31 de decembro de 2010

ano 2010 en imaxes:::


Ouzande despide 2010 mergullada en obras, desde as beirarrúas inconclusas ata a rehabilitación do muíño do Rubio ou estes últimos días do ano o local veciñal. Festas, nova xunta parroquial, o mal tempo que trouxo neve por dúas veces e auga, moita auga. Deporte con roteiros ou co gran éxito do triangular de fútbol. Despedimos 2010 con imaxes que resumen a vida da parroquia nestes útltimos meses.

29 de decembro de 2010

Comezan a reforma do palco de Ouzande:::

A semana pasada comezaron as obras para o arranxo do palco de Ouzande. O promotor é o Concello da Estrada que aproveita os fondos do Plan E para diversas obras no municipio. A concesión da obra recaeu na construtora Cutrín. Esta era unha necesidade moi demandada pola veciñanza ouzandesa que, en numerosas ocasións tratou de mellorar o estado do ruinoso local social da parroquia.
As obras contemplan a drenaxe e recebado do edificio e a construción dunha tarima na parte dianteira para as actuacións. Na parte superior do palco recuperaráse o espazo inutilizado nos últimos anos para a construción de dúas salas; unha para actividades varias e a outra para un local máis pequeno. Nesta zona haberá tamén un baño.

Feliz éxito da "Ruta do Nadal":::

A Fervenza de Ouzande programou un roteiro un pouco especial para celebrar estas datas camiñando polo monte. O percorrido saíu da Igrexa de Ouzande, pasou polo Redondo (fonte)cara ao Picoto e polas pistas do monte ata o alto. Logo bordeou o Pedroso e baixou pola Carballeira da Somoza novamente cara ao monte de Ouzande, a zona da Fervenza (muíños incluídos) e camiño polo Topete, Labrada... cara á igrexa románica parroquial. Para clausurar a ruta houbo uns refrescos na Taberna de Ouzande. Asistiron sobre 30 persoas que gozaron dunhas vistas marabillosas debido ao bo tempo. Esta imaxe é un mapa do roteiro realizado e abaixo camiñantes sorteando pozas conxeladas no camiño.

24 de decembro de 2010

Celebrando o nadal botándose ao monte::

A fervenza de Ouzande celebra o nadal cunha ruta a pé polo Monte de Ouzande. Máis información no blog

chuvia e neve asolagan Ouzande:::


Días antes de que comezaran as obras do local social da parroquia, este inundouse debido ás intensas chuvias do outono. Esta imaxe mostra o estado do interior logo de que unha tromba de auga asolagara a parroquia.
A neve dificultou os desprazamentos por terra na parroquia, sobre todo pola acumulación de xeo nalgúns camiños, pero tamén deixou estampas pouco usuais ao tempo que fermosas

o mal tempo protagoniza o outono 2010:::


O mal tempo está protagonizando esta última etapa do ano en Ouzande, o magosto popular organizado pola Fervenza de Ouzande vén de converterse nunha loita contra os elementos. A pesar das inclemencias do tempo que ben mostran estas imaxes, houbo un nutrido número de festeiros que festexaron o outono como este ben se merece.