25 de xuño de 2014

Abel Carbajal recibe o premio á mellor produción con Te Pillé no Festival Jove de Valencia:::

Abel portando o diploma á mención especial.
Desde o 20 deste mes e ata o 27 estase a celebrar na cidade de Valencia a 29 edición do Festival Internacional de Cine de València. Cinema Jove. Abel Carbajal vén de recibir o pasado luns 23 o premio á mellor produción audivisual de entre as máis de 120 presentadas.

Abel, exactamente como funciona o concurso e cal é valor do premio?
Pois é un encontro audiovisual de xente nova que se celebra durante unha semana aproximadamente e que se organiza en tres categorías por idades, a min correspóndeme a "B" A miña sorpresa foi que non me deron o premio á miña categoría, senón que se trata dunha mención sobre todos os traballos presentados entre as tres categorías.

Como foi a experiencia?
Pois non o esperaba. Esta edición había entre 120 e 150 curtas entre as tres categorías cando o ano pasado eran a metade e este é un festival dos máis importantes que hai a nivel internacional polo que é unha honra xa só o feito de participar. A experiencia é moi enriquecedora pois podes visualizar as obras seleccionadas e aprender moito do sector, cousa que me interesa pois é ao que me quero dedicar. Presentaba a actriz Ana Álvarez que tamén era membro do xurado e que fixo unha charla sobre a interpretación para o cine cos asistentes. A curta "Te Pillé" aínda pode participar este ano en certames deste tipo polo que a pesar de haber tempo que a fixemos é unha satisfacción que segue a dar froitos.

Xa de volta en Ouzande, algún proxecto en mente?
Si algunha cousa teño pensado facer este verán. De momento está moi verde, teño que madurar un pouco a idea e poñerme mans á obra. Xa vos irei contando.

Guimarei celebra o San Xoán con Milgrandeira:::

50 persoas gozaron de sardiñas e outros manxares no San Xoán.
Guimarei sumouse á celebración do San Xoán o pasado sábado 21 ás 22h cunha xuntanza no local social do Outeiro á que acudiron unhas 50 persoas. Durante a velada degustaron apetitosos manxares típicos desta época.
A formación musical Milgrandeira foi a encargada de animar a ritmo de gaita e bombo a festa. Trátase dunha formación nacida hai menos dun ano do seo da Banda de Gaitas de Barbude e que xa animou numerosos saraos na comarca. O seu nome parte da planta que dá as granadas, escollérono por considerarse unha formación moi "explosiva" en referencia ao dobre significado que se pode tomar desta exótica froita.
Para os veciños da parroquia guimareiciense foi todo un orgullo esta xuntanza pois puideron retomar con normalidade o uso do local social do Outeiro logo de das obras de pintado que realizaron nos últimos meses. Estes labores supuxeron o remate dos arranxos realizados logo de que no pasado Nadal un temporal levase polo aire a cuberta do local ocasionando un grande prexuízo para a parroquia.

A veciñanza retomou a actividade no local logo de meses en obras tralo temporal do Nadal.

Milgrandeira animou a festa.
fotos: Asociación de Veciños Santa Apolonia de Guimarei

24 de xuño de 2014

Purificación espiritual a golpe de lumeiro:::

Espectacular queima do Home do Saco
O Home do Saco non foi quen de fuxir á espectacularidade do Lumeiro de Ouzande. Ás 7 da tarde comezaban a traballar na construción do home de palla e na recolección das herbas aromáticas coas que fixeron a auga do San Xoán. Contra a noitiña un nutrido grupo de veciños e festeiros arrimábanse á calor do lume para asar chourizos e botar uns contos. Contra a medianoite e ao ritmo que marcaban as gaitas de Retrouso, comezaban as escrituras. Trátase dunha neotradición creada para escribir cousas negativas das que un se quere desfacer e que ten moito éxito todos os anos. Con todos estes ingredientes comezou a marcha da queima do Home do Saco. Saía da entrada posterior do Campo da Festa e dirixiuse cara a cacharela presidida polo protagonista da noite. Nun primeiro momento este tentou desafiar os inquisidores esforzos dos ouzandeses pero a dureza do lume non tivo perdón e non houbo indulto. Cando o lumeiro foi reducindo o seu tamaño e perigosidade este fíxose escenario dos tradicionais saltos, que desta volta foron certamente espectaculares.

Veciños escribindo aquelo que quixeron queimar.


Paseniñamente, o Home do Saco foise consumindo no lume.

Os chourizos estiveron presentes desde o principio da festa.

Saltando a fogueira.
Saltando a fogueira.

22 de xuño de 2014

Conta atrás para a festa máis máxica do ano:::

O Campo da Festa de Ouzande acolle hoxe 23 de xuño, cadrando en luns, o que seguramente é o Lumeiro máis particular de cantos se celebran. A parroquia quérelle dar a benvida ao verán queimando o Home do Saco e bailando e cantando arredor do lume purificador da fogueira. A música corre a cargo de Retrouso e haberá un posto con comida, este ano volverase ofrecer a posibilidade de asar chourizos ao agarimo do lume. A actividade é gratuíta e aberta a quen queira participar. Xa comezan ás 7 da tarde cos preparativos do boneco e da recollida de herbas, contra o luscofusco poñeráselle lume ao Home do Saco para purificar o mundo dos males que o atormentan e logo saltarase a fogueira e farán festa ata que os corpos aguanten.

Cartel desta orixinal festa.

Enriquecedor paseo polo urbanismo da Estrada con Carmela Sánchez:::

O sábado 21 e o domingo 22 tiveron lugar na Estrada dúas rutas urbanas capitaneadas por Carmela Sánchez, de Etnoga. A actividade serviu para coñecer un pouco a rica arquitectura da vila así como moitos aspectos da historia local. A marcha comezaba na Praza do Mercado, onde se ubicou o primeiro Consistorio da vila, que albergaba a cadea nos baixos e que estaba ao carón da capela da Peregrina. Fíxose un repaso polo mercado e fixouse a atención nunha edificación singular que hai nese punto que é a casa de Lois, construída en 1907. A camiñata foi mostrando as vivendas máis antigas e as tipoloxías típicas da urbe que nacía contra mediados do S.XIX. O que por aquel entón era un cruce de camiños entre Ouzande e Figueiroa íase constituíndo nunha pequena vila con casas de dúas alturas e que pouco a pouco se ía orientando cara ao comercio e aos servizos.
Imaxe antiga coa vella igrexa, a cadea, o mercado orixinal e moitas edificacións hoxe perdidas.
Carmela explicando as caraterística da
Casa de Lois, na Praza do Mercado.
A ruta serviu para coñecer arquitectos e promotores de vivendas tanto públicas como privadas que lle foron dando a aquela aldeíña estremeira unha fisonomía urbana, como foi o caso do "Escobeiro", realmente chamado Manuel Porto Verdura, un emigrante que investiu moito no casco urbano e que está detrás de edificacións como o edificio da "Farola" ou o de "Calzados A Esquina". Edificios eclécticos que foron proxectados por arquitectos que procedían da escola madrileña e que coñecían o modernismo francés, deixando na estrada baldosas hidráulicas, galerías e balcóns que aínda se conservan na actualidade.
A rúa Pérez Viondi, antano "de San Lourenzo" alberga unha das casas máis coñecidas da poboación, a do pai de Virxinia Pereira, con xardín urbano ao igual que a casa do Médico Araújo en San Paio. Nesta rúa tamén hai balcóns vidrados ou a casa na que estivo a primeira oficina de telégrafos.
Inicio da antiga San Lourenzo que conducía a Ouzande.

 A Praza da Farola foi un lugar moi funcional durante toda a súa historia, albergando unha capela con advocación ao Espírito Santo ou un hospital de Peregrinos, posiblemente pasase por aquí unha das rutas xacobeas procedentes de Portugal, así como o Camiño de Terra de Montes. O Escobeiro foi quen proxectou o singular edificio que identifica a vila, así como o Hotel La Estrella ou quen lle mercou á Igrexa o antigo templo.

Seguindo o roteiro, Carmela presentou algúns edificios que a voráxine da especulación urbanística e o devir da historia foi comendo, como o que se ubicaba fronte á calella que une a Rúa San Paio coa actual igrexa parroquial da Estrada, o dono foi asasinado polo Réxime de Franco, os herdeiros gastaron case outro tanto do seu valor en recuperalo e finalmente foi tirado para facer unha construción nova.
Outro aspecto da historia local que se abordou foi o da igrexa. Sábase que desde o século XVI había unha capela na actual Farola, que no XIX había a capela da Peregrina na Praza do Mercado, pero a nova vila precisaba dun novo templo. Aproveitaron o incendio da de Figueroa para deixar aquelo como cemiterio e achegar ao centro da poboación o culto. Fixeron no XIX unha igrexa na actual Praza da Farola pero ao pouco xa precisaron dunha nave de culto superior e comezaron o actual templo, tando a Igrexa Compostelá que vender o antigo templo (na foto antiga aérea vese xa sen o campanario) qu e pasou a ser almacén ou carpintería, mesmo estivo na idea de Porto Ventura de facer un hotel nese solar, hoxe hai un edificio de vivendas (nos baixos está Caixa Xeral). O templo actual segue estando inacabado, pódese ver o campanario sen revestimento. Tal e como explica Carmela, os edificios hai que entendelos no seu contexto e este edificio é enormemente grande, ten tres corpos e unha capacidade moi grande que fala do crecemento da próspera vila dos anos 20 e 30.

O paseo transcorreu por Calvo Sotelo, Porta do Sol e Fernándo Conde, onde se reparou en diversos aspectos construtivos, na Casa do Pobo ou na necesidade de servizos que nos anos 50 e 60 levou a que na Estrada se construísen a actual Casa da Cultura, daquela instituto de ensino secundario. A camiñata achegouse ata o antigo Matadeiro, Carmela explicou a súa historia e que ten un irmán xémeo en Marín. O seguinte punto foi o Teatro Principal, promovido por industriais de Vilanova, o Colexio José Antonio, xa máis recente, a antiga Biblioteca e, como non, o edificio que alberga o Concello.


Rúa Peregrina, edificio derruído. Hoxe no mesmo lugar aséntanse as oficinas dunha entidade bancaria.

Un serán para coller vacacions:::

Un dos grupos de pandereteiras da Fervenza de Ouzande.
 A escola de música e baile tradicionais da Fervenza de Ouzande xa está de vacacións. O pasado sábado 21 ás 21h comezaba o serán co que despediron o curso os case 100 alumnos que cada sábado viñeron ateigando o local social ouzandés. E fixérono mostrando o mellor de si; comezaron o grupo de baile cunha muiñeira, bo xeito de romper o xeo e espantar a chuvia que ameazaba. Trala muiñeira veu a xota e os cantos de Recanto, as gaitas, o tamboril e mailas pandereteiras que fixeron a delicia dos asistentes. Non todo foi cantar, tocar e bailar xa que tamén houbo tempo para degustar uns manxares que ofreceu a organización, algúns deles cociñados polo propio alumnado. Na velada tamén estiveron presentes Silvia, Fofi e Marcos, os profesores que maxistralmente souberon transmitir un curso máis os seus coñecementos.A festa estendeuse ata as 2 da madrugada con máis cantos, bailes e música. As clases volverán en outubro, aínda que algúns dos grupos retomará xa en agosto ou setembro a actividade. 
Os bailadores foron vestidos para a ocasión.

Momento do baile.

A velada alongouse ata a madrugada.

O grupo de canto tradicional presentou novas pezas.

As actuacións foron moi entrañables e divertidas.

Momento dunha das actuacións de canto.

Noelia e César, diálogo de gaiteiros.

Novos tamborileiros da Fervenza de Ouzande.

18 de xuño de 2014

Exhibición e festa para celebrar o fin de curso das clases de música e danza tradicional:::

Foto de arquivo dunha edición anterior
O Campo da Festa de Ouzande acolle este sábado 21 ás 21h a festa fin de curso das clases de música tradicional e baile da Fervenza de Ouzande. Na cita actuará o alumnado e a convocatoria está aberta a todas as persoas que queiran pasar un momento agradable presenciando as exhibicións do alumnado. Estes últimos días afánanse por levar ensaiadas todas as pezas que queren mostrar. En concreto rematan con esta festa as clases de pandeireta, gaita, percusión, acordeón, canto e baile. Unhas clases que se estenderon no tempo desde outubro e que mobilizaron a centos de persoas cada fin de semana. A organización tamén ten previsto ofrecer un pequeno ágape. Esta festa será a antesala da festa do Lumeiro que se ha celebrar no mesmo lugar o luns á noite.

Cartel da actividade

16 de xuño de 2014

Ruta guiada pola Estrada urbana con Etnoga:::

Carmela Sánchez, responsable de Etnoga.
Carmela Sánchez é unha das responsables da empresa Etnoga que se dedica á xestión do patrimonio e que esta fin de semana organiza unha ruta guiada pola Estrada urbana. Esta especialista en Historia da Arte leva anos investigando a historia e o valor arquitectónico das edificacións máis singulares da vila. 

Carmela, cal é o obxectivo desta ruta? 
Pois a nosa intención é poñer en valor a arquitectura que se conserva na Estrada, de feito é un tema de investigación no que levo traballando moitos anos. Cando un camiña pola vila pode pensar que non está nun lugar moi “histórico”, pero se fiamos fino poderemos descubrir unha localidade na que Argenti Navajas, Franco Montes, Álvarez Reyero ou López de
Carmela nunha actividade semallante.
 Rego deixaron a súa pegada. Ademais, non menos importante foi a presenza de construtores como Avelino Camba ou José Sanmartín, empresarios como Manuel Porto Verdura “O Escobeiro” e filántropos como Fernando Conde. Son autores e promotores de casas e edificios que aínda se poden ver, vivendas privadas e construcións públicas da época dourada na que foi coñecida como a “Villa Airista”. As cousas hainas que valorar no seu contexto, por exemplo non se pode pretender ver a beleza dunha igrexa románica nunha obra do século XX. 

Que teñen que facer as persoas que estean interesadas en realizar esta actividade? 
Pois é moi fácil. Simplemente se teñen que anotar porque hai prazas limitadas. Pódese facer na nosa web, por correo electrónico en rutas@etnoga.com ou chamando por teléfono ao 695 491 898. Hai que dar o nome, DNI e un número de contacto. A actividade custa 3€, que se pagan na visita, e nela colabora a Concellaría de Cultura, se non fose así teriamos que cobrar máis. E logo... estar uns 20 minutos antes do
Detalle dun piso con baldosas hidráulicas
na Estrada.
inicio. Pódese anotar un para o sábado 21 ás 18h ou o domingo 22 pola mañá ás 11h. A actividade está recomendada para maiores de idade, pero poden vir con cativos desde os 12 anos, iso si... acompañados dun adulto. Tamén é ben levar roupa cómoda para
 camiñar porque sen ser unha ruta de sendeirismo si que vai implicar camiñar bastante polo casco urbano da Estrada. A saída farémola na Praza do Mercado (Antiga Martínez Anido) e dura dúas horiñas aproximadamente.


Estás moi vinculada coa Estrada, de feito fixeches un traballo de catalogación en Ouzande, non é así?
Si, foi un dos primeiros traballos e gardo moi bos recordos. Foi un traballo de catalogación do patrimonio da parroquia que os promotores, A Fervenza de Ouzande, teñen exposto no local social. Ademais os veciños e veciñas implicáronse moito. Catalogamos cousas moi fermosas coma os muíños, de sobra coñecidos ou hórreos moi traballados. Ah, e moitas palleiras, que as hai moi logradas, de feito
gardo moi bo recordo da Casa do Cereiro que ten un lagar e unha palleira que ao igual que a da Casa de Felipe foron das mellores que vimos. Ouzande é unha zona chea de interese polo seu patrimonio pois conserva fornos, casas tradicionais, lavadeiros, fontes e, como non, unha igrexa románica impresionante. Ademais algunhas destas bens están nunha contorna envexable coma os muíños ou a igrexa.

Entrada dun edificio en Xusto Martínez
Galería en Pérez Viondi.

Porta en Perez Viondi.
Cano en Xusto Martínez.


A Somoza celebra as festas dos Remedios e Santo Antonio esta fin de semana:::

Os próximos venres 20, sábado 21 e domingo 22 A Somoza está de festas, son na honra da Virxe dos Remedios e San Antón. A novena celébrase desde o pasado día 12 ás 21h. Os festexos comezan xa na noite do venres cunha gran polbada gratuíta e a actuación da orquestra Terranova. O sábado haberá distintos actos relixiosos e a actuación do Coro San Paio da Estrada e a Banda de Música Municipal da Estrada. Ás sete da tarde é a quenda do deporte co tradicional partido de solteiros contra casados, todo un clásico na parroquia. Pola noite hai verbena con  Gran Atlanta e Os Príncipes. Botarán fogos de artificio contra as doce da noite. O domingo continúan os actos relixiosos, nos que actuará o Coro Voces de Arca e haberá sesión vermouth coa Banda de Música Cultural da Estrada. A comisión de festas instalará unha gran carpa para protexer as actividades das inclemencias da choiva.
Cartel das festas da Somoza.

En Ouzande, polo Santo Antonio a sardiña molla o pan:::

O pasado venres e cadrando coa onomástica do Santo Antonio, celebrouse no Campo da Festa unha nova edición desta popular festa. Os actos comezaron ás 21h cunha misa rezada na igrexa románica de Ouzande. A seguir, e xa no Campo da Festa, unha carpa albergaba mesas e cadeiras nas que ir degustando as sardiñas. O bo tempo acompañou e pouco a pouco a festa foise enchendo de xente. A animación musical correu a cargo do Regato de Matamulleres, de Callobre e os ouzandeses Retrouso e Recanto. Contra a unha da madrugada fíxose o sorteo de diversos produtos cos que a comisión tratou de recaudar algo de diñeiro para a organización deste festexo. A folida continuou ata ben entrada a madrugada.
Un momento da actuación de Retrouso e Recanto.

Recanto fixo as delicias dos festeiros.

Carpa para degustar as sardiñas.

O Regato de Matamulleres animou aos comensais baixo a carpa.

Entregando un dos lotes con produtos no sorteo.

O sorteo completou a festa.

Momento de baile co Regato de Matamulleres.