15 de febreiro de 2016

O "Entroido das Mozas" desafía ao mal tempo:::

Ouzande prevía un entroido moi animado, coa premisa de se disfrazar de mulleres, veciños e forasteiros foron convidados a unha divertida tarde de Entroido pola parroquia. Pero quen se había presentar era un inteso temporal que ata hoxe non deu tregua. A organización suspendeu os pasarrúas cos que habían de encher de vida entroideira as aldeas da parroquia, e que estaba previstos para a tarde, momento do día no que os intensos refachos de vento se mesturaron con abundantísimas precipitacións. Aínda así mantiveron a festa nocturna no Campo da Festa. Alí contaron coa animación de Retrouso e Recanto, así coma das "Sobreiras do Ulla" unha formación que se presentou coma as "irmás da conexa" ou "cantareiras de Ardebullo". A gastronomía baseouse en produtos típicos do Entroido e churrasco, e a guinda puxérona as "Cegas do Entroido" que, con moito glamour teceron e desteceron  a actualidade da parroquia e do mundo. 
Paralelamente o Concello da Estrada trasladaba a festa infantil da carpa que se instalara na Praza da Constitución para un establecemento hosteleiro da vila ante a perigosidade de celebrala na carpa debido ao mal tempo. Paseniñamente fóronse suspendendo todos os actos de  Entroido na Comarca, tanto os organizados no casco urbano coma o Entroido de Guimarei que pasarán a celebrarse nesta fin de semana, confluíndo cos de Arnois. Couso mantivo a festa pero tivo que prescindir dos atranques dos Xenerais. Tamén se celebrou a cuberto a festa infantil de Guimarei no Local do Outeiro.
Deste xeito o Entroido volverá á Estrada vestido de Coresma, esta fin de semana, se o tempo o permite.





Ningún comentario:

Publicar un comentario