20 de outubro de 2012

"Todo é Silenzo" abre o Festival de Cine de Valladolid:::

O filme Todo é silenzo de José Luis Cuerda é o encargado de abrir o Seminci, o Festival de Cinema de Valladolid que se desenvolve desde hoxe e ata o 27 de outubro. No acto de inauguración estará o actor ouzandés Xoque Carbajal, quen participa na obra.
Todo é Silenzo rodouse hai un ano con exteriores en Galicia, nesta película traballan actores e actrices da talla de Quim Guitiérrez, Miguel Ángel Silvestre, Celia Freijeiro, Juan Diego, Axel Fernández, Carolina Cao, Sergio González ou Chete Lera.
O filme conta a historia dunhas redes de contrabando e como dominan en varias vilas galegas. As casualidades fan que uns amigos da infancia, alleos a todo, busquen na costa obxectos útiles no medio do que deixa o mar. A trama argumental consolídase no momento en que entran en contacto co capo que domina na zona e co que van ter problemas.
Esta película está baseada no libro homónimo de Manolo Rivas, como xa o fora o filme A lingua das bolboretas do mesmo director.
Xoque Carbajal tivo que perder 11 kg para encarnar a Chelín, un personaxe dominado polas drogas nun ambiente mariñeiro e corrupto.
 José Luis Cuerda, director de Todo é Silenzo
Xoque Carbajal, quen encarna un drogadicto de nome Chelín

19 de outubro de 2012

Presentan "a noiva e o navio" de Susana Sánchez no local social:::

O vindeiro sábado 27 de outubro, o local social de Ouzande acolle a presentación do poemario A noiva e o navio de Susana Sánchez. Será ás 8 do serán e estará presentada por Uxío Allo.
Susana é natural do Foxo e socia da Fervenza de Ouzande desde hai anos, motivo polo cal escolleu esta parroquia para a presentación do seu segundo libro na comarca da Estrada. Desde hai uns anos vive na Arousa, experiencia grazas á cal nace A noiva e o navio. Trátase da historia dunha travesía marítima protagonizada por dous amantes. Este é o segundo poemario de Susana, logo de publicar [de]constuçom tras ser galardoada en 2009 co Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Pallaré.

Para a súa presentación en Ouzande, a autora traerá ao arousán Uxío Allo, quen é tamén socio da Fervenza de Ouzande e alumno das clases de música tradicional que se desenvolven na parroquia, ninguén mellor ca Uxío para presentarnos o mar do que fala Susana na obra.

Aínda que está xa a venda nas librarías da zona, A noiva e o navio pódense adquirir no local social o día da presentación oficial.


 Imaxes da presentación do libro na Illa de Arousa
Cartel da presentación en Ouzande que será o próximos sábado 27 ás 8 do serán

16 de outubro de 2012

Xornada electoral este domingo no local social:::

O local social de Ouzande acollerá este domingo día 21 unha das mesas para as eleccións ao Parlamento de Galicia. Os/As electores/as poderán votar a partir das 9:00 horas.
Como xa vén sendo habitual, poderáse exercer o dereito ao voto ata as 8 do serán, hora en que se pecharán as portas do local social para proceder a facer os cómputos das votacións.
O/A elector/a pode levar a súa papeleta xa preparada no seu sobre, ou ben seleccionar a papeleta de voto no propio colexio electoral e introducila no sobre xa que necesariamente debe haber papeletas suficientes de todas as candidaturas nas cabinas ou nas súas proximidades. Para preservar o segredo do seu voto o electorado pode seleccionar a súa papeleta na cabina instalada nun recuncho do local se así o desexa. Unha vez na mesa cómpre mostrar o DNI, carné de conducir ou pasaporte  e dicir o seu nome e apelidos para que as persoas elexidas por sorteo para xestionar as votacións procedan a levantar acta de que o elector en cuestión cumpriu co seu dereito a votar.
No local social reconvertido a electoral poderán estar interventores de todos os partidos que así o soliciten e que poden tomar nota dos votos emitidos para comprobar que non hai lugar a confusións.
Unha vez rematado o período das votacións, os membros da mesa contarán os votos emitidos na sala e por correo para logo levantar acta dos resultados electorais que aporta a parroquia de Ouzande de cara á composición do Parlamento nos próximos catro anos.

11 de outubro de 2012

Preestrean a curtametraxe "Te pillé"

A curtametraxe dirixida por Abel Carbajal e na que actúan coñecidos actores da comarca xa é unha realidade logo de moito tempo de traballo e rodaxe. Os exteriores foron filmados na Estrada e xa se pode ver un adianto. Hoxe as persoas que traballaron para facer realidade esta curtametraxe fixeron unha preestrea no local social de Ouzande ás 9.30 do serán. En breve daráno a coñecer ao público en xeral.

As beirarrúas de Ouzande volven ser noticia:::

As malnacidas beirarrúas de Ouzande volven estar de actualidade desde que o alcalde da Estrada anunciou nunha rolda de prensa que se contruirá un novo tramo desde o Tallo e ata a zona da taberna, aínda que só polo lateral dereito da vía. A operación custaríalle ás arcas municipais 150.000 euros. Lonxe de ser motivo de alegría para a veciñanza, esta é unha nova que se acolle con desconfianza. A causa disto é que a construción das xa existentes foi moi lenta, insanamente politizada e o resultado non contentou aos transeúntes pois son moi estreitas e non deixan moito espazo para o aparcamento. Este novo aviso de construción do tramo dáse en plena campaña electoral e é incompleta, pois a petición popular é que estas cheguen polas dúas marxes ata a igrexa de Ouzande. Agora só falta agardar para ver se este anuncio vai máis alá dunha declaración de intencións, desde logo será tema de conversa a retomar nas casas e camiños da parroquia.





imaxes de arquivo do inicio das obras

O 18 de outubro comezan as clases de xerontoximnasia:::

Un total de 13 persoas están inscritas xa para as clases de xerontoximnasia que se han desenvolver en Ouzande os xoves ás cinco da tarde. Unha empresa privada, de nome Sisel, será a encargada de desenvolver estas actividades durante nove sesións consecutivas a partir do día 18 de outubro. Esta é unha iniciativa do Concello da Estrada que xa chega a Ouzande por segundo ano consecutivo. Na edición anterior remataron cun torneo de brilé e cachibol que deixou un sabor agridóce ás nosas conveciñas; por un lado houbo falta de planificación aínda que polo outro o divertimento e o compañeirismo foi a nota dominante.  

2 de outubro de 2012

Publicados os horarios dos cursos de música e baile tradicional:::

A Fervenza de Ouzande vén de facer públicos os horarios das clases de música e baile uqe se desenvolverán durante o curso 2012/2013 no Local Social de Ouzande. Os sábados pola mañá haberá clases de acordeón de 10.30 a 11.30 mentres que as de tamboril serán de 11.30 a 12.30. Por outra banda as clases de gaita terán dúas modalidades, unha para iniciación tamén os sábados de 11.30 a 12.30 e o grupo de perfeccionamento terá a súa sesión semanal ás 12.30 e ata as 13.30. Xa en horario de tarde celebraranse as de pandeireta, en dous turnos (iniciación e perfeccionamento) e mais as de baile tradicional. Os horarios destas dúas disciplinas determinaranse nas próximas datas. As persoas interesadas están convidadas o sábado 6 ás 16.00 para establecer as horas exactas entre o alumnado e a profesora. E en horario de noite terá lugar o curso de cancións tradicionais de 22.00 a 23.00 SÁBADOS. Estes horarios fixéronse públicos trala reunión do pasado sábado á que acudiron un grupo importante de alumnos e na que xa comezaron as inscricións. Desde a organización avisan de que aínda quedan prazas en case todas as disciplinas e basta con acodir nos horarios establecidos ou informándose na Taberna de Ouzande. As clases comezan este sábado día 6 de outubro.
O pasado sábado houbo unha reunión na que se estableceron os horarios e na que o alumnado encetou o curso cunha demostración