24 de xuño de 2017

Festa do Lumeiro para cumprir con todos os ritos en Ouzande:::

Ouzande é unha parroquia moi ligada ás súas tradicións e, como cada noite do 23 de xuño, un nutrido grupo de persoas xuntáronse ao carón da auga e do lume purificadores para espantar bruxas e demos. A Fervenza de Ouzande ideou hai xa máis de 15 anos un sistema moi peculiar baseado no "Home do Saco", un personaxe mítico moi arraigado na vida local ao que sen dubidalo, botan ao lume cando pasa a medianoite. Este ano foi de cartón e levou canda si o "saco" no que cadaquén previamente tiña botado papeliños con aspectos da súa vida a queimar. Unha procesión fúnebre nocturna capitaneada polas gaitas da asociación deu inicio ao fin do peculiar personaxe. Unha vez queimado soou a música de festa e o baile para festexar a limpeza de cada primavera. Non faltaron os saltos por riba da fogueira que fixo demorar aos festeiros no Campo ata altas horas.






17 de xuño de 2017

Un curso que se foi; pechado por vacacións:::

A Fervenza de Ouzande vén de pechar as clases de música e baile tradicional por este curso. Unha festa reuniu a alumnado de todas as disciplinas non só para exhibirse diante dos compañeiros, senón tamén para compartir con humor unha calorosa tarde de xuño. Foi o pasado sábado 19 de xuño.

Apesar das altas temperaturas, os preto de 100 alumnos e alumnas dos cursos da Escola de Música poopular da Fervenza, déronse cita no Campo da Festa para ter un momento de encontro e convívio. Ao final tamén compartiron uns petiscos cortesía da entidade. E é que o motivo era pechar o curso 2016/2017 no que pandeireta, baile, gaita, percusión, canto ou arcordeón foron xuntando puntos e notas nas tardes dos sábados. Agora, aínda que os profesores Fofi, Marcos Varela e Silvia Martínez non dean clases durante o período estival, a actividade continúa nos Campos das Festas da redonda, cabe recordar que froito destas clases, Ouzande conta xa con dous grupos que amenizan numerosas festas na contorna, trátase de Retrouso e Recanto.






5 de xuño de 2017

Ouzande, unha parroquia que tamén medra, no Carballiño:::

O Carballiño foi o destino escollido pola Fervenza de Ouzande para a xornada anual de convivencia e visitas culturais. Desta volta sairon ás 09h da igrexa de Ouzande rumbo ao xacemento arqueolóxico de San Cibrao de Las. Alí foron atendidos polo persoal do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa que os guiou tanto polo centro de interpretación como polo propio xacemento. Tras esta viaxe no tempo de máis de 2000 anos, o autobús ouzandés dirixiuse ao Carballiño para coñecer o Templo da Veracruz, unha das obras máis famosas de Antonio Palacios. Tamén aproveitaron para facer un pequeno paseo polo centro urbano da localidade. O xantar e o tempo de compartir e descansar foi no parque municipal ao carón do Río Arenteiro. Tras o café o os agradecidos paseos polo parque etnográfico e instalacións fluviais, os ouzandeses encamiñáronse cara Cea para visitar o seu baluarte máis coñecido; o Mosteiro de Oseira. Alí coñeceron a historia e as instalacións desta monumental abadía. Ao remate descanso na área recreativa desta aldea para enfilar o camiño de regreso, pensando seguramente nos posibles destinos para o próximo ano.