15 de setembro de 2015

Ouzande véndese ao mellor postor:::

O pasado domingo Ouzande vivía o seu día grande das festas, unhas celebracións "pasadas por auga" mais que non tiveron que suspender ningún acto. Pola mañá a Banda de Música Municipal da Estrada facía o seu tradicional pasacorredoiras polas aldeas da parroquia. Ás 13.15h celebrábanse os actos relixiosos na honra da Virxe do Socorro para seguidamente proceder á procesión que si respectou a choiva e a poxa das ofrendas á Santa ouzandesa. Ao remate a Banda Municipal deu un miniconcerto de despedida ao son das bombas de palenque. Xa pola tarde a festa prolongouse nos domicilios da localidade con xantares e conversas.
A tradicional poxa resistiu ao mal tempo grazas á carpa instalada no Campo da Festa. Durante a mañá este lugar converteuse nun ir e vir de romeiros que lle foron facendo entrega á Comisión de Festas dos seus obxectos para a poxa. Así no almacén do local social podíanse ver moitas plantas, galos, patacas, pementos, roupas, bisutería, ata algunha ofrenda algo máis que orixinal. Trala misa comezaba o espectáculo. Houbo ofrendas que suscitaron máis interese que outras pero mencionamos algunhas senlleiras. Houbo un cadro da Virxe do Socorro feito a punto de Cruz, un pequeno capacho de minipatacas cun boleto da primitiva que provocou o rifi-fafe entre unha nena e un adulto sendo a nena a gañadora de tan orixinal ofrenda. Galos e pombas parecían querer voar pero foron dos produtos máis aclamados xunto ás máis variada plantas decorativas. Abalorios ou boletos da lotería completaron o elenco de produtos polos que poxar. No lugar instalouse un bar no que se podía tomar o típico vermouth favorecendo que o Campo da Festa se convertese no lugar de encontro de ouzandeses e visitantes para festexar un dos días máis importantes para a veciñanza.











Se leu esta noticia tamén pode que sexa do seu interese estas outras informacións:

FERVENZA FESTEIRA EN OUZANDE
OUZANDE PERFILA AS SÚAS FESTAS PATRONAIS

Ningún comentario:

Publicar un comentario