19 de novembro de 2012

As bicicletas son para os domingos con Bikestrada:::

Na solleira mañá de onte, domingo, un nutrido grupo de pequenos ciclistas invadiu as pistas e camiños de Ouzande e maila Somoza, foi grazas á ruta de BTT deseñada pola Peña Ciclista Bikestrada. A partida foi ás dez da mañá da Alameda da Estrada, ascenderon pola Avenida de Benito Vigo e encamiñáronse cara a Ouzande pola Avenida de Vigo e o lugar do Castro, rodeándoo para pasar polo Picoto e o Redondo cara á Aldea de Abaixo. Pasaron por detrás da igrexa parroquial para atravesar o lugar de Alemparte, evitando a estrada xeral e indo sempre polas pistas baixo a atenta mirada dos maiores. Na Somoza fixeron un tour unha vez chegados á igrexa para ir a Castro Ramiro e volver. No regreso á Estrada volveron pasar pola Alemparte cara ás Varelas e de aí ao Tallo para entrar na vila, fixérono por Bedelle, polas rúas Serafín Pazo e Matadoiro, Avenida de Castelao e Benito Vigo ata o lugar de saída. En total fixeron 12.50 quilómetros nun trazado de escasa dificultade.

As rutas BTT de Bikestrada continúan, as vindeiras semanas estarán dirixidas ao público adulto, tendo unha intensidade e dureza un pouquiño maior, aínda que asequibles a calquera persoa que queira gozar dunha divertida mañá de domingo en bicicleta. Este domingo farán unha subida ao Monte da Somoza e visitarán a Cooperativa Monte Cabalar, degustando a carne dos animais que alí se crían e que se está promocionando para os deportistas polo seu alto aporte nutritivo.
Mapa do percorrido 

Perfil da ruta





Ningún comentario:

Publicar un comentario