11 de febreiro de 2018

Fitou convertiu este sábado a parroquia de Ouzande na capital mundial do turismo:::

O recinto do IFOU (Instituto Feiral de Ouzande) acolleu este sábado de Entroido a 1ª edición de FITOU, a Feira Internacional de Turismo de Ouzande. Esta edición estivo marcada pola innovación tecnolóxica e polos novos modelos turísticos. Superouse o récord de asistencia e xeráronse cuantiosos ingresos que aínda están por cuantificar. Desde as 20h o IFOU acolleu as últimas propostas, destinos internacionais, axencias e touroperadores, hoteis e restauración, compañías de transporte e empresas de servizos que trataron de explotar ao máximo as súas potencialidades de negocio. A presenza de países foi moi importante, pois ademais dos clásicos destinos europeos como Portugal, España ou Francia, houbo un importante incremento dos destinos asiáticos, co xigante chinés en cabeza. Outros países destacables foron México, Rusia ou Inglaterra. Non faltaron os mandatarios mundiais que apoiaron coa súa presenza o turismo dos seus respectivos países, cabe destacar que a mesma raíña de Inglaterra estivo apoiando en persoa a causa inglesa, logo da caída de ingresos por turismo tralo Brexit. Outro mandatario que non se agardaba en Ouzande foi Carles Puigdemont, quen animou aos asistentes a apoiar o turismo en Cataluña. O país convidado deste ano foi a China que desprazou un gran continxente e mesmo contou con estand propio. O turismo galego tamén tivo cabida cunha forte aposta polos folletos turísticos e a gastronomía. 

A edición máis tecnolóxica.

Non só o papel, senón as novas tecnoloxías e a promoción turística estiveron en boca dos promotores turísticos. A experiencia tecnolóxica hi-grella permitiu aos aistentes gozar dunha experiencia personalizada na degustación de manxares como churrasco, tortilla ou sobremesas de entroido. Os últimos adiantos tamén serviron para presentar novos modelos de turismo máis sostible. Outra das novidades foron as propostas de turismo especializado, como as rutas das meigastour, novas experiencias turísticas para descubrir os aspectos máis máxicos do turismo europeo. Segundo puido saber esta redacción as grandes ausentes no evento foron as cegas do Entroido que non chegaron a tempo á súa cita en Ouzande por estar precisamente facendo turismo no Brasil, aproveitando as baixas temperaturas destes días colleron rumbo ao cálido entroido brasileiro e gozar así coas delegacións ouzandesas naquel país dos costumes locais.






Ningún comentario:

Publicar un comentario