5 de setembro de 2018

Unha gran Noite de "Música Tradicional" abre as festas do Socorro en Ouzande:::

A FOLIADA CONTARÁ CON CINCO GRUPOS, POLBEIRO E BAR, AS FESTAS ESTENDERANSE ATÉ O DOMINGO.

noticia relacionada:

Arquivo: FERVENZA DE MÚSICAS 2015
A Xunta Parroquial de Ouzande recupera a música tradicional nas noites festivas do Socorro. Será con cinco grupos que acturán a pé de Campo, coa intención de recuperar o ambiente festeiro tradicional das foliadas. É continuación tamén dos desaparecidos festivais “Músicas da Terra” e “Fervenza de Músicas” que nas últimas décadas encheron o Campo da Festa de Ouzande con milleiros de festeiros e grupos destacados do panorama musical galego. O programa musical compleméntase cun gran posto de polbo a cargo de Polbeiría Rey de Moreira, onde tamén se poderá degustar churrasco, tamén haberá carro de bebida.
O programa desta noite de música tradicional arrancará, polo tanto, este venres, 7 de setembro de 2018 ás  22:00h no Campo da Festa de Ouzande. 


 Os Xeitosos de Trazo (Trazo) nace por iniciativa deste municipio coruñés no inverno do ano 1979. Comeza como grupo de gaitas e cuns doce membros en total. Unha vez asentados e pasados xa ao redor de dous anos, dan comezo as clases de baile e con iso incorpóranse as primeiras mulleres á agrupación, pasando a ser máis de 30 persoas. Na actualidade, os integrantes están repartidos nas escolas de baile tradicional, gaita e pandeireta, os cales están divididos segundo as idades destes. Tamén se organizan cursos na propia asociación, como o de acordeón ou de iniciación ao baile tradicional para adultos. Mostran o seu traballo por toda a comunidade autónoma galega e nestes últimos anos veñen desenvolvendo actuacións tamén fóra de Galicia e mesmo no estranxeiro. Así mesmo, no ano 2009 asistiron ao Festival Intercéltico Beltaine (en Avilés), e ao Festival Intercéltico de Saint Loup (en Francia). Participaron tamén en numerosos concursos de baile tradicional e de pandereteiras, conseguindo varios premios en distintas categorías. Anualmente realizan un festival no seu concello, ao cal invitan a grupos cos que fan intercambios polo resto do país e Portugal.
OS XEITOSOS DE TRAZO
 Grupo de gaitas da AC Rosalía de Castro (Cacheiras-Teo) Asociación Fundada no ano 1980. O grupo de gaiteiros e pandereteiras conta no seu haber coa obtención, entre outros, dos seguintes premios: Concurso de cuartetos organizado pola Asociación Folklórica Cantigas e Agarimos: 1º premio nos anos 1990 e 1992, e 2º premio en 1991. Concurso de cuartetos tradicionais organizado pola Agrupación Folklórica Rosalía de Castro de Padrón: 2º premio en 1996 e 1º nos anos 1997 e 1998. Concurso “Ricardo Portela” organizado polo concello de Pontevedra: 3º premio e premio especial á mellor interpretación en toque pechado, na edición de 2001. Concurso de Música Tradicional da A. X. Xacarandaina (A Coruña): 1º premio en 1999, 3º en 2000 e 2º en 2001. Concurso “Alalá” da A. F. C. Santa Cruz de Ribadulla (Vedra): 1º premio en 2001. Concurso organizado pola A. X. Xalgarete (Vigo): 2º premio na VIII edición, ano 2002.
Agrupación ROSALÍA DE CASTRO


Grupo Nai (Santiago) O grupo NAI xorde no 2014 coa intención de homenaxear á muller en calquera das súas facetas e tamén as súas emocións e os seus sentimentos. Con este propósito cántanlle á falta de liberdade, á dor, ao desamor, á maternidade, ao maltrato, á perda dun amor, ben a través da música ou ben a través da poesía. Os seus compoñentes actuais son: Marcos Varela.Compositor, arranxos, acordeón, gaita e piano. É ben coñecido en Ouzande ao ser o profesor de canto, acordeón e gaita. Xosé Martíns. Letrista, percusión, gaita e voz. Tamén coñecido pola súa vinculación coa parroquia, sobre todo logo de participar do grupo Retrouso e por ser profesor das clases de percusión. Patricia Quintela. Acordeón e voz. Clara Ponce. Clarinete. Musicalmente nútrense de pezas do repertorio popular galego, do cantautor portugués Zeca Afonso e da música popular do seu país; todos eles arranxados dende o seu punto de vista. Tamén inclúen algunhas composicións de Marcos Varela, compoñente da formación. Recentemente publicaron o seu primeiro traballo discográfico, co mesmo nome que o grupo: Nai.
Grupo NAI 


 Retrouso (Ouzande) Fundado en Ouzande en 2005. Integrado por veciños de Ouzande ou persoas próximas á parroquia. Nestes anos o grupo converteuse nun dos referentes da música tradicional da comarca, participando en festivais como o desaparecido Músicas da Terra, de Ouzande; no Folk de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso; Coto Manguelo de Orazo, etc. O ano 2012 presentou o seu primeiro disco, OU, de extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional. No ano 2016 presentaron o seu segundo disco DOUS, no Teatro Principal da Estrada. 

 Recanto (Ouzande) Agrupación dunha vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás cancións tradicionais. Novidosa proposta que xurdiu a raíz das clases de canto tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande desde o ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu convidada, ese mesmo ano, ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, e participou desde aquela en foliadas e certames de cantos de Taberna en Pontecesures, Trazo, Arzúa, A Estrada ou Santo André de Vea.
RETROUSO e RECANTOnunha actuación conxunta

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Sígueme por correo electrónico:::