14 de agosto de 2013

Couso rendiuse ao encanto pola tradición:::

A parroquia de Couso rendiuse un ano máis ás "Nosas Músicas", e xa van aló 18 noites de música folk organizadas pola asociación cultural A Xesteira de Couso. A actividade no Campo da Festa xa comezou ás 16:30h cun obradoiro de Davide Salvado sobre canto e percusión. Chucho Estévez tomoulle o relevo coa percusión miúda. Ao mesmo tempo Xandobela levou xogos tradicionais ás ribeiras do Ulla, Marcos Botana ofreceu un obradoiro de iniciación ao baile tradicional e contra o serán desenvolveuse unha actividade chamada "Ruadiña haina haina" coa actuación de Trébede e mailas pandereteiras de Pazos de Borbén e Mondariz.
O que máis tardou en chegar foron as actuacións da noite. A primeira foi a de Retrouso que sorprendeu a quen aínda non os coñecía. Moi aplaudida foi a voz de Miriam de Trazo que cantou cos ouzandeses. A seguir os rianxeiros Vai de Roda encheron de festa a noite, chamou moito a atención a actuación das súas novas pandereteiras. Quempallou foi un dos grupos máis agardados e non defraudou. Xa para despedir estiveron os vigueses Zurrumallada. Ghusto do Boi animou a festa a pé de campo mentres se facían os cambiso no palco.
AS NOSAS MÚSICAS de Couso constitúe unha das citas festivas máis destacadas do panorama comarcal, facendo que a música de raíz sexa cada vez máis fonda na bisbarra. As próximas festas deste xénero son o día 30 en San Xurxo de Vea e o 6 de setembro en Ouzande coa foliada "Fervenza de Músicas".
Retrouso abriu o festival 

As pezas de Retrouso foron caldeando o ambiente

Os bailes foron os protagonistas da noite

Gran cantidade de público achegouse a Couso para festexar As Nosas Músicas

As pandereteiras de Vai de Roda sorprenderon polo seu bo facer a pesar da súa mocidade

Ghusto do Boi animou a festa a pé de campo

Instalan un panel informativo fronte á igrexa:::

Un panel informativo vén de ser intalado na entrada á igrexa parroquial de Ouzande, trátase dunha estrutura de cor branca e acristalada, con pechadura e unha especie de cuberta para protexelo da chuvia. A veciñanza descoñece aínda os usos deste panel aínda que non lle pasou desapercibido debido ás súas grandes dimensións e á ubicación escollida.

AS CATRO ESPIÑAS DA IGREXA DE OUZANDE

O templo parroquial de Ouzande é un dos reclamos turísticos da comarca, tanto polo valor artístico de varios dos elementos que o compoñen como polo seu bo estado de conservación. Cada vez son máis os visitantes que chegan á parroquia preguntando non só polos muíños da Fervenza senón tamén pola igrexa románica, sorprendéndose do ben coidado que está o seu entorno. Aínda así sorpréndenlle as catro espiñas que Ouzande ten clavadas darredor do seu adro:

1-POSTES DE FORMIGÓN
A historia destes dous xigantes que contrastan coa ábsida románica da igrexa xa vén de atrás. Logo de que a policía autonómica recomendase retirar un repetidor de televisión deste lugar, quedou un dos postes totalmente inutilizado. O segundo sostén uns cables que pasan xusto por riba do templo. Os turistas que buscan facerse unha foto neste idílico lugar compiten con estoutros dous visitantes que non dan marchado.

2-O LIXO
Mentres que o adro goza dun pulcro mantemento e os turistas aproveitan os seus valados para sentar á sombra, é poderoso o contraste cos distintos colectores de lixo no frontal da igrexa. Unha proposta interesante que circula por aí é situalos no lateral de acceso ao Campo da Festa e protexelos con paneis de madeira que aminoren o feísmo que estes xeran.

3-O PANEL INFORMATIVO
No seu momento, a Xunta Parroquial construíu unha serie de paneis informativos de carácter veciñal. Un deles está situado na entrada á igrexa e é moi discreto, pois está feito de madeira e metal enferruxado polo que non destaca ante a suntuosidade do valado que circunda o templo. Estoutro que vén de ser intalado sobrepasa en altura o muro e é de cor branca polo que contrasta enormemente coa pedra ouzandesa.

4-O CRUCEIRO LAVADO
No medio e medio do adro está o cruceiro do século XVI que é interesante para mostrarlle aos turistas tanto polo traballado que está como polo bo estado de conservación, esta ansia de protexer o propio xogoulle unha mala pasada a este cruceiro que hai un ano foi lavado con auga a presión perdendo parte da súa esencia.
O panel sobrepasa en altura o muro da igrexa











Os veciños pensan que se utilizará para colar bandos e outros documentos oficiais

Os dous postes de formigón que atopan os turistas cando rodean a igrexa

11 de agosto de 2013

O Mago Toño pechou as Festas Patronais:::

A actuación do MAGO TOÑO supuxo o peche das festas patronais de Ouzande 2013, unha celebración que comezou o pasado venres coa actuación da orquesta Galilea, contra a unha da madrugada a cantante Pili Pampín tomoulles o relevo cunha repertorio de poupurrís de música popular galega, rancheiras ou boleros. Ata Ouzande achegáronse os seus incondicionais seareiros así como moitas persoas curiosas por ver á televisiva cantante. O bo tempo non só luciu a súa actuación senón que quedou para toda a fin de semana. Xa o sábado, día de San Lourenzo houbo festa con dous dúos; DISEÑO e MAREA, o primeiro foi o encargado de animar a sesión vermouth. A verbena estivo menos concurrida a pesar das temperaturas agradables da estrelada noite de San Lourenzo. Hoxe domingo durante a mañá confeccionouse unha alfombra floral no adro da igrexa, ao pé do centenario cruceiro. Os ecos da música da charanga OS ATREVIDOS fixéronse sentir por toda a aldea grazas ao pasarrúas matutino. Coa procesión do Santísimo Sacramento desfíxose a obra floral e comezou a sesión vermouth animada pola mencionada charanga. Ás sete e media da tarde o público ateigaba o Campo da Festa, mesmo quedando de pé para ver a actuación do MAGO TOÑO. Xa era a terceira vez que actuaba na parroquia polo que veciños e amigos do artista estradense non faltaron á cita. Foi un espectáculo dirixido a todos os públicos pero no que tiveron moito protagonismo os moitos nenos que interactuaron co mago. 
As citas festivas continúan a vindeira semana coa festa UNHA NOITE NO MUÍÑO que será o sábado 17 no Muíño do Rubio.
Unhas 150 persoas seguiron o espectáculo do Mago Toño


Pili Pampín deu un concerto cheo de música popular, boleros e rancheiras

O público seguir de preto a actuación da orquestra Galilea e da televisiva Pili Pampín

A alfombra floral ao pé do cruceiro foi a grande novidade e atracción deste ano

8 de agosto de 2013

Ouzande apura os últimos preparativos para o San Lourenzo 2013:::

programa festivo

 Hoxe comezan as festas patronais de Ouzande coa actuación de Pili Pampín e a orquestra Galilea, pero en Ouzande os preparativos apúranse ata o último momento. No Campo da Festa xa está montada parte da infraestrutura que acollerá estes tres días de festexos, durante o día quedará todo listo. As pistas da parroquia están tamén estes días cambiando de aspecto logo da chegada de varios tractores que se afanan por deixar limpas de maleza as beiravías, unha necesidade moi demandada pola veciñanza nos últimos meses. De cara ao domingo tamén se está a preparar unha alfombra floral posto que é o día do Santísimo Sacramento e habitualmente faise a procesión con distintos elementos vexetais, pero hogano haberá unha completa alfombra floral que xa está deseñada e que se montará durante a mañá. A Fervenza de Ouzande organiza para o domingo a actuación do Mago Toño, polo que tamén utliman algúns aspectos organizativos en relación a esta actividade.


Limpeza nunha pista do Tallo

Este ano a novidade será unha alfombra floral


6 de agosto de 2013

Atracan o Cash Froiz e maila gasolineira de Liñares:::

O pasado venres día 2 de agosto, o almacén de venda ao por maior ubicado ao pé da EP-7001 (A Estrada-Forcarei) entre o Cano Sifón e O Zarabeto sufriu un atraco a punta de pistola. Os feitos aconteceron sobre as nove do serán cando tres individuos entraron no citado local con pasamontañas e armados con pistolas e coitelos. Obrigaron ao empregado que naquela hora estaba no establecemento a entregar o diñeiro dispoñible e mailas chaves do seu coche particular. Este accedeu ás indicacións dos atracadores e non houbo que lamentar consecuencias maiores.  Os atracadores abandonaron o lugar no coche roubado, que foi encontrado horas máis tardes en Figueiroa, na zona do Cemiterio Municipal. Desde a empresa de distribución alimentaria recoñeceron o feito pero non lle quixeron dar maior importancia para evitar darlle publicidade. Así mesmo, o empregado afectado cursou a correspondente denuncia. Non se sabe a canto ascende a cantidade de diñeiro roubado. Lamentablemente este non é un feito aillado, pois na madrugada do pasado mércores tamén foi asaltada a gasolineira ubicada na parroquia de Lagartóns, desta vez con importantes danos no local. Non se sabe se existe relación entre os dous sucesos e as forzas de seguridade manteñen aberta unha investigación para esclarecer estes feitos tan graves.
Nave de Distribuciones Froiz S.A. na EP-7001 nos lindes entre Ouzande e Guimarei


2 de agosto de 2013

Ouzande ultima os preparativos das festas patronais:::

 O vindeiro venres día 9 de agosto ás 10 da noite comezan as actividades das festas patronais de Ouzande cunha verbena amenizada pola orquesta estradense GALILEA que presentará o seu espectáculo Galilea 2013. Ao escenario tamén subirá a cantante Pili Pampín que este ano celebra o seu 22 aniversario como cantante. María del Pilar Villar Rivas tomou xa desde o inicio este nome artístico en referencia ao Restaurante Pampín  que seu pai rexentaba na vila de Padrón. Nos seus últimos discos deu un xiro a pezas do repertorio tradicional e cara ás rancheiras. Unha das súas últimas fazañas ante o público foi nun programa da TVG chamado "O Clan dos Impostores" onde tivo que desempeñar distintos oficios.
Agárdase que a verbena do venres atraia a moita xente, para o cal a Polbeiría Porta instalará un carro no Campo onde se servirá o típico polbo e churrasco.

O sábado día 10 a festa comeza á unha do mediodía cos actos relixiosos en honra ao patrón da parroquia, San Lourenzo. A seguir a sesión vermouth estará amenizada polo DÚO DISEÑO. Pola tarde a festa xa se traslada ás casas particulares e pola noite está programado que o DÚO DISEÑO e mailo DÚO MAREA amenicen a velada.
A festa do domingo día 11 está dedicada ao Santísimo Sacramento e os actos relixiosos son á unha e media. Durante a mañá a CHARANGA OS ATREVIDOS fará un pasarrúas pola aldea, animando á veciñanza a achegarse á sesión vermouth. A festa non dá tregua e pola tarde actuará o MAGO TOÑO, cunha función dirixida a todos os públicos. O Mago Toño xa é coñecido en Ouzande logo de ter actuado en varias ocasións, unha das características deste artista estradense é que non hai dous espectáculos iguais, así como que non deixa de sorprender ao público con xogos e ilusión. O humor é o outro ingrediente polo que é ben recibido en Ouzande tal e como se puido comprobar nas actuacións anteriores.

Couso presenta "As nosas músicas 2013":::

A parroquia de Couso vén de publicitar o cartel da XVIII edición do festival de música de raíz "As Nosas Músicas". Será o próximo mércores 14 de agosto no Campo da Festa. As actividades comezan xa pola tarde con obradoiros de música tradicional galega; canto, percusión, tarañolas, culleres ou cunchas. A festa compleméntase con xogos populares, cun obradoiro de iniciación ao baile tradicional ou unha "ruadiña". Todo isto será a antesala dos concertos que comezan ás 11 da noite e que subirán ao palco aos nosos veciños ouzandeses RETROUSO, aos rianxeiros VAI DE RODA, a GHUSTO DO BOI de Boqueixón, Quempallou (do Incio e mailo Morrazo) e Zurrumalla de Vigo.