30 de xullo de 2015

Un verán diferente a ritmo de muíñada:::

Cando o mes de agosto chama ás nosas portas parece que o sol e a praia son os máximos alicientes para o tempo de ocio. Pero en Ouzande veñen de demostrarnos ano tras ano que existen moitas outras opcións para o tempo libre lonxe do bronceador e das horas centrais do día. Non fai falta viaxar moi lonxe para vivir unha experiencia diferente, para conectar co pasado máis próximo ou para coñecer a fondo a vida que nos rodea. A Fervenza de Ouzande vén de presentar a festa "unha noite no muíño" que se vai celebrar este sábado 1 de agosto a partir das 19h. 
Trátase dunha festa coa que pretenden poñer en valor o rico patrimonio da parroquia, tanto mateiral (muíños) como inmaterial (recordos, música...) e para iso non só se reúnen para limpar e amañar a contorna dos Muíños da Fervenza, da que toman nome, senón que tamén festexan a memoria das moendas cunha velada nocturna entre veciños que cada vez atrae máis visitantes.
A actividade xa comeza hoxe, teñen convocada unha "sesión de limpeza" este serán (18h) pero a festa propiamente dita será o sábado. Ás 19h celebran un obradoiro de caracterización no Local Social do Campo da Festa. En principio convidan a ir vestidos "de época", máis concretamente da época na que aínda moían os muíños da zona, a mediados do século pasado. Neste obradoiro haberá a posibilidade de integrarse nunha comitiva de bruxos/as e meigos/as que participaran na animación que rodea ao evento.  A seguir a festa comeza no camiño que dá acceso aos muíños e no que haberá persoal preparado para conducir aos festeiros cara á zona da cea. Habitualmente cada grupo de amigos e familias acode en grupo e leva a súa cea, pois esta celébrase a xeito de romería, no chan ao carón do Muíño do Rubio. Trala cea comeza a música, o baile e a animación. 
Seguindo as recomendacións da Asociación A Fervenza de Ouzande cómpre levar lanternas para orientarse na escuridade, roupa cómoda (a poder ser de época) e a cea pero sobre todo ganas de pasalo ben.
Por outra banda, tamén veñen de informar que con motivo das festas patronais da parroquia recuperarán o "Gran Xogo do Caldeiro Penzo" que no ano pasado tiveran que adiar a causa da choiva. Celebrarase o vindeiro domingo ás 18h no marco da programación das festas.
imaxes de arquivo



Ningún comentario:

Publicar un comentario