10 de novembro de 2012

AXENDA de OUZANDE:::

MÉRCORES
         17:00 a 18:00h xerontoximnasia (Sisel-Concello da Estrada) non todo o ano


SÁBADOS
          10:30 a 11:30 ACORDEÓN. Profesor: Marcos Varela.
          11:30 A 12:30 GAITA (INICIACIÓN) Profesor Marcos Varela.
          11:30 a 12:30 TAMBORIL. Profesor Xosé Martíns Fofi
          12:30 A 13:30 GAITA (Perfeccionamento) Profesor Marcos Varela.
          16:30 a 18:30 PANDEIRETA. Profesora Silvia Martínez 
          22:00 a 23:00 CANCIÓNS TRADICIONAIS Profesor Marcos Varela.

As inscricións están abertas nas clases de música, cómpre pórse en contacto coa Fervenza de Ouzande (carreirosouzande@gmail.com) e as de xerontoximnasia están pechadas (máis info Concello da Estrada)

9 de novembro de 2012

"Todo é silencio" xa está nos cinemas:::

Desde hoxe, o filme Todo es silencio xa está nas salas dos cinemas comerciais galegos. A versión cinematográfica da novela homónima de Manuel Rivas foi preestreada onte na Coruña e xa figura nas carteleiras. 
Co trasfondo do narcotráfico, conta a historia de Frins e Brinco, dous mozos rivais pero amigos que a finais dos anos sesenta compiten por unha moza de nome Leda. Inocentemente xogan a buscar tesouros na praia, rescatando obxectos que van deixando as mareas. Xorde o amor entre Leda e Frins ao tempo que as dificultades serias para os personaxes. Pasan 20 anos afastados ata que se Frins volve sendo policía a traballar á súa vila natal. Mestura de traballo e emocións nun ambiente moi distinto ao de anos atrás.
O filme foi dirixido por José Luis Cuerda e conta cun reparto de actores de primeira liña na escena cinematográfica española; algúns galegos, como Luis Zahera ou o ouzandés Xoque quen encarna un drogadicto da vila.

Cartel de Todo es silencio, xa nos cines
Trailer do filme

6 de novembro de 2012

"Pedigree" alcanza o 2º premio do Festival Internacional de Cine de Ourense:::


Hoxe déronse a coñecer os gañadores da 17ª edición do OUFF ESCOLA (Festival de cine internacional de Ourense). A obra presentada polo obradoiro de creación artística do IES Manuel García Barros, PEDEGEE, acadou o segundo premio de entre outras 45 no ámbito educativo de ensino secundario. A curtametraxe versa sobre o maltrato animal e é unha creación de animación a partir de plastilina, como xa o fora Dairas, obra que tivo moi boa acollida de público. Á fronte deste obradoiro está o ouzandés Miguel Carbajal, profesor de música no centro.

4 de novembro de 2012

Xa hai 18 persoas nas clases de canto tradicional:::

Nos últimos anos, en Ouzande foise creando unha auténtica escola de música tradicional. A Fervenza de Ouzande comezou a ofertar pandeireta, baile e gaita. A veciñanza acolleu de bo grao esta oferta formativa, tal foi así que foi in crescendo e houbo que ofertar acordeón, percusión... Este verán, na festa dunha "noite no muíño" comezouse a corear "clases de canto xa", e así foi. A asociación cultural pediulle ao entregado profesor de gaita, Marcos Varela un pouco de axuda. O máis complicado foi fixar un horario, pois este debía ser os sábados ás dez da noite. O que en principio parecía un incoveniente, en poucas semanas convertiuse nunha cita imprescindible en Ouzande. Comezaron con "Camariñas" e co "Cantar do Arrieiro", foise unindo máis e máis xente; na actualidade hai 18 alumnos de moi distintas idades nas clases. Levan poucas sesións, pero xa contan de cantar o día 17 de novembro ante o seu primeiro público; a veciñanza que acoda á festa do Magosto na parroquia.
O éxito destas clases radica en que non se preparan para "actuar" no sentido convencional da palabra, senón que a xente vai "para aprender", tanto en canto coma no resto das disciplinas. A maior parte quere saber cancións, tocar algún intrumento ou bailar para poder participar nas fermosas festas con que A Fervenza de Ouzande agasalla constantemente ao público.


Un momento ao inicio dunha das clases do grupo de canto tradicional

3 de novembro de 2012

Novo look para o Campo da Festa:::

O Campo da Festa de Ouzande locirá unha nova imaxe nos próximos meses grazas ás obras que se acaban de iniciar para arranxalo. A Xunta Parroquial vén de solicitarlle ao Concello da Estrada terra para botar polo chan e así poder achanzala e facer que medre herba dun xeito homoxéneo.
A terra xa está no Campo da Festa, agora só falta que sexa distribuída, que se semente herba e que se coide para que as vindeiras actividades a realizar no recinto festivo da parroquia conten cun piso  debidamente acondicionado.
A Xunta Parroquial tamén planea outras obras para optimizar o espazo na parte inferior do local e a construción dun pequeno almacén para gardar as infraestruturas das festas.

O Campo da Festa será cuberto con terra

Arestora a terra está amoreada na parte central do Campo da Festa

2 de novembro de 2012

As bicicletas son para o outono:::

 A Peña ciclista BIKESTRADA vén de facer público o calendario de saídas populares para este outono. Haberá dúas modalidades; unha para toda a familia e á que poden ir os pais cos seus fillos e outras para adultos. Calquera das dúas opcións é totalmente factible, mesmo para persoas que non estean moi adestradas niso de saír ao monte sobre dúas rodas.
O 11 e 18 de novembro celebraranse as "infantís", a primeira delas percorrerá a nosa parroquia e mais a da Somoza, o percorrido non ascende dos 10km e non contempla grandes costas.
O 25 de novembro e o 2 de decembro son as datas escollidas para as dirixidas aos adultos, teñen sobre 25km de percorrido e os destinos son distintos puntos do municipio estradense.

foto de Bikestrada nunha ruta infantil en edicións pasadas

Cartel das RUTAS BTT de BIKESTRADA

1 de novembro de 2012

O novo tramo das beirarrúas podería ser construído en 2013:::

Segundo vén de informar o Concello da Estrada, as beirarrúas proxectadas desde o Tallo e até a igrexa de Ouzande, poderían ser construídas no vindeiro ano. O orzamento para ás mesmas é de 500.000€ e as obras poderían iniciarse no mesmo mes de xaneiro. O tramo a facer sería só dun lado da estrada, en concreto pola  parte dereita segundo imos cara á igrexa, afectaría a unha lonxitude de 500 metros e contaría coa mesma dotación que os 400 xa contruídos. Parece ser que xa falaron con todos os propietarios e que estes ceden desinteresadamente os terreos para que así se poida facer esta necesaria obra para a seguridade vial da parroquia. Polo de pronto, o proxecto terá que pasar o visto bo de Patrimonio, sobre todo polos últimos 100 metros, que entran na zona de especial protección deste organismo debido á proximidade da igrexa ouzandesa. 
O tramo a construír vai dende O Tallo e até a
igrexa de Ouzande (500m)
Na actualidade non hai beiravías;
desde a calzada pásase á cuneta