7 de agosto de 2014

Polémica polo deslinde do campo da festa de Guimarei:::

O campo da festa de Guimarei, ubicado no lugar da Cruz será un dos protagonistas do pleno do  Concello da Estrada, que se celebra esta mesma tarde, posto que se vai abrir un expediente de deslinde do recinto. O motivo deste expediente é precisar os límites exactos do campo logo da polémica suscitada por unha pequena obra de peche dun veciño que invade parte do recinto festivo. A construción do campo fíxose coa cesión de terreos dos veciños lindeiros pero nunca se deslindou oficialmente, de maneira que un veciño que quixo pechar o seu terreo e solicitou permiso municipal en 2013 puido facer a obra atendendo ás normas vixentes pero invadindo o espazo anteriormente cedido para o recinto festivo. Este feito, que ben podería ser anecdótico pois é pouco o espazo ocupado, fixo saltar as alarmas na aldea posto que podería sentar precedente e máis veciños poderían operar do mesmo xeito ocupando terreos previamente cedidos. 
Un particular presentou unha denuncia e a Asociación de Veciños Santa Apolonia fixo un rogo ao Concello para tratar de mediar no conflito, pedíndolle ao Concello que examine os lindes do campo de cara á expedición de permisos de obra no lugar. O asunto xa foi tratado nunha comisión informativa realizada a semana pasada e hoxe toma protagonismo no pleno municipal coa esperanza das partes implicadas de que remate o conflito.
Palco das festas de Guimarei.

Terreos do campo no que habitualmente se celebran as festas de Guimarei.

O recinto está no lugar da Cruz, no corazón da parroquia guimareiciense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario