31 de agosto de 2015

Cinco grupos participarán na VIII Fervenza de Músicas o próximo venres 11 de setembro:::

Será o pistoletazo de saída das festas de setembro na parroquia de Ouzande. Cinco grupos conforman o cartel do festival que cada ano gaña máis adeptos. A cita é o vindeiro venres 11 de setembro no Campo da Festa de Ouzande ás 22h, hora en que comezarán a soar os primeiros acordes ao tempo que a gran carpa dun polbeiro acolle aos comensais que desexen comezar a festa con bo sabor de boca. Os primeiros en actuar serán os compoñentes da formación folclórica municipal da Estrada, Tequexetéldere que animarán o campo co cantos tradicionais da zona e co bo baile que vén representando á Estrada polo mundo adiante nos últimos anos. A agrupación Sonche Lerias de San Xulián de Sales (Vedra) tomaralles o relevo. O grupo Nai de Santiago e no que participan coñecidos músicos da zona coma Marcos Varela fará tamén un concerto dentro da Fervenza de Músicas. Non faltará a actuación dos incombustibles Retrouso que contarán coa colaboración do orfeón de canto tradicional de Ouzande, Recanto. No Campo instalarase unha carpa para que a friaxe da noite non enfríe a calor da música e do baile que de seguro leva a Fervenza de Músicas ata altas horas da madrugada. 
Este festival de música tradicional enmárcase dentro das festas do Socorro que continuarán durante toda a fin de semana, con distintas actividades tanto relixiosas como musicais e que terán o seu punto álxido o domingo 13 coa tradicional poxa das ofrendas á Virxe. 




Tabeirós organiza unha noite de música galega:::

Será no marco das festas da Consolación que se celebran na parroquia os vindeiros martes 8 e mércores 9. Os actos relixiosos xa comezaron o 30 de agosto cunha novena. O martes a animación musical correrá a cargo da Banda de Música Municipal da Estrada e pola noite haberá verbena con Alaka e The Boys Machine
O martes haberá animación de día co grupo ouzandés Retrouso e xa de noite, a organización decidiu centrar a festa na música de noso coa "I Noite de Música Galega" e que contará con Retrouso, Os Regatos, Heredeiros da Requinta de Carcacía, o grupo de acordeóns Os Lóstregos e co Fondo do Peto.

11 de agosto de 2015

Couso celebra o XX aniversario das "Nosas Músicas" cunha velada especial:::

Desta volta en Couso celébrase algo máis que o Festival "As Nosas Músicas", celébrase o 20 aniversario, 20 anos ininterrumpidos de festa que xa levan presentando por disintos puntos nas últimas semanas e que o vindeiro 14 de agosto encherá o Campo da Festa da parroquia. Contan con  ALVARIZA, CARLOS BLANCO, RADIO COS, FANFARRIA TAQUIKARDIA e BANDA DAS CRECHAS, como peche de cartel, pero tamén fan actividades e obradoiros ó longo da tarde. Darán comezo cara as cinco cun obradoiro de xogos tradicionais a cargo de Xandobela, para continuar ás sete con outro obradoiro de iniciación ó baile. Ás oito da tarde terá lugar unha actividade moi interesante para ver como se maza se espadela, se fía e tece o liño no Val de Vea. A partir das nove e media quedará o campo da festa dedicado á ruada aberta con Ultreia para logo xa comezar cas activades nocturnas que pechan o cartel. 

Ouzande bótase a xogar co caldeiro penzo:::

Di o refrán que cando San Lourenzo leva o caldeiro "penzo" (torto), chove. Ese foi motivo polo que a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande tivo que suspender este xogo o ano pasado. Deseñárono porque o día do patrón da parroquia caía en domingo. Como a primeira intentona foi co caldeiro penzo de verdade, este ano propuxéronse desafiar ás predicións metereolóxicas e conseguiron un día envexable de sol e calor. O seguinte paso era convocar os elementos para realizar o xogo e aos nenos  e maiores tanto da parroquia coma de fóra para poder xogar. Un grupo de turistas perdidos e un druída celta déronllela benvida. Os menores de 8 anos quedaron no campo da festa formando parte dunha "escola de druídas" mentres que os demais participantes tiveron que ir cun caldeiro por distintos puntos da aldea e realizando distintas probas de investirgación sobre Ouzande e o seu rico patrimonio cultural. Desde as partes da igrexa ata os nomes das leiras foron obxecto de aprendizaxe neste gran xogo que demorou desde as 18.30 ata as 21h polas fontes da parroquia. Coa auga dos distintos mananciais conseguiron que o druída "Topetix" fixese unha pócema coa que mollou aos turistas, desencantándoos e posibilitando que volvesen ás súas terras de orixe marabillados por coñecer disintos puntos da xeografía galega, pero especialmente a aldea de Ouzande.
Fotos a Fervenza de Ouzande








4 de agosto de 2015

Ouzande ríndese ao encanto dos seus muíños:::

O pasado sábado 1 de agosto, a contorna dos Muíños da Fervenza en Ouzande convertíase no escenario dunha festa máxica organizada pola asociación cultural que dese lugar toma nome, a Fervenza de Ouzande. Xa pola tarde houbo un rebulir de xente para organizar o evento, dotando de iluminación as inmediacións do Muíño do Rubio. Xa polo serán o camiño que dá acceso a este punto desde o lugar de Alemparte encheuse de misterio grazas á animación coa que lle deron a benvida aos festeiros. Santas Compañas ou o mesmo medo personificado deambularon entre carballos e acivros camiño da festa. A seguir tempo da cea e da conversa entre amigos e veciños. Xa entrados na noite a música e o baile resoaron entre as pólas da Fervenza. A tradicional queimada púxolle a guinda á celebración que se demorou ata a madrugada.










1 de agosto de 2015

Ouzande perfila as súas festas patronais con tres días de actividades:::

Serán os vindeiros 7, 8 e 8 de agosto, coincidindo cos próximos venres, sábado e domingo. Celébranse as honras ao patrón San Lourenzo e a festa do Santísimo Sacramento. 
A actividade comeza o venres 7 cunha verbena amenizada pola orquestra local "Galilea". Tamén haberá un polbeiro para cear. O sábado, día do patrón, haberá actos relixiosos ás 13.15h e festa amenizada polo grupo callobrés "Os Ke Hai". O trío "Diseño" fará a sesión vermouth e pola noite festa amenizada por este conxunto musical e "Elite". A festa do domingo será na honra do Sacramento e está prevista a confección dunha gran alfombra floral. As actividades relixosas son ás 13.15h e haberá música coa Charanga "Os Atrevidos". Ás 18.30h no Campo da Festa haberá un macroxogo dirixido a todas as idades e que levará aos participantes a coñecer os segredos máis agochados da parroquia, chámase "O Gran Xogo do Caldeiro Penzo" en alusión ao "caldeiro" que ten o patrón e que segundo o mova fai que chova ou non.
 imaxes de arquivo