21 de xullo de 2014

Ouzande ponlle freo á sangría poboacional que arrastra desde o ano 2000:::

Evolución da poboación ouzandesa
 desde 2000
O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de poñer ao descuberto a alarmante situación poboacional da parroquia. É moita a xente que se pregunta "Pero canta xente vive en Ouzande?" Pois segundo os datos que proporciona o propio INE, na última revisión de 2013 hai un total de 335 veciños (167 homes e 169 mulleres) Aínda sendo unha parroquia pequena, perdeu desde o ano 2000 a frioleira de 91 censados (21,36%) e desde aquel ano sempre minguou a poboación agás en 2009 que remontou un veciño. En 2013 a novidade está en que se recuperan dous veciños, símbolo do que posiblemente sexa o freo a esta decadencia prolongada no tempo. De feito, Ouzande é das poucas parroquias que aumentan poboación nese ano, pois a tendencia xeral do municipio é á perda paulatina de poboación en todas as parroquias, ata no casco urbano. Outras aldeas que frean a decadencia ou gañan poboación son Guimarei e A Somoza. 
En canto ás causas desta situación habería que facer un varrido polos distintos lugares de Ouzande para comprobar como moito dese censo que se perde é xente nova que se emancipa aínda que non marchen moi lonxe pois o casco urbano da Estrada soe ser o destino máis frecuente. Non é allea esta sangría poboacional á mala situación económica, a falta de datos máis detallados o destino de moitos que abandonan Ouzande continúa sendo a emigración, neste caso cara a outros puntos do estado ou países europeos como Inglaterra ou Alemaña.
Deste xeito a pirámide poboacional de Ouzande tende a envellecer, quedando as casas da aldea habitadas habitualmente pola xente de maior idade. Dos sete lugares que contabiliza o INE ningún deles está deshabitado, e son O Tallo, O Redondo e Alemparte os que rexistran unha concentración maior de veciños, quedando O Formigueiro, A aldea de Abaixo, O Castro, O Picoto e Penerada como as entidades que rexistran menos veciños debido ao seu tamaño.

Ouzande perdeu o 21% dos seus veciños no censo desde 2000

No ano 2000 había 426 censados fronte aos 335 do ano pasado.

Ouzande é das poucas parroquias da Estrada que non perderon poboación no censo de 2013.

Ningún comentario:

Publicar un comentario