5 de agosto de 2014

Este domingo celébrase o Gran Xogo do Caldeiro Penzo:::

O vindeiro domingo é o 10 de agosto, día de San Lourenzo, patrón de Ouzande. E para celebralo por todo o alto, A Fervenza de Ouzande ideou un orixinal xogo dirixido especialmente aos máis pequenos da casa pero no que deben participar tamén maiores. A actividade é totalmente de balde. Chámase o "Gran Xogo do Caldeiro Penzo" e está pensado para celebrar as festas de Ouzande da mellor maneira posible, aprendendo de xeito lúdico moitas cousas da parroquia. O propio nome da actividade xa fai referencia a un dito moi repetido na parroquia "Aí vén o San Lourenzo co seu caldeiro penzo". Os caldeiros penzos son os que están inclinados ou torcidos e serán os que teñan que usar os participantes para percorrer distintos sitios da parroquia ao tempo que investigan cousas relacionadas coa historia, natureza, arquitectura ou toponimia locais. A Fervenza de Ouzande explica no seu blog Carreiros a trama da actividade "Un grupo de turistas encantad@s están agardando polo desencantamento" e así os mociños e e mociñas que se acheguen ao Campo da Festa o domingo 10 ás 18.30h terán "todo o poder" para "desenmeigar a estes turistas". Desta forma os participantes farán un percorrido turístico e lúdico por distintos puntos da parroquia para axudarlle aos turistas no seu desencantamento a golpe de caldeiro penzo.
Esta actividade pechará as festas patronais 2014 de Ouzande que se celebran esta fin de semana, as vésperas son o venres 8, haberá unha verbena cunha orquestra e a actuación do humorista Isi, o sábado música con Retrouso pola mañá e dous tríos pola noite. O domingo gran alfombra floral no adro e música coa charanga Os Atrevidos, e pola tarde, ás 6 e media no Campo da Festa "O Gran Xogo do Caldeiro Penzo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario