31 de maio de 2011

O bo tempo acompañou na excursión deste ano:::

Ás nove da mañá arrancaba un autobús repleto de xente desde Ouzande para gozar dunha xornada de viaxe pola costa coruñesa. O primeiro punto no que se parou foi a Fervenza de Toxosoutos en Lousame, un lugar que fixo as delicias dos ouzandeses. A seguinte parada había ser na vila de Noia coa posibilidade de tomarlle un café nesta localidade costeira para logo organizados en dous grupos coñecer algúns dos lugares máis representativos como a igrexa de San Martiño ou o Museo das Laudas na Igrexa de Santa María a Nova. O autobús levou á excursión cara ao muíño das mareas de Serres (Muros)onde unha guía explicou a singuaridade deste edifício e mailo seu funcionamenteo que resultou curioso para a parroquia alí desprazada. A seguir foise percorrendo a costa de Muros con vistas impresionantes cara ao complexo natural do Monte Louro para xantar na Praia de Ancoradoiro, xa nos límites de Carnota. Logo dun merecido descanso e dun bo xantar houbo tempo mesmo para mollar os pés na praia e tomar un xelado. A última fase da excursión e cando a chuvia xa comezou a ameazar foi para percorrer en bus toda a costa carnotá ata a Fervenza do Ézaro, aos pés do lendario Monte Pindo na única fervenza europea onde a auga cae no mar. A recente construción dunha pasarela de madeira posibilitou que se chegara sen problemas ao mesmo lugar onde cae a auga. Alí sacouse esta fermosa foto de grupo. Á volta houbo un tempo para parar na vila de Muros e así visitala ao tempo que a choiva ía deixando caer as primeiras pingueiras co alivio de ter tido un día con moi bo tempo para unha excursión, con sol e calor non en exceso. O regreso fíxose polo interior, pola zona de Negreira e para combatir o cansanzo comezaron a soar as pandeiretas e as doces voces da parroquia.

28 de maio de 2011

Ouzande desprázase cara a costa:::


Mañá Ouzande hase desprazar un pouquiñon no mapa e non é que vaia haber un tremor de terra, senón que A Fervenza de Ouzande programou a excursión anual. Pola mañá visitaráse a Fervenza de Toxosoutos e maila vila de Noia para viaxar ata o Muíño das Mareas de Serres en Muros e comer na Praia de Ancoradoiro. Seguidamente iráse ata o pé do Monte Pindo para ver a Fervenza do Río Xallas, única en Europa que cae sobre o mar. Á volta visitaráse a vila de Muros.

19 de maio de 2011

A ruta das letras dá paso á excursión anual en Ouzande:::

O pasado martes 17, día das Letras A Fervenza de Ouzande gozou dunha camiñata polo monte da parroquia, Zoo e polas instalacións de Monte Cabalar. Acodiron unha trintena de persoas que ao final da ruta foron agasallados coa revista do proxecto BIBLOS así como con dous libros cedidos por esta editorial.
E como o tempo da primavera anima a pasear, xa está programada a excursión anual. Desta volta o bus ouzandés hase dirixir á costa para visitar as vilas mariñeiras de Muros e Noia e maila Fervenza de Toxosoutos en Lousame. O período de inscrición está aberto e hai prazas limitadas, quen estea interesado-a debe informarse no blog da asociación e inscribirse na taberna de Ouzande.

15 de maio de 2011

Letras Galegas en Ouzande:::

A Fervenza de Ouzande organiza a VI Ruta das Letras - Andamos e Falamos. Será o vindeiro martes 17 de maio, dentro do programa de rutas a pé, IMOS ANDAR.
O pasado día oito fíxose a primeira polos "carreiros de Ouzande" nun día de tronada pero no que a choiva permitiu facer todo o traxecto sen mollarse. Desta volta e coincidindo co día das letras galegas, a asociación cultural levará a quen se queria apuntar polas lagoas da parroquia e terá unha compoñente de exaltación literaria ao agasallar aos camiñantes con literatura ofrecida polo club Biblos. Máis info no blog da asociación.

5 de maio de 2011

ESTE DOMINGO A FERVENZA DE OUZANDE BÓTASE A ANDAR:::


Este domingo A FERVENZA DE OUZNADE bótase a andar polos camiños da parroquia, trátase dun roteiro semellante ao realizando hai un ano e que tivo moito éxito por dar a coñecer recunchos da parroquia que os propios veciños non transitan ou descoñecen. Con esta iniciativa comeza o programa de rutas da asociación ouzandesa "Inos andar". Con saída ás dez da mañá desde a igrexa parroquial e chegada á unha do mediodía. As rutas continúan na semana seguinte cunha saída ao Monte de Pedralba.
Con estas actividades continúase a programación cultural da primavera que comezou o pasado domingo coa actuación de BANDA BROA no local social. O éxito na presentación deste grupo do que participa a ouzandesa Noelia Bouzón quedou patente nos cálidos e emotivos aplausos da sala.