30 de novembro de 2012

Noite de música e aplausos con Retrouso no Principal:::

Á saída do concerto de RETROUSO respirábase unha entrañable melodía común a medio camiño entre a felicidade e a emoción. Logo de escoitar as case 20 pezas das que se compuxo a velada, uns falaban dos colaboradores que puxeron voz ás pezas de Retrouso, outros ecoaban para os seus adentros o Alalá das Mariñas ou o retrouso do pasodoble de Imende. Non fallou nada, nin a disposición no escenario, nin o son, nin os agradecementos. Pouco a pouco foron saíndo a luz algunhas das sorpresiñas que prepararan os nosos músicos; un video sobre a historia do grupo gravado o verán pasado no Muíño do Rubio, fotos dos sete anos de andadura, os nomes dos que foron membros do grupo, o deseño de Rosa de Cabanas... todos os ingredientes que compoñen o froito dunha laranxeira chamada Retrouso.
Coas xotas, mazurcas, muiñeiras e pasodobles que soaron esta noite o público levou para a casa unha mestura de sintonías que poderá recordar cada vez que escoiten OU, o disco que hoxe presentou o grupo ouzandés no Teatro Principal da Estrada. E para quen non puido asistir, aí vai un valioso agasallo.






Ningún comentario:

Publicar un comentario