28 de decembro de 2009

Volven as obras das beirarrúas á entrada de Ouzande:::


Logo da loita política da Deputación de Pontevedra contra o Concello da Estrada polo si ou non permiso para realizar as obras das beirarrúas, as máquinas volven remover terra na entrada de Ouzande.
A pesar de que se retomen os traballos, a veciñanza non ve con alegría esta obra, xa que se fará só naquelas zonas en que o ancho da vía o permita e terán unha lonxitude de só trescentros metros. Unirán a Rúa Perez Viondi á altura do "Empalme" co lugar do Tallo. Concretamente chegarán do lado esquerdo á segunda pista logo da Casanova e do lado dereito ata o cruce do Castro, fronte a casa nova dos de Xacobe.
Segundo informa o Concello na súa páxina web estas obras precisan da colaboración dos veciños e veciñas e "pasa pola cesión dos terreos necesarios por parte destes, de feito que só se poderán construír as beirarrúas naqueles tramos nos que exista dispoñibilidade dos mesmos".
Segundo a entidade municipal, as canalizacións de servizos públicos executaranse en toda a distancia prevista de actuación, nos terreos de servidume desta estrada propiedade da Deputación.
Este proxecto ten un importe de execución de 231.317 euros, e está incluído dentro do Plan FEIL. A actuación prevé a instalación de redes de saneamento e abastecemento de auga, así como de alumeado público, o soterramento das redes de media tensión e de telefonía e a construción de beirarrúas nas dúas marxes da estrada.
A nova rede de abastecemento proxectada non terá nada que ver coa cativa canalización que operou a Deputación nestes últimos anos e que aínda a día de hoxe está totalmente inservible. Segundo informa o Concello, a rede da nova obra conectarase á rede municipal na rúa Pérez Viondi, con arquetas de rexistro cada 50 metros e tubaxe de polietileno de 63 mm de diámetro. Tamén se instalará unha rede de saneamento separativo de augas pluviais e residuais, a primeira mediante tubos de PVC de 315 mm e a segunda con tubería de 400 m. Os trazados discorren baixo calzada ou beirarrúa e todas as tubaxes serán reforzadas.
Outro dos temas de interese en canto a esta obra é a iluminación, posto que non se sabía se a obra levaba parella a instalación dalgún tipo de farolas, parece ser que se canalizarán os cables mediante tubo de PVC de 90 mm, e instalaranse os correspondentes báculos con lámpada de sodio a alta presión. A rede de telefonía sotérrase desde o entronque co casco urbano, volvendo a ser aérea no lugar do Tallo, ao remate da actuación. Na información aparecida na páxina web do Concello fálase das Cachopas, pero ben sabemos que polas Cachopas non pasa a estrada local Ouzande-A Estrada, cando se fai mención a este lugar refírense concretamente ao Castro.
A duración das obras é de 3 meses. Cómpre lembrar que desde o Concello solicitouse ao Estado unha prórroga no prazo de realización deste proxecto, para que se poida manter o financiamento achegado a través do Plan FEIL. Se contamos estes tres meses desde a data en que se volveron ver funcionar as máquinas as obras deberían estar rematadas en Marzo-abril, pero na información facilitada polo Concello da Estrada menciónase o mes de xuño para o remate deste tramo de beirarrúas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario