14 de agosto de 2013

Instalan un panel informativo fronte á igrexa:::

Un panel informativo vén de ser intalado na entrada á igrexa parroquial de Ouzande, trátase dunha estrutura de cor branca e acristalada, con pechadura e unha especie de cuberta para protexelo da chuvia. A veciñanza descoñece aínda os usos deste panel aínda que non lle pasou desapercibido debido ás súas grandes dimensións e á ubicación escollida.

AS CATRO ESPIÑAS DA IGREXA DE OUZANDE

O templo parroquial de Ouzande é un dos reclamos turísticos da comarca, tanto polo valor artístico de varios dos elementos que o compoñen como polo seu bo estado de conservación. Cada vez son máis os visitantes que chegan á parroquia preguntando non só polos muíños da Fervenza senón tamén pola igrexa románica, sorprendéndose do ben coidado que está o seu entorno. Aínda así sorpréndenlle as catro espiñas que Ouzande ten clavadas darredor do seu adro:

1-POSTES DE FORMIGÓN
A historia destes dous xigantes que contrastan coa ábsida románica da igrexa xa vén de atrás. Logo de que a policía autonómica recomendase retirar un repetidor de televisión deste lugar, quedou un dos postes totalmente inutilizado. O segundo sostén uns cables que pasan xusto por riba do templo. Os turistas que buscan facerse unha foto neste idílico lugar compiten con estoutros dous visitantes que non dan marchado.

2-O LIXO
Mentres que o adro goza dun pulcro mantemento e os turistas aproveitan os seus valados para sentar á sombra, é poderoso o contraste cos distintos colectores de lixo no frontal da igrexa. Unha proposta interesante que circula por aí é situalos no lateral de acceso ao Campo da Festa e protexelos con paneis de madeira que aminoren o feísmo que estes xeran.

3-O PANEL INFORMATIVO
No seu momento, a Xunta Parroquial construíu unha serie de paneis informativos de carácter veciñal. Un deles está situado na entrada á igrexa e é moi discreto, pois está feito de madeira e metal enferruxado polo que non destaca ante a suntuosidade do valado que circunda o templo. Estoutro que vén de ser intalado sobrepasa en altura o muro e é de cor branca polo que contrasta enormemente coa pedra ouzandesa.

4-O CRUCEIRO LAVADO
No medio e medio do adro está o cruceiro do século XVI que é interesante para mostrarlle aos turistas tanto polo traballado que está como polo bo estado de conservación, esta ansia de protexer o propio xogoulle unha mala pasada a este cruceiro que hai un ano foi lavado con auga a presión perdendo parte da súa esencia.
O panel sobrepasa en altura o muro da igrexa











Os veciños pensan que se utilizará para colar bandos e outros documentos oficiais

Os dous postes de formigón que atopan os turistas cando rodean a igrexa

Ningún comentario:

Publicar un comentario