26 de marzo de 2017

A Estrada, capital dos “Cantos de Taberna”:::

A Estrada convertiuse na xornada de onte na capital dos cantos de taberna, ao encher con grupos
chegados de toda Galicia os bares e tabernas da vila con música e cantos populares. Xornada festiva que se completou cunha feira de artesanía, onde os produtos feitos a man foron os protagonistas. Un total de 12 formacións musicais congregáronse contra ao mediodía na Praza do Concello, facendo unha multitudinaria procesión ata a Praza da Farola, lugar escollido para que cada grupo se desviase aos bares propostos, foron rotando cada media hora, favorecendo que a música e os cantos populares chegasen e todos os recantos da vila. Mentres tanto, na Travesía da Igrexa un total de 22 postos de artesanía completaban a feira sabatina con produtos feitos a man, con pedra, téxtil, orfebrería ou madeira como materia prima. As formacións procedían de localidades próximas como Lestedo (O Ghusto do Boi), Santiago de Compostela (Pana Raiada, Garatuxa e Muiñeiros do Sarela), Vedra (Son do Souto), Caldas de Reis (Fanfarria Furruxa), Marín (Salghariteiros) ou non tan próximas como Redondela (Ferrriña Furtiva) e, como non da Estrada (Retrouso e Recanto de Ouzande, Regatos e Os ke hai de Callobre, Tequexetéldere da vila) Todos eles pararon para xantar na Praza do Mercado e contaron con ata 13 tabernas, bares e cafeterías da Estrada que foron os palcos desta animada xornada festiva a cargo dos Cantos de Taberna.







28 de febreiro de 2017

O espírito ourovisivo arrasa en Ouzande

Betty Missiego, gañadora representando ao Redondo
O Entroido é un período moi especial en Ouzande, a parroquia vive con entrega estas datas do calendario festivo. Non faltan as “mascaritas” que percorran as aldeas na procura do seu premio. Pero, como cada ano, a Fervenza de Ouzande fai a sú orixinal proposta. Desta vez organizaron unha festa de entroido no local social da parroquia o pasado sábado 26, pero non unha festa calquera, senón un festival de “ourovisión”. A dinámica foi parella ao coñecido concurso televisivo dos países europeos, pero ao xeito de Ouzande. Ao local foron chegando os máis variados personaxes relacionados con este mítico festival. No transcurso da festa houbo comida e bebida e música tradicional, pero tamén unhas divertidas votacións para escoller a persoa gañadora do concurso. Os finalistas foron as aldeas de Alemparte, O Formigueiro, O Tallo, O Castro e O Redondo. Un representante de cada lugar foi escollido polo xurado para premiar o seu talento ourovisivo. A comisión que decidiu cantos votos ía para cada lugar estaba formada por representantes deses lugares, aínda que non se puideron votar a si mesmos. Así as cousas, e a pesar de estar moi reñido, polo alto nivel dos disfraces, os gañadores foron os seguintes: en terceiro lugar “As Estribillos” unha comparsa de gaiteiras reconvertida a ouro-fans que animou a velada cos seus berros de alegría. Representaban ao lugar do Formigueiro. O segundo lugar foi para O Tallo con Mocedades, que non só levou a festa á época deste coñecido grupo senón que tamén ofreceu un recital, posto que os integrantes desta comparsa eran o grupo de canto da parroquia, Recanto. E finalmetne o lugar máis votado foi o Redondo, representado por Betty Missiego que ofreceu non só un disfraz moi logrado senón que animou a festa interpretando “su canción”. Ao premio engadiuselle o canto das coplas do entroido desta volta encarnadas pola propia Betty Missiego e Remedios Amaya.

Polo Formigueiro as Estribillos, segundo lugar

As cegas do Entroido tamén se ourovisualizaron

público

Mocedades, actuando. Representaron ao Tallo e lograron o 2 posto.


29 de xaneiro de 2017

A Fervenza de Ouzande celebrou a súa Asemblea Anual

O pasado domingo 29 de xaneiro, a asociación cultural A Fervenza de Ouzande celebrou a reunión anual na que a xunta directiva dá conta das actividades desenvoltas e explica os proxectos para o novo exercicio. Rosa Herraiz, tesoureira da entidade fixo as oportunas explicacións sobre o estado económico da entidade, desfiando pormenorizadamente os gastos e os ingresos. Xabier Camba, presidente da Fervenza de Ouzande fixo unha valoración do traballo desenvolto neste último ano, destacando o xantar de convivencia que se realizou para festexar o XV aniversario da entidade. Asi mesmo adiantou que a xunta directiva está a estudar eliminar algunha actividade para poder asumir novos proxectos, posto que A Fervenza de Ouzande ten un enorme volume de actividades. Nesta asemblea non tocaba elexir nova xunta directiva, polo que reunión foi breve, rematou co visionado de videos sobre as actividades do último ano e unha chocolatada.



21 de decembro de 2016

Ruta de sendeirismo para celebrar o nadal:::

Será o próximo domingo día 25 de decembro con saída ás 10.15h diante da igrexa de Ouzande. O regreso está previsto para as 13.15h no mesmo lugar. Trátase dunha actividade promovida pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande dentro do marco das actividades culturais  de promoción cultural e social na aldea. Esta será a sétima edición deste roteiro de nadal e percorrerá desta volta os Montes da parroquia, incluíndo as Lagoas e o Monte da Somoza. Ten unha duración aproximada de 12 km de dificultade baixa. Será unha boa oportunidade para coñecer as estremas entre os Concellos da Estrada e Cuntis á altura das lagoas de Zoo, un lugar que se transforma durante o inverno ofrecendo unha paisaxe espectacular e a posibilidade de visitar ecosistemas únicos na contorna. No transcurso da ruta temén visitarán a zona da explotación de Monte Cabalar, nas ladeiras do Monte da Somoza.

29 de novembro de 2016

Cosmética e limpeza BIO en Ouzande:::

A conciencia co medio que nos rodea levou, unha vez máis, a Ouzande produtos de uso cotiá con filosofía ecolóxica. Ás veces a solución máis é a mellor. Así quedou demostrado no obradoiro que fixo Montse Fernández Búa baixo a organización da Fervenza de Ouzande o pasado sábado 26 de novembro ás 17.30h no Local Social da parroquia estraderense. Ademais das aprendizaxes impartidas pola propietaria da tenda bio Casa Xorxeira, houbo tempo de confeccionar xabóns de tocador ou de lavadora así coma produtos cosméticos. Foi unha iniciativa máis do programa cultural de outono da Fervenza de Ouzande.




24 de novembro de 2016

Esgótanse as prazas do "Obradoiro de produtos de limpeza e cosméticos naturais":::

A Fervenza de Ouzande vén de informar de que as prazas para o OBRADOIRO DE PRODUTOS DE LIMPEZA E COSMÉTICOS NATURAIS están esgotadas. Esta novidosa actividade será impartido por Montse Fernández Búa (Bio Casa Xorxeira) e tamén inclúe a elaboración de xabón de tocador, bálsamo de caléndula, xabón de lavadora.
A base deste obradoiro son os produtos totalmente naturais, e é que a actividade enmárcase dentro da liña que mantén a asociación á hora de divulgar e promover o respecto polo ambiente e a utilización de materiais reciclados.
A actividade desenvólvese no Local Social de Ouzande este sábado 26 ás 1730h.


17 de novembro de 2016

Cando o outono entra pola porta grande:::

Nos últimos días, a comarca da Estrada, está a rendirse ao encanto da estación na que anda instalada. O pasado sábado tocoulle á parroquia de Ouzande que organizou unha gran festa para recibir o outono como se merece. Contaron coa colaboración das Carabuñeiras de Santo André de Vea e de Recanto e Retrouso no apartado musical e coa dos socios que confecionaron distintos dóces con ingredientes de tempada. Houbo chourizos asados e castañas así coma un bar para apagar as sedes. A festa comezou ás 20.30h pero prolongouse ata altas horas da madrugada. Foi unha noite con moita asistencia de público e animación.