5 de agosto de 2014

Este domingo celébrase o Gran Xogo do Caldeiro Penzo:::

O vindeiro domingo é o 10 de agosto, día de San Lourenzo, patrón de Ouzande. E para celebralo por todo o alto, A Fervenza de Ouzande ideou un orixinal xogo dirixido especialmente aos máis pequenos da casa pero no que deben participar tamén maiores. A actividade é totalmente de balde. Chámase o "Gran Xogo do Caldeiro Penzo" e está pensado para celebrar as festas de Ouzande da mellor maneira posible, aprendendo de xeito lúdico moitas cousas da parroquia. O propio nome da actividade xa fai referencia a un dito moi repetido na parroquia "Aí vén o San Lourenzo co seu caldeiro penzo". Os caldeiros penzos son os que están inclinados ou torcidos e serán os que teñan que usar os participantes para percorrer distintos sitios da parroquia ao tempo que investigan cousas relacionadas coa historia, natureza, arquitectura ou toponimia locais. A Fervenza de Ouzande explica no seu blog Carreiros a trama da actividade "Un grupo de turistas encantad@s están agardando polo desencantamento" e así os mociños e e mociñas que se acheguen ao Campo da Festa o domingo 10 ás 18.30h terán "todo o poder" para "desenmeigar a estes turistas". Desta forma os participantes farán un percorrido turístico e lúdico por distintos puntos da parroquia para axudarlle aos turistas no seu desencantamento a golpe de caldeiro penzo.
Esta actividade pechará as festas patronais 2014 de Ouzande que se celebran esta fin de semana, as vésperas son o venres 8, haberá unha verbena cunha orquestra e a actuación do humorista Isi, o sábado música con Retrouso pola mañá e dous tríos pola noite. O domingo gran alfombra floral no adro e música coa charanga Os Atrevidos, e pola tarde, ás 6 e media no Campo da Festa "O Gran Xogo do Caldeiro Penzo".

Couso, San Xurxo de Vea e Ouzande ultiman os seus festivais folk:::

As parroquias de Couso e San Xurxo de Vea ultiman os preparativos para sendos festivais folk. O Val de Vea tómalle o relevo a Callobre marcando os vindeiros  14 de agosto e 5 de setembro en vermello no calendario festivaleiro da comarca. Couso inaugura o próximo mércores 14 de agosto a súa festa ás 17:00h cun espazo chamado  DE TROULA EN TROULA e que consiste en xogos tradicionais para todas as idades, con XANDOBELA. Media hora máis tarde, ás 17:30 abre a feira de artesanía galega ARTECOUSO Contra ás 19:00h e co título de "PASEO, PUNTO, VOLTA" celebran un obradoiro de iniciación ao baile tradicional, con Marcos Botana. Chegados ás 20:30h a Asociación Tamparrantán de Vea presenta "POR CAMPAR, RABEAR" unha exposición de indumentaria tradicional. Contra a noitiña, ás 21:45h e baixo o suxerente título de "RUADIÑA HAINA HAINA" faise unha ruada aberta, que será antesala dos concertos no palco e que comezan ás 11 da noite da man das PANDEIRETEIRAS DE TOUTÓN que han presentar o seu disco ‘Serán en Toutón’, OS CARAPAUS e  RADIO COS. Calandracas animarán a festa a pé de campo. O festival alongarase ata altas horas da madrugada.
Por outra banda e saltando ao 5 de setembro, venres, un pouco máis arriba de Couso, en San Xurxo de Vea e a partir das 10 da noite, continúa festa co IV Festival Folk "SanXurxodeVea" e que contará coa música de Son´s da Mina de Fontao (Vila de Cruces), co espectáculo de Ce Orquesta Pantasma, o Regato de Matamulleres de Callobre e os festeiros Ghusto do Boi de Lestedo de Boqueixón.Ao venres seguinte, o 12 de setembro, a música folk ten unha nova cita, desta volta en Ouzande co festival "Fervenza de Músicas". En próximas datas desvelarán o cartel das formacións que animarán esta festa que cadra co inicio das festas do Socorro. Nos tres festivais folk haberá polbeiro e postos de bebidas.
Imaxe de arquivo das Nosas Músicas.
Imaxe de arquivo do Festival Folk de San Xurxo de Vea

Imaxe de arquivo da Fervenza de Músicas.

24 de xullo de 2014

As festas patronais celebraranse os próximos 8, 9 e 10 de agosto:::

Ouzande festexa ao seu patrón, San Lourenzo, a fin de semana do 8, 9 e 10 de agosto. As actividades comezan o venres 8 coa actuación de novo na parroquia da orquesta Galilea e cun monólogo do humorista Isi, no campo haberá un carro con servizo de polbo e churrasco. O sábado celébranse os actos relixiosos na honra do patrón ás 13.30h, a procesión estará amenizada polo grupo ouzandés Retrouso. Os actos continúan pola noite coa actuación de dous tríos musicais; Géminis e Togayán. Os actos relixiosos do domingo están dedidados ao Santísimo Sacramento, instalarase unha gran alfombra floral no adro e durante a mañá e a na sesión vermouth haberá animación a cargo da charanga Os Atrevidos. A festa continúa pola tarde, ás 18:30h cunha orixinal actividade deseñada pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, trátase dunha para actividade para descubrir a parroquia baixo o título "O Gran Xogo do Caldeiro Penzo".
A orquestra Galilea xa é unha veterana no Campo da Festa de Ouzande, de feito este mesmo ano fixeron a presentación da súa xira en Ouzande, nunha verbena organizada a tal efecto. O humorista Isi, natural de Arca, deuse a coñecer no programa da TVG "O Rei da Comedia" e é un habitual desta canle de televisión. Retrouso é o grupo de música tradicional de Ouzande, nacido no seo das clases de música tradicional da Fervenza de Ouzande, xa presentaron o seu primeiro disco "Ou" e son dos grupos máis activos do panorama musical tradicional actual con centos de actuacións. O Trío Géminis é outro habitual da parroquia, naturais de Caldas de Reis, son un trío de animación de vodas que no verán se enrolan no mundo das verbenas. Desde Portosín (Porto do Son) chega o Trío Togayán que actúa por vez primeira en Ouzande. A actividade dirixida aos nenos e nenas que organiza A Fervenza de Ouzande chámase "O Gran Xogo do Caldeiro Penzo " e consiste nunha actividade lúdica de descoberta da parroquia na que os participantes terán que "desencantar" aos turistas que quedaron prendados das belezas que lles ofrece Galicia, axudándolles a descubrir as belezas que hai na parroquia, polo que terán que percorrela, facer probas e responder enigmas relativos á historia e idiosincracia de Ouzande.
O humorista Isi.
Galilea abrirá as festas de Ouzande.
Retrouso animando o Festival Folk de San Xurxo de Vea.
Trío Geminis nunha actuación anterior en Ouzande.
Trío Togallán de Portosín.

21 de xullo de 2014

Callobre despide a Santa Margarida ao ritmo da Funçao Pública:::

Callobre rematou esta madrugada as festas de verán, unhas festas moi concurridas tradicionalmente que este ano tamén ateigaron o Campo da Festa a pesar de se celebraren en domingo e luns. Os grupos Canadá e Suavecito animaron a verbena do primeiro día e Olympus e Funçao Pública o segundo. Esta última, que repite en Callobre, é unha orquestra de moita sona en Portugal que está a acadar moito éxito en Galicia debido á orixinalidade do espectáculo que ofrece e a que se sae un pouco dos repertorios típicos das orquestas, aínda que mantén un espectáculo de luz e imaxe coma a maioría. Con ela Callobre pechou as súas festas que xa se iniciaran con moi bo pé co festival Folk de Raíz o pasado venres.
Espectáculo de luz e cor de Funçao Pública.
O campo volveu estar cheo de festeiros.

Funçao Pública.

Funçao Pública.

Ouzande ponlle freo á sangría poboacional que arrastra desde o ano 2000:::

Evolución da poboación ouzandesa
 desde 2000
O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de poñer ao descuberto a alarmante situación poboacional da parroquia. É moita a xente que se pregunta "Pero canta xente vive en Ouzande?" Pois segundo os datos que proporciona o propio INE, na última revisión de 2013 hai un total de 335 veciños (167 homes e 169 mulleres) Aínda sendo unha parroquia pequena, perdeu desde o ano 2000 a frioleira de 91 censados (21,36%) e desde aquel ano sempre minguou a poboación agás en 2009 que remontou un veciño. En 2013 a novidade está en que se recuperan dous veciños, símbolo do que posiblemente sexa o freo a esta decadencia prolongada no tempo. De feito, Ouzande é das poucas parroquias que aumentan poboación nese ano, pois a tendencia xeral do municipio é á perda paulatina de poboación en todas as parroquias, ata no casco urbano. Outras aldeas que frean a decadencia ou gañan poboación son Guimarei e A Somoza. 
En canto ás causas desta situación habería que facer un varrido polos distintos lugares de Ouzande para comprobar como moito dese censo que se perde é xente nova que se emancipa aínda que non marchen moi lonxe pois o casco urbano da Estrada soe ser o destino máis frecuente. Non é allea esta sangría poboacional á mala situación económica, a falta de datos máis detallados o destino de moitos que abandonan Ouzande continúa sendo a emigración, neste caso cara a outros puntos do estado ou países europeos como Inglaterra ou Alemaña.
Deste xeito a pirámide poboacional de Ouzande tende a envellecer, quedando as casas da aldea habitadas habitualmente pola xente de maior idade. Dos sete lugares que contabiliza o INE ningún deles está deshabitado, e son O Tallo, O Redondo e Alemparte os que rexistran unha concentración maior de veciños, quedando O Formigueiro, A aldea de Abaixo, O Castro, O Picoto e Penerada como as entidades que rexistran menos veciños debido ao seu tamaño.

Ouzande perdeu o 21% dos seus veciños no censo desde 2000

No ano 2000 había 426 censados fronte aos 335 do ano pasado.

Ouzande é das poucas parroquias da Estrada que non perderon poboación no censo de 2013.

13 de xullo de 2014

Treixadura arrasa no "Folk de Raíz":::

O pasado venres, o grupo Treixadura arrasou no festival "Folk de Raíz" de Callobre. A edición número XV do festival comezou co espectáculo de Cé, o home orquesta que foi rompendo o xeo ao tempo que o campo da festa se enchía de festivaleiros ansiosos de música tradicional. Seguiron os anfitrións, O Regato de Matamulleres intensificando a festa co seu repertorio. Trioliro animou a festa a pé de campo con música e o humor das súas regueifas. Unha das actuacións máis agardadas era a de Treixadura, e tanto o grupo como o orfeón non defraudaron, poñendo a cantar e bailar o auditorio. O peche foi para a Banda da Balbina que encantou ao público aínda que a festa xa se alongando ata moi entranda a madrugada. Moita afluencia de público, unha noite de luar moi agradable e a boa música dos grupos participantes fixeron que o Folk de Raíz resultase un éxito.







7 de xullo de 2014

Guimarei marcha de excursión ao Baixo Miño e Portugal:::

A Asociación de Veciños Santa Apolonia de Guimarei organiza unha excursión para o vindeiro 19 de xullo ao Baixo Miño e Vilanova de Cerveira. A saída será de diante da igrexa parroquial ás 8 da mañá. A primeira das visitas é aos Muíños do Picón e Folón, no Rosal. Seguidamente achegaranse á Guarda para visitar o Monte Santa Trega e o xacemento arqueolóxico así como as impresionantes vistas que hai neste lugar. Logo do xantar cruzarán o Miño cara o Alto Minho portugués coa intención de participar no feirón sabatino de Vilanova de Cerveira. Antes do regreso subirán ao mirador do Cervo, desde onde hai unhas vistas impactantes das dúas comarcas, o Alto Minho e o Baixo Miño. Os interesados teñen que poñerse en contacto coa asociación guimareiciense, o custe da viaxe é de 25€ por persoa.
Tramo final do Miño.

Ponte internacional de Goián (Tomiño) - Vilanova de Cerveira.

Vilanova de Cerveira.