22 de xuño de 2019

Ouzande ofrece unha festa do Lumeiro, diferente:::

Unha festa... diferente, así o vén de anunciar a organización, a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande. Trátase da celebración do Lumeiro que cada 23 de xuño, desde a tarde leva ao Campo da Festa desta parroquia o espírito máxico do solsticio de verán. Un verán recén encetado e que vén de poñer a todas as entidades organizadoras de eventos deste estilo entre as cordas, pois as previsións metereolóxicas non eran ata onte moi estivais. Finalmente o tempo permitirá que as lumieiras de San Xoán queimen males e purifiquen o aire. Pero, por que o Lumeiro de Ouzande é tan diferente? pois por xenuíno, rescatamos un video de 2012 no que contabamos nesta mesma plataforma como se celebraba daquela esta festividade. E segue sendo igual, esa é a particularidade. O Lumeiro de Ouzande mantense fiel á tradición. É unha festa colectiva, acolledora e participativa. Veciños, festeiros, curiosos, todo o mundo é benvido. Non hai barullo electrónico, só o son da natureza, o poder do lume e da conversa, hai espazo para a maxia e para que o mundo se para aos nosos pés.
Comeza xa pola tarde, están convocados todos os que así o desexen a recoller as herbas do San Xoán coas que se realiza a pócema máxica coa que comeza o ritual. Xa só aprender as propiedades e os nomes das herbas é todo un logro. E a seguir vanse congregando no Campo da Festa veciños e extraños para participar ao carón do lume, cunhas varas de loureiro van asando os seus chourizos e van ceando informalmente mentres comparten conversa, coñecen e recoñecen aos veciños cos que non cadran en tempo... a terapia da conversa é fundamental pero tamén a de deixar escritos nuns papeis eses males que se queren queimar, irán no saco do Home do Saco para o lume, e non o fan de calquera maneira; unha procesión nocturna que acaba no LUMEIRO, unha pira de lume que devora todo o negativo que cadaquén quere alí deixar... e que dá comezo á música e ás danzas tradicionais. A mellor maneira de darlle a benvida ao verán, dun xeito positivo e conectado coa natureza. Por iso, por iso é DIFERENTE, porque o máis natural xa non o é, e teno que ser.

Resultado de imaxes para lumeiro ouzande


Ningún comentario:

Publicar un comentario