3 de marzo de 2016

RETROUSO presenta un novo disco no Teatro Principal:::

"Dous" foi o nome escollido por Retrouso, a agrupación musical tradicional de Ouzande para o seu segundo disco, facendo ecoar o identificativo "Ou" que era o título do primeiro. O traballo xa está gravado e editado, de feito contan con medio milleiro de copias que xa teñen a venda e que presentarán no Teatro Principal da Estrada. Durante este acto presentarán todas as pezas deste CD que eles mesmos definiron como fresco, contén pezas moi variables e bailables, moi alegres, respectando a tradición e cunha moi boa imaxe de presentación pois todo o deseño é obra da tamén ouzandesa Rosa de Cabanas. 


A Estrada entoa os "Cantos de Taberna":::

Será polos distintos bares e tabernas da vila da Estrada este sábado. A troula xa comezará pola mañá con Pana Raiada, O Arco de Merza, Bótalle Terra e Os Ke Hai que animarán o centro con música tradicional e cantos. Durante toda a xornada haberá unha feira de artesanía nas rúas da zona dos viños e xa ás 20.30h a festa apoderarase da Estrada pois ata 13 grupos tocarán ao mesmo tempo polos distintos puntos escollidos pola organización. Esta é a terceira edición deste evento que organizan distintos músicos locais.

Disfunción Continua Teatro levará Teimas a Guimarei, Vedra e Combarro nas próximas datas:::

A Asociación Santa Apolonia de Guimarei vén de informar de que este próximo sábado 5 de marzo ás 20h e no Local Social do Outeiro van contar coa presenza de Disfunción Continua Teatro para a representación de "Teimas" a súa última produción. A entrada é gratuíta. Trátase dunha comedia de pouco máis dunha hora na que sete actores estradenses dirixidos por Jouse García suben ao palco para representar a historia da consulta do Doutror Teixieiro, un afamado psicólogo internacional que terá que atender a distintos pacientes con cadensúa teima. Esta obra é para maiores de 16 anos. Así mesmo, a compañia estradense vén de anunciar outras dúas funcións desta mesma obra dentro do festival de teatro de Vedra e Combarro. As citas son no Centro Social da Terceira Idade de Vedra o próximo sábado 12 ás 21.15h e no Centro Cultural de Combarro o 23 de abril ás 20.30h

Manipulador de produtos fitosanitarios en Guimarei:::

A Asociación Santa Apolonia de Guimarei vén de informar de que a partir do sábado 2 de abril se vai celebrar un curso de Aplicador-Manipulador de produtos fitosanitarios. Será de nivel básico, polo que non se requiren coñecementos previos. A formación estenderase durante 25 horas en horario de sábaddos desde o 2 de abril ata o 30 do mesmo mes. Este curso celebrarase polas mañás de 9 a 2 no Local Social de Outeiro e ten un custe de 58.83 euros. Será posible inscribirse ata o próximo 17 de marzo no teléfono 649766064.