García e o noso veciño Xoque Carbajal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario