2 de novembro de 2014

Xoguetes e manxares de outono en Ouzande:::

cartel da actividade 
Que sexa esta a época do ano na que se dá a caída da folla ou cando comeza a redución de horas de luz non quere dicir que o outono non sexa unha estación propicia para a festa. Ou alomenos así o entenden desde hai anos na Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, xa que ofrecen unha completa festa que ten como eixo temático esta estación do ano; o outono.
Será o próximo sábado 8 de novembro no local social da parroquia, a actividade comeza ás 18h aínda que haberá animación ata a madrugada. 
A primeira das propostas está dirixida para todos os públicos pero especialmente para os máis pequenos da casa, pois ofrecen un Obradoiro de Xoguetes de Outono. Trátase de que cadaquén confeccione o seu "xoguete de outono" partindo dos produtos cos que nos agasalla esta estación; castañas, landras, follas... A partir das 20,30h comeza a proposta de magosto no que a protagonista é directamente a castaña, tanto asada como acompañada de viño e chourizos ou con dóces elaborados a partir deste froito. Estes postres están elaborados polos socios e socias da Fervenza e calquera persoa que se anime a participar. Outro dos compoñentes desta proposta lúdica de outono será a música, posto que acturá o grupo Retrouso, a formación de pandereteiras da Fervenza, o grupo de canto tradicional Recanto, tamén haberá baile tradicional. Con todo isto seguro que Ouzande ha vivir unha festa do outono lúdica, dóce, musical e gastronómica.
Algúns dóces elaborados en edicións anteriores desta festa. Foto de arquivo.
Propostas gastronómicas doutras edicións. Foto de arquivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario