29 de setembro de 2015

Ouzande retoma as clases de música e danza tradicional:::

Presentáronse nunha reunión o pasado sábado ás 17h e as clases comezan o vindeiro día 3 de outubro. As persoas interesadas aínda están a tempo de inscribirse poñéndose en contacto coa asociación ou acodindo en persoa ao local social da parroquia nas primeiras sesións de clases, sempre e cando queden vacantes nos distintos grupos. As disciplinas que se ensinan en Ouzande son baile tradicional, canto, percusión, acordeón, gaita e pandeireta. Para máis información pódese acceder ao sitio web da Fervenza de Ouzande.




Intensa fin de semana teatreira en Orazo:::

Da man da Asociación Sociocultural Cotomanguelo, esta fin de semana celebrouse o IX Cotomanguelo de Teatro no que participaron ata oito compañías diferentes con propostas novidosas que achegaron ao público. O venres 25  encetaron o festival Chelo do Rejo e Chus Picallo con Xenitais  e Chumpá Teatro de Cuntis con Un marido de ida e volta. O sábado 26 e logo dun xantar compartido e amenizado por Lilaila e Xuntanza dos Regatos celebrouse unha tarde maratoniana de teatro que comezou sobre as 18.30h  coa presentación de distintas pezas da Escola de Teatro da A.S.C. Cotomanguelo, titulábanse O guindastre, a consulta do avogado, Clave Rosa, e O Testamento do Nacho. Seisdedos de Lalín mostraron o seu espectáculo de títeres Cocer e Cantar. Contra as 21h Disfunción Continua Teatro da Estrada presentou a súa recén estreada terceira produción teatral baixo o título de Teimas. Kote Malabar pechou con Cirkote os espectáculos de teatro para dar lugar unha ggran Festa con cea e música a cargo de Xuntanza dos Regatos, Gaiteiros da Pereiriña, Son´s da Mina e John Deeres. Xa o domingo 27 foi a quenda para a asociación Papaventos de Vedra que presentaron a obra infantil da súa compañía Andaravía Teatro, Brincacontos fixo as delicias de pequenos e maiores coas súas bruxas e eclipse de sol. O peche foi para Mangasverdes  da Bandeira que presentaron a súa proposta d´Os Vellos non deben de Namorarse








23 de setembro de 2015

Orazo celebra esta fin de semana o IX Cotomanguelo de Teatro:::

A Asociación Sociocultural Cotomanguelo presenta unha completa programación para IX  edición da Mostra Cotomanguelo de Teatro. Comeza este venres 25 de setembro no Campo da Festa de Orazo (A Estrada). Ao longo destas tres xornadas haberá teatro infantil, espectáculos de rúa e a actuación, entre outros de Chelo do Rejo e Chus Picallo ou a presentación na Estrada do espectáculo Teimas de Disfunción Continua. Os distintos espectáculos teatrais combínanse con música, gastronomía e festa, pois haberá polbeiro e actuarán distintas formacións musicais ao longo da fin de semana. Velaquí o programa de actividades:

venres 25 de setembro
 21h Chelo do Rejo e Chus Picallo  con Xenitais (+13 anos) 
 Chumpá Teatro (Cuntis) Un marido de ida e volta 

sábado 26 de setembro
Ao mediodía xantar compartido e música con Lilaila e Xuntanza dos Regatos 
18h Teatro da A.S.C. Cotomanguelo O guindastre, a consulta do avogado, Clave Rosa, O Testamento do Nacho
19h Seisdedos (Lalín) Cocer e Cantar 
20h Disfunción Continua Teatro (A Estrada) Teimas (+16 anos) 
21.15h Kote Malabar Cirkote
21.45h Cea 22.30h Festa Xuntanza dos Regatos, Gaiteiros da Pereiriña, Son´s da Mina e John Deeres 

domingo 27 de setembro 
19h Papaventos (Vedra) Brinca contos 
20h Mangasverdes (Bandeira) Os Vellos non deben de Namorarse
Cartel da Mostra

Disfunción Continua presenta Teimas na IX  Mostra Cotomanguelo de Teatro

22 de setembro de 2015

A Escola de Música tradicional presenta o novo curso:::


Será o próximo sábado ás  17:30 h no Local Social da parroquia. As clases que presenta A Fervenza de Ouzande este curso é de gaita, acordeón, percusión, pandeireta, baile e  cancións tradicionais. A asociación ouzandesa convida a quen queira achegarse a probar cos instrumentos tradicionais, o canto ou o baile. Nesta reunión darán máis información sobre o curso.


imaxe arquivo

Guimarei inicia un curso de conservación de alimentos:::

No local social do Outeiro xa está en marcha un curso de ximnasia de mantemento e agora a Asociación de Veciños Santa Apolonia presenta un cur curso de "CONSERVACIÓN DE ALIMENTOS E CONSERVAS ARTISANAIS" que comezará mañá mércores 23 de setembro as 18:00h e que durará 21:00h. Esta actividade formativa ten un custe de 6€. 

17 de setembro de 2015

Disfunción Continua Teatro presenta este sábado unha nova obra:::

Cartel da obra
Será o vindeiro sábado no Salón de Actos da Casa da Cultura de Antas de Ulla ás 20.30h. Titúlase Teimas, e constitúe a terceira obra de Disfunción Continua Teatro. Trátase dunha comedia na que un grupo de pacientes chegan á consulta dun prestixioso psicólogo, onde entablan conversa. A obra está dirixida por Jouse García e conta no seu elenco con: María Porto como Camila, Clara Iglesias no papel de Branca, Beatriz del Río interpreta a María, Guillermina Pose ponse no papel de Lilí, Natalia Carbajal representa a Ana, Gonzalo Valcárcel é Fred e Manuel Rosende como Axudante. Teimas ten unha duración de 80 minutos e non está recomendada para menores de 16 anos. Para máis información clique aquí.
Director e elenco da obra Teimas


Pesar na Estrada polo peche de Abarcarte:::

A revista mensual liderada por Reyes Cabero xa non sairá máis á rúa. Con esta, A Estrada perde outro medio de comunicación local máis tralo peche de Catrogatos e Oquehai o pasado mes de xuño. A falta de apoio privado a estas iniciativas e as dificultades económicas que sofren polo escaso interese institucional levan ao peche, desta volta, a unha revista que non alcanzaba o ano de vida. 

Noticias relacionadas:



15 de setembro de 2015

Guimarei engalánase para celebrar as festas das Dores:::

A vindeira fin de semana a parroquia de Guimarei acolle tres días de festa na honra de San Roque e das Dores. As actividades comezan o venres 18 cunha verbena a cargo de Manhattan e Punto Zero que estará acompañada da degustación de mexillóns e porco á brasa. o sábado 19 haberá misas ás 13h e a continuación sesión vermouth coa agrupación de gaitas de Barbude. Pola noite dúas orquestras poñerán o ritmo a verbena, trátase do El Combo Dominicano e  Fin de Siglo. O domingo é o día das Dores e haberá actos relixiosos ás 13h, seguidos dunha sesión vermouth que estará amenizada pola Banda de Música Municipal da Estrada. Ás 17h instalarán colchonetas para os máis cativos. Para minimizar os efectos do mal tempo, se o houber, a comisión instalará unha gran carpa no Campo da Festa.

Se liches esta noticia, pode que che interesen as novas de Guimarei publicadas no Portal de Noticias:

NOTICIAS DE GUIMAREI: Santa Apolonia organiza unha excursión... Guimarei adiantouse a celebrar o San Xoán...  Guimarei descobre os seus encantos...

Ouzande véndese ao mellor postor:::

O pasado domingo Ouzande vivía o seu día grande das festas, unhas celebracións "pasadas por auga" mais que non tiveron que suspender ningún acto. Pola mañá a Banda de Música Municipal da Estrada facía o seu tradicional pasacorredoiras polas aldeas da parroquia. Ás 13.15h celebrábanse os actos relixiosos na honra da Virxe do Socorro para seguidamente proceder á procesión que si respectou a choiva e a poxa das ofrendas á Santa ouzandesa. Ao remate a Banda Municipal deu un miniconcerto de despedida ao son das bombas de palenque. Xa pola tarde a festa prolongouse nos domicilios da localidade con xantares e conversas.
A tradicional poxa resistiu ao mal tempo grazas á carpa instalada no Campo da Festa. Durante a mañá este lugar converteuse nun ir e vir de romeiros que lle foron facendo entrega á Comisión de Festas dos seus obxectos para a poxa. Así no almacén do local social podíanse ver moitas plantas, galos, patacas, pementos, roupas, bisutería, ata algunha ofrenda algo máis que orixinal. Trala misa comezaba o espectáculo. Houbo ofrendas que suscitaron máis interese que outras pero mencionamos algunhas senlleiras. Houbo un cadro da Virxe do Socorro feito a punto de Cruz, un pequeno capacho de minipatacas cun boleto da primitiva que provocou o rifi-fafe entre unha nena e un adulto sendo a nena a gañadora de tan orixinal ofrenda. Galos e pombas parecían querer voar pero foron dos produtos máis aclamados xunto ás máis variada plantas decorativas. Abalorios ou boletos da lotería completaron o elenco de produtos polos que poxar. No lugar instalouse un bar no que se podía tomar o típico vermouth favorecendo que o Campo da Festa se convertese no lugar de encontro de ouzandeses e visitantes para festexar un dos días máis importantes para a veciñanza.











Se leu esta noticia tamén pode que sexa do seu interese estas outras informacións:

FERVENZA FESTEIRA EN OUZANDE
OUZANDE PERFILA AS SÚAS FESTAS PATRONAIS

14 de setembro de 2015

Alerta laranxa ante un forte temporal que afectará mañá a zona:::

A alerta laranxa aféctalle tamén á nosa zona, Meteogalicia lanza unha mensaxe de aviso laranxa no litorial oeste da Coruña e na provincia de Pontevedra por acumulacións de 80 litros por metro cadrado en 12 horas. Toda Galicia en aviso amarelo pola forza do vento. Forza sete no litoral e en terra refachos que superarán os 80 km/h.
O martes o centro dunha profunda borrasca irase achegando a Galicia polo noroeste co avance do día. Así, os ceos permanecerán cubertos durante toda a xornada, con chuvias persistentes e xeneralizadas, de menor intensidade no terzo norte. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso. O vento soprará forte de compoñente sur, con intervalos moi fortes en toda a franxa costeira.
Os servizos de emerxencian alertan tamén de que se tomen as medidas oportunas para resgardarse dos efectos adversos deste temporal, sobre todo nos desprazamentos e actividades ao aire libre.

Fervenza festeira en Ouzande:::

O pasado venres 11 de setembro a parroquia de Ouzande acolleu unha exitosa edición da Fervenza de Músicas, tratouse da oitava edición deste festival herdeiro do desaparecido "Músicas da Terra" e no que a música se fai a pé de campo, sendo protagonista e ofrecendo numerosas sorpresas. Centos de persoas abarrotaron a partir das 22h as carpas habilitadas para degustar o tradicional polbo como para escoitar as distintas actuacións programadas. A primeira sorpresa foi o debut da charanga de Tequexetéldere, a agrupación municipal de música e baile tradicional presentou unha formación moi animada e coa que arrancou a festa. A continuación espectación ante Nai, unha formación moi orixinal liderada por Marcos Varela, profesor de gaita en Ouzande e que deleitou aos asistentes coa súas voces, teclados, acordeóns, percusión e ventos. Sonche Lerias, de San Xulián de Sales foron os seguintes en darlle forza á velada cun repertorio movido e alegre. A agrupación local de canto, Recanto foi a seguinte en actual, un conxunto de veciños de Ouzande que se reunen semanalmente para aprender a cantar e que desta volta deron un impresionante recital ante os seus propios veciños. Finalmente Retrouso foi o encargado de poñer o broche de ouro a esta cita, con pezas que seguramente se poderán escoitar no seu novo disco que xa está gravado e que en breves se poñerá á venda. O tempo respectou escrupulosamente a festa, quedando unha noite agradable de músicas en fervenza.





visualice todas as fotos do Portal de Ouzande clicando nesta imaxe... 
VIII FERVENZA DE MÚSICAS Ouzande 11.09.15

San Xurxo de Vea celebrou a V Noite Folk:::

Foi o pasado 4 de setembro cando os centenarios carballos do Campo da Festa foron testemuña dunha velada moi especial. Contra as dez da noite o posto de polbo íase enchendo, así coma a animación no recinto festivo. Os Esfolladores de Illobre, a pé de Campo foron os encargados de romper o xeo, xa no palco a Xuntanza dos Regatos tomoulle o relevo. Tamén estiveron presentes os Regatos de Callobre e mais un grupo convidado procedente de Redondela, Tanto nos Tén. A festa alongouse ata a madrugada deixando un bo sabor de boca coa que haberá que agardar pola sexta edición.



10 de setembro de 2015

Arrancan as festas do Socorro coa VIII Fervenza de Músicas:::

Mañá arrancan en Ouzande as festas do Socorro. Farano coa VIII edición da Fervenza de Músicas, o sábado haberá unha verbena e o domingo a tradicional poxa das ofrendas á Virxe.
En realidade o ambiente festivo xa hai días que se respira pois os actos relixiosos comezaron o 3 de setembro cunha novena que remata mañá. O sábado dedícanselle ao Carme cunha misa ás 13.15h e o domingo ao Socorro á mesma hora. 
A VIII Fervenza de Músicas comeza mañá venres ás 22h, haberá polbeiro e festa ata a madrugada con cinco formacións; Tequexetéldere, Sonche Lerias, Nai, Retrouso e Recanto. 
O sábado a sesión vermouth estará amenizada por Bahía Blanca que tamén participará na verbena canda ao Dúo Marea. 
O domingo celébrase a tradicional poxa das ofrendas á Virxe no adro da igrexa e durante a mañá actuará a Banda de Música Municipal de Ouzande. Con estas actividades péchanse as festas de 2015 que se iniciaran co Santo Antonio en Xuño e coas festas patronais de agosto na honra a San Lourenzo, de feito foi o motivo para a ofrenda floral do Santísimo.

A Fervenza de Músicas  está dirixida especialmente á promoción e divulgación da nosa música, de feito o local social de Ouzande acolle anualmente os cursos de música tradicional na que máis de 60 persoas aprenden anualmente a bailar ou tocar un instrumento. A iniciativa, xa consolidada, cumpre o obxectivo fundamental de posibilitar o intercambio cultural e musical con outras iniciativas e grupos semellantes, achegando agrupacións da comarca e de comarcas próximas. Trátase de agrupacións de música tradicional e popular pero con formas ben distintas de achegarse á musica galega deste tipo, dando mostra da riqueza e variedade da mesma, obxectivo que tamén está nas nosas intencións. Tamén está nas motivacións da actividade o feito de incluír no programa das festas parroquiais (Festas do Socorro de Ouzande) unha actividade musical diferente nas que a música tradicional e popular teña cabida e sexa a principal protagonista. As actuacións dos grupos convidados serán todas elas “a pé de campo”, mesturándose entre o público, tratando así de recuperar o sabor e ambiente das foliadas tradicionais, e procurando a maior participación posible dos asistentes.Terá lugar o próximo venres, 11 de setembro no Campo da Festa de Ouzande a partir das 10 da noite. 

Os grupos convidados son Tequexetéldere (A Estrada) A charanga de Tequexetéldere, sae da agrupación do mesmo nome, fundada na Estrada eN 1990. Nos seus comezos o corpo instrumental estaba composto por dúas gaitas tambor e bombo, pero dende hai uns 10 anos fóronselle sumando máis instrumentos: pratos para o bombo, acordeón, clarinete e saxofón. O seu repertorio está baseado en pezas de baile, jotas, muñeiras, pasodobres, balses, rumbas e todas recollidas en terras galegas. Na actualidade está composta por 7 músicos, e nos últimos tempos estiveron tocando por terras italianas e belgas. É a primeira vez que a agrupación participa no certame musical ouzandés. 

 Nai (Santiago) O grupo NAI xorde no 2014 coa intención de homenaxear á muller en calquera das súas facetas e tamén as súas emocións e os seus sentimentos. Con este propósito cantámoslle á falta de liberdade, á dor, ao desamor, á maternidade, ao maltrato, á perda dun amor (...) ben a través da música ou ben a través da poesía. Os seus compoñentes actuais son: Marcos Varela.Compositor, arranxos, acordeón, gaita e piano. Xosé Martíns. Letrista, percusión, gaita e voz. Patricia Quintela. Acordeón e voz. Alberto Aneiros. Clarinete e arranxos. Musicalmente nútrense de pezas do repertorio popular galego, do cantautor portugués Zeca Afonso e da música popular do seu país; todos eles arranxados dende o seu punto de vista. Tamén inclúen algunhas composicións de Marcos Varela, compoñente da formación. “E preguntarédesvos.... Por que NAI? Pois évos bastante sinxelo, non son as siglas de ningunha asociación. Escollimos o nome polo feito de ser unha faceta da muller que todos coñecemos posto que, ainda que non sexa a biolóxica, todos temos unha nai ou unha persoa que identificamos con esa faceta ao escoitar este sustantivo.” Ésta orinal proposta, tamén se presenta por primeira vez en Ouzande, despois de teren actuado en diversos escenarios do país.

 Sonche lerias (San Xián de Sales_Vedra) Formación de música tradicional xurdida no veciño concello de Vedra, a raíz das clases de gaita iniciadas no ano 2011. Trátase dunha completa formación, composta por 14 persoas, de todas as idades que basea o seu repertorio na música tradicional e popular galega. Preséntanse por primeira vez neste festival, despois de teren actuado en foliadas e festas como a Fía de Trazo ou no Folk in Rio de Trazo. 

 Retrouso (Ouzande) Fundado en Ouzande en 2005. Nestes anos o grupo converteuse nun dos referentes da música tradicional da comarca, participando en festivais como o desaparecido Músicas da Terra, de Ouzande; no Folk de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso; Coto Manguelo de Orazo, etc. O ano 2012 presentou o seu primeiro disco, OU, de extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional. Preparan a gravación do seu segundo traballo. 

 Recanto (Ouzande) Agrupación dunha vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás cancións tradicionais. Novidosa proposta que xurdiu a raíz das clases de canto tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande desde o ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu convidada, ese mesmo ano, ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, e participou en foliadas e certames de cantos de Taberna en Trazo, Arzúa ou Santo André de Vea. Cómpre subliñar que esta actividade se realiza cos recursos propios da Asociación, así como a colaboración da Xunta Parroquial de Ouzande, e sen ningún tipo de subvención das entidades públicas oficiais. Neste sentido, queremos agradecer publicamente a boa disposición de grupos e músicos convidados, que sumarán perto de medio cento de persoas. Ao mesmo tempo convidamos a todos e a todos os veciños da Estrada e a súa contorna a traer os seus instrumentos musicais, para poñer remate á festa como é debido.

Tabeirós celebrou con éxito as Festas da Consolación:::

O Lugar da Consolación, en Tabeirós vén de celebrar dous días intensos de festa. Foi o pasado martes e mércores. Dentro da programación destacaron tanto a verbena do martes con Alaska e The Boys Machine coma a 1º edición da festa galega, que congregou ao pé da capela da Consolación cinco formacións musicais unidas polo bo facer da tradición cultural galega. Os primeiros en subir ao palco foron os acordeóns dos "Lóstregos", unha formación que aglutina músicos amateur do acordeón e que deu inicio ao festival. O grupo dos Heredeiros da Requinta de Carcacía foron a segunda formación en deleitar aos asistentes con variadas pezas do folclore galego. Os do fondo do peto puxeron a bailar aos mozos da parroquia ao ritmo de pasodobles, aínda que tocaron o que eles definiron como "pezas que están aí no fondo do peto e que ás veces cómpre sacar e dar a coñecer", un conxunto de xotas, rumbas, muiñeiras de "autor" que animaron poderosamente a festa. Os ouzandeses Retrouso déronlles o relevo cun repertorio particular, esta formación está a piques de editar o seu segundo disco.O remate foi para os Regatos que alongaron a festa ata altas horas da madrugada, a pesar de ser día de semana. A comarca non para de bailar ao son da música tradicional posto que mañá venres inician en Ouzande as festas do Socorro e que se inician co VIII Fervenza de Músicas, unha foliada a pé de Campo moi animada e coa que parroquia enceta tres días de festa.
Capela da Consolación.

Os do fondo do peto

Concerto de Retrouso

os bailadores desprazáronse ao asfalto da estrada.

Sígueme por correo electrónico:::