30 de xullo de 2015

Callobre reclama civismo:::

Veciños de Callobre veñen de alertar dos estragos producidos por vehículos de motor, posiblemente motos de montaña, na contorna da fervenza desta parroquia. Unha paraxe que está en fase de adecuación para que sexa accesible para o goce do público en xeral.
A Fervenza de Callobre é un salto de auga que forma o Río Curantes nun lugar encaixonado e cunha forte pendente. Polas características do terreo, os accesos a pé son moi difíciles e abandonáronse a medida que se foi abandonando a actividade cotiá na contorna. Na actualidade e froito do empezo da asociación veciñal callobrense, véñense facendo as xestións precisas para adecuar o lugar e favorecer que sexa visitado. Polo momento conseguiron a implicación do Concello da Estrada, que desprazou ao lugar un obradoiro de emprego. Con este primeiro investimento conseguiron que se construísen pontellas de madeira e pasos nos lugares máis difíciles así como a estabilización do sendeiro que lle dá acceso. É posible, a día de hoxe, chegar ata un mirador na parte superior da fervenza. O próximo paso que se fixa a asociación é sinalizar a contorna, pois para quen non coñeza a parroquia é difícil de dar co lugar. Contan de ter a axuda do municipio estradense e cara ao outono conseguir superar esta fase. Pola súa banda, e desde o Concello, sinalaron o seu interese en unir esta fervenza co Picho de Curantes creando unha ruta de sendeirismo que poña en uso estes recursos naturais da zona.
En Callobre reclaman civismo e colaboración para poder seguir adiante co proxecto, un plan que beneficiará a todos pois fará pública e accesible a fervenza. A preocupación vén porque xa hai algúns postes rotos a escasos meses da súa colocación e marcas de erosión nos estreitos sendeiros da zona. Tamén poñen a voz de alarma no castro que hai nas inmediacións pois está a sufrir a práctica de trial nunha zona moi sensible pois poderíanse estar danando zonas coma os muros defensivos da aldea castrexa.
Postes rotos e terreo erosionado polas rodeiras das motos
A zona conta con canles e muíños que constitúen un rico patrimonio.
Fervenza en forma de tobogán con máis de 10 metros de altura.
Sendeiros adecentados polo Obradoiro de Emprego da Estrada.
Escaleiras que dán acceso ao complexo.
Pódese acceder pola N-640 antes de chegar a Rubín (desde A Estrada) A asociación conta ter en breve os accesos sinalizados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario