14 de agosto de 2013

Couso rendiuse ao encanto pola tradición:::

A parroquia de Couso rendiuse un ano máis ás "Nosas Músicas", e xa van aló 18 noites de música folk organizadas pola asociación cultural A Xesteira de Couso. A actividade no Campo da Festa xa comezou ás 16:30h cun obradoiro de Davide Salvado sobre canto e percusión. Chucho Estévez tomoulle o relevo coa percusión miúda. Ao mesmo tempo Xandobela levou xogos tradicionais ás ribeiras do Ulla, Marcos Botana ofreceu un obradoiro de iniciación ao baile tradicional e contra o serán desenvolveuse unha actividade chamada "Ruadiña haina haina" coa actuación de Trébede e mailas pandereteiras de Pazos de Borbén e Mondariz.
O que máis tardou en chegar foron as actuacións da noite. A primeira foi a de Retrouso que sorprendeu a quen aínda non os coñecía. Moi aplaudida foi a voz de Miriam de Trazo que cantou cos ouzandeses. A seguir os rianxeiros Vai de Roda encheron de festa a noite, chamou moito a atención a actuación das súas novas pandereteiras. Quempallou foi un dos grupos máis agardados e non defraudou. Xa para despedir estiveron os vigueses Zurrumallada. Ghusto do Boi animou a festa a pé de campo mentres se facían os cambiso no palco.
AS NOSAS MÚSICAS de Couso constitúe unha das citas festivas máis destacadas do panorama comarcal, facendo que a música de raíz sexa cada vez máis fonda na bisbarra. As próximas festas deste xénero son o día 30 en San Xurxo de Vea e o 6 de setembro en Ouzande coa foliada "Fervenza de Músicas".
Retrouso abriu o festival 

As pezas de Retrouso foron caldeando o ambiente

Os bailes foron os protagonistas da noite

Gran cantidade de público achegouse a Couso para festexar As Nosas Músicas

As pandereteiras de Vai de Roda sorprenderon polo seu bo facer a pesar da súa mocidade

Ghusto do Boi animou a festa a pé de campo

Ningún comentario:

Publicar un comentario