14 de novembro de 2015

Magosto e xogos tradicionais para dinamizar a Praza de Abastos

A Praza de Abastos da Estrada está a acoller unha serie de actividades deseñadas para dinamizar este renovado espazo da vila. Logo de varios anos pechada por obras,abreu e paseniñamente os distintos praceiros foron tomando os distintos postos. Desde o Concello da Estrada perfilouse unha programación especial para o outono que comezou a semana pasada e que durará até o 19 de decembro. Se o día 7 de novembro se promocionaron os cogomelos e os produtos que ofrece a Praza, hoxe foi a quenda dos xogos tradicionais que se ubicaron no exterior do mercado e no que participaron numerosos cativos; xogo da ra, bolos, mariola, carreiras de sacos, cordas ou zancos foron algunhas das opcións. Á entrada da Praza de Abastos ofrecíanse castañas asadas. Para a vindeira semana será a quenda da dieta atlántica cunha charla sobre os beneficios da compra galega. Para o sábado 28 haberá unha actividade sobre menús de fin de semana. Xa en decembro ofrecerán unha charla sobre menús de Nadal low cost o día 12 e unha Feira de Nadal o 19.
Paralelamente a estas iniciativas máis pensadas no público adulto, cada sábado de mercado ten unha iniciativa dirixida aos máis pequenos da casa, así o sábado pasado celebrouse un obradoiro de gominolas e para a semana será sobre alimentación saudable. Na semana do 28 outro sobre repostería creativa e no mes de Nadal un sobre entrantes e reposteria natalicia o 12 e outro sobre decoración da mesa de Nadal o 19.








Ningún comentario:

Publicar un comentario