O programa de animación infantil de Cáritas está a recorrer diversas parroquias da Estrada, hoxe remata en Tabeirós, onte estivo en Ouzande e a semana pasada chegou a Callobre e Lamas. Co apoio da administración municipal e promovido por Cáritas Parroquial da Estrada, Rufo é un programa de animación para nenos e nenas ata 14 anos. Na tarde de onte chegou a Ouzande ás 17h e durou hora e media. Tivo pouca afluencia de público, pero isto non lle restou intensidade á tarde de xogos que dinamizaron dous monitores. Os protagonistas da sesión foron o xogo, o compañeirismo e o bo humor.
27 de outubro de 2013
25 de outubro de 2013
Rufo chegará mañá ao local social de Ouzande:::
O programa "Brincando con Rufo" chega mañá a Ouzande logo de estar a fin de semana pasada en Callobre e Lamas. Trátase dun programa de animación infantil organizado por Cáritas Parroquial da Estrada, anúnciano con xogos, sorpresas e agasallos e está dirixido a nenos e nenas menores de 14 anos. A cita dos máis pequenos da casa é no Local Social ás 5 da tarde e ten unha duración aproximada de hora e media.
![]() |
| Cartel de "Brincando con Rufo" |
20 de outubro de 2013
Noite de foliada en Santo André de Vea:::
No serán de onte, San André de Vea converteuse na gran catedral da música tradicional. Numerosos grupos congregáronse baixo unha carpa situada ao pé da antiga escola da parroquia para acoller a IIª edición da "Fuliada". Os encargados de animar a velada foron un total de oito grupos de música tradicional da zona. Comezou Tamparrantán de Vea seguidos dos recanteiros de Ouzande; logo Milgrandeira, coa voz de Fofi; un numeroso grupo de mozos e mozas de Cesures e chamados Xarandeira afinaron forte as gaitas para darlle ánimo á noite; a seguir foi un orixinal grupo da parroquia de Couso, chamados desa forma "Os de Couso", O Recobío de Baamonde (Teo), son coñecidos xa na zona por teren actuado en festivais de parroquias da Estrada; As pandeiretas das Carambuñeiras tamén lle puxeron cor á festa que durou ata altas horas da madrugada. A organización agasallou aos grupos cunha fermosa figura de Sargadelos e convidounos a uns ágapes. A pesar do mal estado da noite foron moitos os veciños da comarca que se achegaron á parroquia de Vea para festexar esta IIª Fuliada, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais de Santo André.
19 de outubro de 2013
Disfunción Continua Teatro continúa de xira con Eran outros tempos, ou non?:::
A compañía estradense Disfunción Continua Teatro continúa de xira, presentando a obra Eran outros tempos, ou non? por toda Galicia. Logo de estrearen a peza en Fornelos da Ribeira (Salvaterra), xa levaron esta divertida comedia a Palas de Rei, Ouzande, Ribadeo ou Orazo. Hoxe ás 21 actúan en Ponte (Silleda) e para a semana no Teatro Principal da Estrada (sábado 26 ás 21h). Tamén estarán o día 9 de novembro en Riobó.
Eran outros tempos, ou non? está protagonizado por cinco mulleres que comparten co público os seus recordos da infancia, en concreto as vivencias nunha escola de nenas do franquismo. Así van aparecendo unha serie de personaxes coas que se van recreando as clases de catecismo, ximnasia, matemáticas, ortografía e mesmo reciben a visita do inspector ou saen a recitar e cantar á radio local.
O elenco está composto por oito actores da zona da Estrada; Clara Iglesias, Natalia Carbajal, María Porto, Sabela Magariños, Manu Mougán, Alejandro Picallo e Manuel Rosende.
Esta compañía de teatro tamén ofrece a posibilidade de recibir clases de teatro todos os mércores de 21h a 23h no Local Social de Guimarei, as clases están abertas a todo o público, para informarse basta con achegarse ao lugar das clases ou poñerse en contacto coa compañía a través da súa páxina de facebook ou blog. O profesor é Jouse García quen ata decembro impartirá un obradoiro de clown.
15 de outubro de 2013
Cáritas leva o programa "Brincando con Rufo" a distintas parroquias da Estrada:::
![]() |
| Rufo en Berres. Foto de El Correo Gallego |
Entre os días 19 e 27 de outubro, o programa "Brincando con Rufo" chegará a distintas parroquias da Estrada. Trátase de actividades lúdicas dirixidas a nenos e nenas do rural estradense organizadas por "Cáritas A Estrada". Os pequenos e pequenas que desexen asistir deben buscar a parroquia máis próxima no día e hora anunciados por Cáritas, é unha actividade gratuíta para menores de 14 anos.
Brincando con Rufo xa vai na 13ª edición e baséase en xogos cooperativos protagonizadas por un trasno de nome Rufo. Conta coa colaboración do Concello da Estrada. Percorrerá un total de catro parroquias durante esta e maila próxima fin de semana. O primeiro lugar ao que chegará será Callobre o 19 ás 16.00h, o 20 e á mesma hora en Lamas no Teleclub. Na próxima fin de semana recalará no local social de Ouzande ás 17.00h do sábado 26 e rematará en Tabeirós o 27 ás 16.00h no local social. As sesións duran unha hora e media e están abertas a toda a poboación infantil destas aldeas e parroquias próximas.
13 de outubro de 2013
Os muíños de Ouzande, escenario dun curso de fotografía natural:::
Esta fin de semana, os muíños e o entorno da Fervenza de Ouzande foron escenario dun curso de fotografía natural. Comezou ás 5 na Praza de Galicia baixo o nome "Taller de Fotografía Natural" e foi impartido por Aroa Martínez contando con 14 alumnos. A seguir achegáronse aos muíños da Fervenza para realizar os primeiros exercicios prácticos. O obxectivo do curso nesa sesión era aprender a realizar fotografías integrando os elementos humano e natureza, tamén traballarán a paisaxe urbana nocturna e a o paisaxismo fotográfico. Na sesión do sábado o alumnado tivo que fotografar distintos motivos do outono (árbores, paisaxe, fervenzas...) para logo con seis imaxes ser capaces de contar unha historia. O domingo desprazáronse á praia fluvial do Río Liñares onde traballaron a fotografía micolóxica, fixeron unha xincana fotográfica e recibiron unha charla sobre o mundo da micoloxía. As sesións deste curso estenderanse ao longo das fins de semana deste mes en horario de 5 a 7 da tarde, rematan o día 27.
Obras na pista do Picoto:::
Maquinaria municipal visitou esta semana pasada o lugar do Picoto para proceder a realizar os traballos de limpeza da pista forestal deste lugar que se viña reclamando polos veciños desde había tempo. Hai xa anos que durante o inverno a auga que baixa do Monte de Ouzande foi desfacendo esta pista sen asfaltar, desviando a auga polo medio dos lugares do Picoto e do Redondo, provocando inundacións e problemas na rede viaria da zona.
A finais de agosto, unha comitiva do Concello da Estrada visitaba a parroquia para explicar que se ían acometer as obras de construción da beirarrúa dereita entre o Tallo e a zona da igrexa parroquial. Os veciños insistíronlles na necesidade de facer esta obra paralela de limpeza para evitar que a estrada xeral de Ouzande se inunde e encha de lama. Deste xeito e no inicio do outono agardan que as augas pluviais circulen polos foxos desta pista sen ocasionar danos e mantendo as pistas en boas condicións para o goce veciñal. Agora cómpre agardar polas obras da beirarrúa que estaban anunciadas para setembro e que terían unha duración máxima de tres meses.
| Zona alta do Picoto onde comeza a pista arranxada |
| Foxos e tubaxes para que a auga circule por eles. |
| zona asfaltada do Picoto |
| As obras completáronse coa limpeza dos foxos da zona asfaltada |
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)











