28 de abril de 2015

O IES Antón Losada realiza un convívio coa veciñanza ouzandesa no marco do III Festival de Teatro Escolar:::

O pasado sábado, 25 de abril, celebrouse o III Festival de Teatro Escolar organizado pola Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez da Estrada “Avelaíñas Teatro”, xunto coa Asociación A Fervenza de Ouzande e o Concello da Estrada. Dentro desta actividade, ás 18 h. houbo unha visita moi especial á parroquia de Ouzande. Aínda que estaba previsto facer unha "ruta teatralizada" polos muíños da Fervenza, o mal tempo desaconsellou a visita e a organización realizou unha visita sucedánea aos locais sociais da parroquia ouzandesa. Alí, os alumnos da escola de teatro do IES Antón Losada Diéguez recibiron aos seus compañeiros dos Institutos de Ensino Secundario de Laxe, Melide e Palas de Rei. No canto da visita polos muíños, dividíronse en tres grupos que foron recibindo os tres autobuses e aos que lles ofreceron unha conxunción de propostas teatrais e musicais para descubrir o encanto do lugar e da súa historia e tradición. A parte máis chamativa foi a ofrecida pola propia veciñanza ouzandesa, pois presentáronlles aos escolares ás dúas formacións musicais da aldea, Retrouso e Recanto e ofreceron un didáctico coloquio entre o alumnado e as persoas da parroquia que foran moer aos muíños, compartindo recordo cos escolares. Descubriron as duras condicións de vida que rodeaban os traballos da moenda ou do transporte do millo ata a Fervenza. A actividade completouse no Teatro Principal da vila onde as distintas aulas de teatro ofreceron o seu bo facer escénico aos compañeiros das outras localidades.
 En palabras do director da Aula de Teatro do IES Losada, Alfonso García: "A palabra clave destes festivais é a interrelación e a búsqueda da relación entre alumnos de diversos lugares xeográficos de Galicia, a interrelación entre actores e actrices de diversas idades, de 3 a 100 anos. Tamén hai unha interrelación de xéneros literarios, xa que se puido contemplar teatro, pero tamén poesía, narrativa, música, todo mesturado nun contorno fantástico como Ouzande. Trátase non de competir, senón de mirar de igual a igual e intercambiar experiencias." De feito, tanto profesores como alumnos marcharon marabillados da experiencia, a pesar do mal tempo.
Membros de Retrouso e Recanto que tocaron e cantaros para o alumnado.
Alumnado de distintas idades conversou coa xente da parroquia.
Escolares ofrecendo un momento teatral e musical aos seus compañeiros.
A veciñanza explicou os duros traballos nos muíños.
O alumnado coñeceu de man dos seus protagonistas historias reais sucedidas nos muíños

Ningún comentario:

Publicar un comentario