26 de decembro de 2019

O PORTAL DE NOTICIAS CUMPRE 10 ANOS:::

En novembro de 2009 botaba a andar O PORTAL DE NOTICIAS, facendo desta volta 10 anos de información local, centrada na parroquia de Ouzande e área de influencia. Nesta década cambiou o nome, que orixinariamente foi Portal de Ouzande pero tamén a estética e as temáticas a tratar. Sendo unha iniciativa totalmente altruísta mantense debido aos altos índices de audiencia que posicionan moitas das súas publicacións por riba das 1000 visualizacións e non só en Ouzande e área de influencia, senón que O PORTAL é seguido en numerosos países, principalmente por persoas vinculadas con este territorio e que moran lonxe. Curiosidades houbo moitas ao longo destes anos, podéndose destacar os contactos que se realizan desde O Brasil por parte de persoas que pensan que é un medio dixital dese país pola proximidade da lingua. Tamén cabe destacar que a páxina de facebook deste medio ten milleiros de seguidores que interaccionan para dar aviso de noticias ou presentar queixas ante circustancias próximas que non ven atendidas. O PORTAL leva 10 anos atendendo esas necesidades de comunicación así como ofrecendo inormación ante a gran demanda de noticias do ámbito local. 

Desde O PORTAL DE NOTICIAS queremos aproveitar este aniversario para darllelas grazas a todas as persoas que levan colaborado connosco neste tempo, sobre todo mediante a lectura das distintas noticias redactadas para un público tan concreto. E aproveitamos a ocasión para desexarlle todos os lectores un feliz anonovo 2020. 


A comarca avalía os datos dos temporais encadeados e as súas consecuencias:::

A máis grave foi a perda da monumental sobreira de Arnois, máis popularmente coñecida como a Sobreira de Balboa. Os seus case 10 metros de circunferencia e 16 de altura facíana unha das árbores máis senlleiras da contorna e estaba declarada como monumental tamén pola súa antigüidade xa que rondaba os 500 anos. Mentres se chora esta perda, a Estrada atesoura outras cinco árbores declaradas monumentais que están en Callobre, Orazo (Outeiro e igrexa), Arca e Arnois. O vento tamén derrubou decenas de árbores que imposibilitaron o paso por estradas de distintas parroquias e a auga anegou camiños e accesos a algunhas vivendas, obrigando á intervención dos servizos de emerxencias en numerosas parroquias. O entramado urbano da Estrada tamén sufriu a furia do vento, guindando restos construtivos de distintas edificacións e obrigando a pechar as piscinas municipais e acordoar predios na Praza de Galicia, Praza do Mercado ou zona deportiva. Os ríos medraron cuantiosamente, deixando estampas coma estas do Ulla ao seu paso por Couso, lugar no que pararon nestes días numerosos automobilistas á altura de Pontevea para fotografar a magnitude das augas baixo a ponte de orixe romana.








A Fervenza de Ouzande reune unha vintena de persoas na súa tradicional Ruta de Nadal:::

O pasado mércores 25 de decembro, día de Nadal, A Fervenza de Ouzande foi fiel á súa cita cos montes de Ouzande e A Somoza, dándolle vida aos inundados camiños destas dúas parroquias estradenses. A marcha arrancou ás 10.15h diante da igrexa románica desta parroquia e desde onde partiu o paseo de 9km polos lugares máis salientables destas dúas freguesías da Estrada. As distintas "dificultades" que se foron encontrando os sendeiristas por causa das intensas chuvias dos últimos meses fixeron máis interesante a camiñada pois implicou agudizar o enxeño para poder atravesar ante árbores caídas ou camiños anegados. O público deleitouse coas fermosas carballeiras en inverno, cos Muíños da Fervenza de Ouzande ou co Rego das Rans, lugar enigmático onde nace o regueiro de Ouzande. A Fervenza ouzandesa bifurcada a causa do grande caudal tamén se fixo foco das cámaras de fotos pola fermosura non só da natureza, senón polo día de sol e de temperaturas case primaverais. Durante o percorrido, socios desta asociación, foron guiando aos visitantes pola historia do propio monte ou da recuperación que A Fervenza tén feito do entorno dos muíños así coma dos seus accesos, recordando que todos os veráns e de xeito altruísta, un grupo de socios se reúne con fouciños e desbrozadoras para limpar este paraíso cercano. 






Festa fin de ano da Escola de Música Tradicional de Ouzande:::

Profesorado e alumnado da Escola de Música Tradicional da Fervenza de Ouzande despediron o ano cunha cea de Nadal o pasado 13 de decembro no Restaurante O Xarro. Como xa vén sendo tradicional, a boa mesa e a mellor sobremesa estivo regada por boa música e mellor baile. As clases de pandeireta, baile, gaita, percusión, voz... reunen cada sábado no local social de Ouzande a centos de persoas desexosas de aprender máis das súas especialidades e xa xeraron, sen ser o seu obxectivo inicial, dous grupos de música; Retrouso e Recanto. 





A FERVENZA DE OUZANDE DESPIDE O OUTONO CUN OBRADOIRO DE XABÓNS:::

Xabóns feitos na casa, coma se vén facendo desde tempos inmemoriais. Así, cunha volta á orixe, despide A Fervenza de Ouzande este outono de actividades na parroquia estradense. A filosofía é a mesma que outros obradoiros que teñen realizado nas últimas tempadas, coma de cosméticos ou perfumes con herbas naturais e procesos respectuosos co medio. Montse Fernández Búa foi a mestra, especialista nestas lides e propietaria de Casa Xorxeira, un negocio ubicado na Praza de Abastos da Estrada e que non deixa de sorprender co seu bo facer sobre elementos de reutilización ou da propia natureza que sabe manexar para dotalos de novas utilidades sen contaminar, ao xeito tradicional. Desta volta a Asociación ouzandesa pediu aos asistentes que levasen materias tan simples como 2 litros de aceite usado, un balde, unha caixa de cartón ou unha batedora doméstica. Todo isto foi o pasado 14 de decembro no local social da parroquia en horario de tarde (17.30h)