30 de xullo de 2010
O "Mago Toño" actuará nas festas de Ouzande 2010:::
A Fervenza de Ouzande vén de anunciar que dentro das Festas Patronais haberá unha actuación de maxia. O espectáculo será o domingo día 8 ás 7 e media da tarde no local social. O artista convidado ás festas ouzandesas é o estradense MAGO TOÑO que xa actuou na parroquia hai uns anos con moito éxito tanto de participación como de crítica. Desta volta anúnciase un espectáculo máis completo e dirixido a todas as idades. Máis información no blog da asociación cultural.
27 de xullo de 2010
"unha noite no muíño" celebraráse de día:::
A festa UNHA NOITE NO MUÍÑO, organizada pola asociación cultural A Fervenza de Ouzande trae moitas novidades para a presente edición. Por unha banda cambia de data. Víñase celebrando a finais de agosto e desta volta será o Sábado 31 de xullo. A outra grande novidade é que se vai facer de día, será un xantar ás dúas do mediodía no Muíño do Rubio. Será por iso que o moucho dos carteis mudou os seus grandes ollos por uns lentes de sol.
A organización promete sorpresas, na carta enviada polas casas fala dunha "inauguración" con trazas humorísticas. Haberá que ir para ver que se coce e para pasar unha animada velada entre veciños
21 de xullo de 2010
verán a ritmo de festas en Ouzande:::

A nosa parroquia inaugurou o ciclo festivo do verán co LUMEIRO 2010, foi o pasado 23 de xuño, nunha noite clara que empuxou o lume cara o ceo, levando con el ao temido home do saco. Non faltaron flores, auga, chourizos e música para amenizar unha das festas máis agardadas do ciclo festivo.
A próxima cita será o sábado 31 de xullo, ao mediodía. Nesta ocasión celébrase "unha noite no muíño" que, desta volta, será de día cun xantar veciñal ao pé do Muíño do Rubio. A organización promete sorpresas.
Unha semana despois serán as festas patronais as protagonistas cun festival folclórico na noite do venres e a actuación dunha orquesta e dun trío musical na noite do sábado. O domingo haberá música de día e unha actuación pola tarde.
O remate do verán será coas Festas do Socorro cando teña lugar o festival "Fervenza de Músicas" xunto con outras actuacións musicais e a agardada "poxa" das ofrendas á Virxe.
17 de xuño de 2010
Festa en Ouzande este sábado coa "foliada fin de curso":::

Este ano A Fervenza de Ouzande recupera unha festa para celebrar o fin de curso das actividades formativas de música e baile. No último curso houbo un aumento de participación moi notable en todas as disciplinas. O alumnado vén de ensaiar unha serie de pezas para tocar e bailar nesa tarde a xeito de exhibición. A actividade ábrese a todo o público en xeral, especialmente á veciñanza que queira ver o progreso destas clases. Haberá comida a partir das oito do serán. Máis información no blog da asociación.
11 de xuño de 2010
Polos carreiros de Ouzande ata o Castro de Arcos:::
Será ese o percorrido que as persoas que queiran realizarán o vindeiro domingo día 13de xuño en horario de mañá.
O inicio prevése para as 10.00 diante da igrexa de Ouzande. O traxecto pisará un percorrido de 11 quilómetros para visitar o castro de Arcos, sen escavar. Desde este lugar hai unhas vistas panorámicas sobre o municipio de Cuntis, cara ao Xesteiras, a Ulla, mesmo sobre a Ría de Arousa en días claros. Pásase pola beira do lugar de Ferreiros, pertencente a Arcos pero con moita máis relación historicamente con Ouzande. Á volta báixase para Ouzande polo Picoto e mailo Redondo para parar na fonte deste lugar, uns metros antes de chegar ao punto da saída, a igrexa románica da parroquia. Este regreso prevése para a unha e media do mediodía.
Xunta Parroquial e Fervenza de Ouzande arranxarán o Muíño do Rubio:::
Xa vai para dez anos que se constituíu a Fervenza de Ouzande, tomou o nome deste emblemático lugar da parroquia e tivo como obxectivo a longo prazo a recuperación desta paraxe. Nestes anos conseguiuse facer unha limpeza constante; cada primavera algúns voluntarios limpan os accesos. Chegouse a falar cos múltiples usuarios antigos usuarios dos muíños para valorar a súa recuperación, pedíronse axudas. A pesar de non ver moito traballo realizado si houbo unha insistente actividade de promoción do lugar, de recuperación da memoria histórica. Esta primavera e coa axuda da Xunta Parroquial veránse as primeiras obras no Muíño do Rubio. Xa se fixeron as reunións previas para deseñar a actuación. De momento cóntase con tellalo e adecentalo. Conseguiuse material subencionado polo Concello, persoal cualificado para a obra e en breve Ouzande dará un paso adiante na recuperación do seu patrimonio; O Muíño do Rubio.
8 de xuño de 2010
O Concello da Estrada anuncia unhas obras moi necesarias no local social:::

O Concello estradense vén de anunciar na súa páxina web a aprobación das obras tanto do arranxo do local social da parroquia coma das instalacións do museo municipal.
A empresa adxudicataria destas dúas intervencións é Construcións Cutrín Castro SL, o montante total desta operación ascende a 61.268 euros a repartir entre a mellora do Museo do Pobo Estradense e a adecuación do local veciñal.
Este inmoble foi rematado en 1976. Durante os primeiros anos foi usado con relativa frecuencia para actividades sociais, culturais e mesmo como vestiario para actividades deportivas, pois conta con dúas duchas e un aseo. A finais dos anos 80 caeu en desuso, cun proceso de deterioro agravado polas humidades que lle afectan. É a primeira vez que algunha administración amosa interese por esta contrución, posto que se leva pedido en numerosas ocasións axuda para dignificar o que posiblemente sexa o local deste estilo máis utilizado en todo o municipio.
A obra ten como finalidade non só proporcionar á parroquia un espazo digno para instalar unha sala de ordenadores ou realizar xuntanzas de moitos tipos, senón tamén recuperar unha construción que no momento actual non se aproveita en toda a súa posible utilidade. Ademais, o seu adecentamento exterior é preciso pola súa proximidade á igrexa románica do lugar.
O proxecto de rehabilitación consiste, por un lado, na realización dunha drenaxe perimetral e impermeabilización para evitar entradas de humidade. Ademais, pecharase a parte superior do palco, que pasará a contar con dúas estancias, unha para conter os ordenadores e a biblioteca, e outra para calquera uso que requira a parroquia.
Tamén se realizará unha explanada exterior, cun pavimento de lousas de formigón. Esta explanada, por un lado, contribuirá á estanqueidade do edificio, e por outro, será un espazo útil para actividades no exterior e actuacións. As escaleiras actuais serán demolidas e o acceso aos locais será a través dunha escaleira e dunha rampla, para mellorar a accesibilidade.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)