31 de agosto de 2015

Cinco grupos participarán na VIII Fervenza de Músicas o próximo venres 11 de setembro:::

Será o pistoletazo de saída das festas de setembro na parroquia de Ouzande. Cinco grupos conforman o cartel do festival que cada ano gaña máis adeptos. A cita é o vindeiro venres 11 de setembro no Campo da Festa de Ouzande ás 22h, hora en que comezarán a soar os primeiros acordes ao tempo que a gran carpa dun polbeiro acolle aos comensais que desexen comezar a festa con bo sabor de boca. Os primeiros en actuar serán os compoñentes da formación folclórica municipal da Estrada, Tequexetéldere que animarán o campo co cantos tradicionais da zona e co bo baile que vén representando á Estrada polo mundo adiante nos últimos anos. A agrupación Sonche Lerias de San Xulián de Sales (Vedra) tomaralles o relevo. O grupo Nai de Santiago e no que participan coñecidos músicos da zona coma Marcos Varela fará tamén un concerto dentro da Fervenza de Músicas. Non faltará a actuación dos incombustibles Retrouso que contarán coa colaboración do orfeón de canto tradicional de Ouzande, Recanto. No Campo instalarase unha carpa para que a friaxe da noite non enfríe a calor da música e do baile que de seguro leva a Fervenza de Músicas ata altas horas da madrugada. 
Este festival de música tradicional enmárcase dentro das festas do Socorro que continuarán durante toda a fin de semana, con distintas actividades tanto relixiosas como musicais e que terán o seu punto álxido o domingo 13 coa tradicional poxa das ofrendas á Virxe. 




Ningún comentario:

Publicar un comentario