7 de xaneiro de 2016

A xira de "Teimas" chega ao Salnés:::

O vindeiro sábado 16 de xaneiro ás 21h e dentro da programación cultural do Concello da Illa de Arousa, terá lugar a representación de Teimas, a nova obra de Disfunción Continua Teatro, sera no Auditorio Municipal. As entradas estarán á venda na billeteira do auditorio antes da función. Esta será a segunda recalada da compañía estradense na vila insular logo de presentar Eran outros tempos, ou non? con notable afluencia de público. 
Teimas conta a historia dun grupo de pacientes que sofren manías e teimas compulsivas e que deciden acodir á consulta dun afamado médico galego, pero as cousas non sempre son tan fáciles para superar os problemas persoais. Con Teimas ofrécese unha hora de risa asegurada. A obra non está aconsellada para menores de 16 anos por posuír vocabulario inapropiado para esta franxa de idade. Teimas iniciou a súa xira o pasado 19 de setembro en Antas de Ulla e está a ter unha moi boa acollida logo de recorrer distintos puntos de Galicia. A última función realizouse na vila da Estrada onde se encheu o Teatro Principal. Trala función da Arousa, a xira continuará por outras comarcas como Santiago de Compostela ou Pontevedra. Esta é xa a terceira produción de Disfunción Continuta Teatro tras Cóncavo Convexo en 2012 e Eran outros tempos, ou non? en 2013. 







5 de xaneiro de 2016

Noites de Raíz volve o 9 de xaneiro:::

Tralas vacacións de Nadal volve "Noites de Raiz", será este sábado 9 de xaneiro ás 22h na escola vella de Callobre e coa animación de "Muxicas da Silveira" e "Tanto nos ten". Con esta activiade cúmprese a programación das noites de raíz que estipulan unha foliada mensual ata o verán.


Un xeito diferente de celebrar o Nadal:::

As festas do Nadal apuran as últimas actividades coas cabalgatas de Reis. As festas natalícias son propicias para os xantares abondosos e os agasallos, pero na Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande xa hai seis anos que veñen ofrecendo unha alternativa para a mañá do 25 de decembro que cada vez gaña máis adeptos. Desta volta unhas 20 persoas gozaron dunha mañá privilexiada e silandeira na que coñecer un pouquiño máis o entrono da Estrada ao tempo que facían algo de exercicio físico. Adentráronse nos montes de Ouzande e A Somoza para visitar, entre outros, o lugar de Ferreiros ou a Fervenza de Ouzande. Foron 12km de andaina de Nadal que de seguro han repetir neste recén inaugurado 2016.
Por outra banda, arestora debátese por parte da organziación sobre a viabilidade de celebrar o cabalgata de Reis tendo en conta o prognóstico do tempo. A Estrada celebrou durante estas festas varias actividades de animación de rúa e mesmo se instalou un pequeno parque de atraccións detrás da Casa das Letras.
saída na igrexa románica de Ouzande

Montes de Ouzande e a Somoza

Rego das Rans

camiñando

Muíños de Ouzande
Animación de rúa pola vila da Estrada

Un camión empótrase contra a escola unitaria de Pontevea:::

A escola unitaria de Pontevea (Reis-Teo) foi o escenario dun aparatoso accidente onte ás 11.30h cando un camión de vidro procedente de Santiago e que viaxaba en dirección á Estrada abandonou a vía PO-841 por causas que aínda se descoñecen, empotrándose contra o edifício da esocola unitaria de Pontevea. Afortunadamente non hai que lamentar vítimas persoais posto que o contutor saiu ileso polo seu propio pé e a escola estaba pechada ao cadrar este suceso coas vacacións de Nadal. Iso si, os danos materiais foron cuantiosos, tanto por parte do vehículo coma polas instalacións do centro educativo. Ata o lugar achegouse a Garda Civil de Tráfico e o grupo de Emerxencias de Protección Civil de Teo, que regularon o tráfico para non ter que cortalo agás cando se procedeu a retirar o camión cun guindastre.

OUTRO CAMIÓN ACCIDENTADO EN CALLOBRE
A parroquia de Callobre foi escenario doutro incidente de semellantes caracterísitcas contra as 20h, foi na N-640, houbo que lamentar un ferido leve, o condutro do vehículo que requeriu a presenza dunha ambulancia que o trasladou ao ambulatorio da Estrada.

INCIDENCIAS POLO MAL TEMPO
As incidencias polo mal tempo multiplicáronse nas últimas horas, así unha árbore caiu sobre a estrada entre Berres e Arnois. Unha casa do Pedregal sufriu unha pequena inundación e Emerxencias tivo que acodir á Avenida da Cultura para eliminar unha poza de agua que se formou cos augaceiros das útlimas horas. En Curantes unha cheminea dunha casa ardeu, pero conseguiron apagar o lume antes de que o mal fose maior. Como consecuencia das fortes trombas de auga tamén hai que lamentar o rotura da presa de Sinde, no Río Ulla e cuantiosos casos de alagamentos e saídas do seu cauce de regueiros e ríos na zona.




23 de decembro de 2015

Accidente na estrada de Codeseda, á altura de Tabeirós:::

Un coche particular emborcou onte á tarde na estrada de Codeseda á altura da recta de Tabeirós por motivos que aínda non trascenderon. A pesar da aparatosidade do accidente, a única ocupante do vehículo saiu ilesa, circulaba en dirección á Estrada e saiu da vía emborcando. o coche quedou coas rodas para arriba ocupando os dous carrís de subida. A Garda Civil e a Policía Local achegáronse para auxiliar á condutora e reconducir o tráfico.

Entran a roubar no Matadoiro Comarcal:::

Catro persoas foron pilladas in fraganti pola Policía Local da Estrada cando tian accedido de xeito irregular ás intalacións do Matadoiro Comarcal da Estrada na tarde do pasado luns 21. Segundo as primeiras informacións relativas a este suceso, dous dos catro sospeitosos foron detidos (J.J.B. e D.S.F.) e pasaron a disposición do xuíz no Xulgado de Instrución Número 2 da Estrada, comparecendo na mañá de onte e quedando en liberdade, aínda que terán que volver comparecer ante o xuíz cada 15 días. Segundo se puido saber, un deles é veciño de Santiago de Compostela e o outro de Melide e, posiblemente, pretenderan roubar cobre nas instalacións. Os outros dous sospeitosos déronse á fuga. Foi unha patrulla que pasaba polo lugar quen se percatou de que o portal de acceso estaba forzado e que había un vehículo dentro do recinto. Cabe recordar que as instalacións do Matadoiro están sen actividade desde o mes de xullo, polo que a Policía Local estableceu un protocolo de vixilancia para evitar este tipo de situacións.

NOTICIAS RELACIONADAS

22 de decembro de 2015

Celebrar o Nadal dun xeito moi especial::::

Camiñar e falar, esa é a proposta para a celebración do Nadal da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, a cita é o  próximo venres 25 de decembro,e é xa a sexta edición desta actividade.
Na mesma propóñennos facer Roteiro dos Montes da Somoza e Ferreiros. Para participar chega con estar á hora marcada no punto de saída, posto que é gratuíta e non precisa preinscrición. A hora marcada para a saída é ás 10:15, diante da igrexa de Ouzande, mentres que a chegada está prevista sobre as 13:15 ao mesmo sitio. Serán uns 11 km polo que aínda sendo de dificultade baixa-media, recomendan levar calzado axeitado e roupa adecuada.
Segundo informa a Fervenza de Ouzande, só suspenderán a actividade en caso de condicións moi adversas e condan a participar a todo o mundo, facendo gala dos lugares fermosos do noso entorno que se han visitar: Aldea de Ferreiros, Congostra dos lobos, antigas sendas, Fervenza e muíños de Ouzande, masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira,
Video do PORTAL DE NOTICIAS sobre a IV ruta celebrada en 2013:
NOTICIAS RELACIONADAS: