6 de setembro de 2016

Así vai ser a IX Fervenza de Músicas:::

Con moita música e alegría, así van comezar as festas do Socorro de Ouzande, ou o que é o mesmo coa IX
edición do festival "Fervenza de Músicas". A Fervenza de Ouzande vén de presentar o evento que contará con cinco grupos en cartel. É o herdeiro do "Músicas da Terra" un festival de gran formato que levara a Ouzande grandes grupos e milleiros de asistentes, hai nove anos cambiaron o formato para ofrecer un ambiente máis de foliada, próximo ao público, sen amplificacións nin escenarios pero revivindo o espírito das festas tradicionais dun xeito máis auténtico. Ano a ano foise consolidando esta nova modalidade e este venres chega á súa IX edición cos dous grupos da casa, Retrouso e Recanto, e con tres formacións convidadas procedentes de Santiago, Dumbría e Pontecesures.
Retrouso é a alma da Fervenza de Músicas, con dous discos xa no mercado e un currículo de concertos e actuacións que o converteron nos últimos anos nun referente do folk galego. A eles súmaselle o grupo de canto tradicional, nacido da necesidade de "saber cancións" para cantar na "Noite no Muíño", converteuse nun gran coro que xa leva moitas actuacións ás súas costas, sempre co espírito festivo do canto tradicional e integrado por veciñas e veciños da parroquia de distintas idades. De Dumbría chegan os Gaiteiros de Buxantes, unha formación interxeracional que aposta decididamente pola recuperación da tradición musical. Pana Raiada é un vello coñecido do Fervenza de Músicas pois participou en varias edicións, procedentes da  parroquia da Gracia na capital galega teñen atrás de si unha escola de música tradicional que fai canteira. E finalmente e procedentes de Cesures, máis de 50 persoas desembarcarán en Ouzande da man da Asociación Cultural Xarandeira. Música e baile para todas as idades desde a beira do Ulla para animar a foliada ouzandesa.
As previsións falan de bo tempo para recibir a Fervenza musical ouzandesa, con temperaturas de 20 graos e tempo seco e solleiro. Desde primeira hora haberá un posto de polbo e todos os alicientes para unha noite na que se prevé unha gran afluencia de público ao Campo da Festa de Ouzande, coa IX Fervenza de Músicas.
Directiva da Fervenza de Ouzande presentando o festival 
Camisola dos Gaiteiros de Buxantes, de Dumbría

Pana Raiada preparndose para unha foto

Parte integrante da AC Xarandeira de Cesures

Retrouso xa ten dous discos no mercado

Recanto nunha actuación anterior en Ouzande

Ningún comentario:

Publicar un comentario