17 de marzo de 2015

Callobre celebra unha nova noite de raíz con Nai, Ruadeiras, O Regato e A Requinta da Laxeira:::

A parroquia de Callobre volveu celebrar o sábado pasado nunha nova "Noite de Raiz". Con esta iniciativa, os seus promotores pretenden expandir as festas folk a todo o ano, a data é sempre a mesma; todos os segundos sábados de cada mes. E desta volta ampliaron a oferta musical con gastronomía, celebrando un xantar de confraternidade que estivo animado pola Requinta da Laxeira. Xa pola noite, celebraron a propia "Noite de Raiz" con tres raíces ben profundas; Nai, Ruadeiras e o Regato de Matamulleres. 
A Requinta da Laxeira é o grupo de Sarandón que maior difusión está a facer da Requinta da Ullla, caracterízanse por facer moita festa e levan xa varios discos publicados. Nai é unha formación máis intimista, capitaneada por Marcos Varela -coñecido por ser o "mestre" de gaita e acordeón da Fervenza de Ouzande- e As Ruadeiras son o grupo de pandereteiras de Loimil. Da casa estiveron O Regato de Matamulleres, promotores desta iniciativa que mes a mes se vai consolidadando na axenda festiva e cultural da zona.
Fotos: Regato de Matamulleres
Fofi, Patricia Quintela e Marcos Varela, integrantes de Nai.
O Regato de Matamulleres
Xantar de confraternidade.
A Requinta da Laxeira

16 de marzo de 2015

Disfunción Continua Teatro abriu a programación cultural de primavera de Cerdedo:::

O pasado sábado ás 19.30h inaugurouse a programación cultural da primavera do Concello de Cerdedo de man de Disfunción Continua Teatro que representou Eran outros tempos, ou non? Os estradenses continúan de xira con esta divertida comedia que levanta as risas e aplausos de nenos e maiores. As próximas actuacións serán en Salceda de Caselas o próximo domingo 29 de marzo e en xuño participarán no certame Poioescena, será o 26 ás 21h en Combarro. Mentres tanto continuará a programación cultural de Cerdedo; o sábado 21 con contacontos e o domingo 29 coa actuación da Banda de Gaitas de Barbude. En abril, o centro cercedense acollerá unha mostra de teatro local (sábado 11), contacontos (sábado 18) e un concerto da Banda de Música Xuvenil de Silleda (domingo 26). Tamén teñen previsto facer unha excursión a Lugo o xoves 30. En maio haberá un concerto da Banda Artística de Merza (sábado 9), cine con O Bosque Animado (domingo 17) e contacontos (Isi e Celso Sanmartín, o sábado 23)






Un coche cae por un barranco en Berres e arde unha cheminea en Ouzande:::

Varios sucesos mobilizaron os corpos de seguridade nas últimas horas. O pasado venres ás 21.50h o 112 recibía unha chamada de auxilio desde Berres, onde un vehículo saíra da vía e caira por un desnivel. Os ocupantes non quedaron atrapados polo que puideron acceder á estrada onde foron atendidos polos equipos médicos desprazados ao lugar do accidente.
E na tarde de onte os servizos de emerxencias da Estrada foron requeridos polos propietarios dunha casa en Ouzande, iniciárase un lume á altura da cheminea da vivenda e os propios donos foron capaces de apagalo antes da chegada dos bombeiros, que revisaron a situación. Afortunadamente non houbo que lamentar apenas danos.
Imaxe arquivo

8 de marzo de 2015

A Nave de Vidán acolleu un espectacular serán o pasado xoves:::

A Nave de Vidán foi escenario o pasado xoves 5 de marzo desde as 21.30h dun novo serán. A programación desenvolveuse como estaba previsto: un obradoiro de baile tradicional impartido por Rebeca Tallón e a actuación de Pana Raiada, Brincadeira, Retrouso, Recanto e actuacións libres para o remate. A festa tivo moito público que gozaron co bo facer das distintas propostas musicais e que aseguraron o baile durante toda a noite.




6 de marzo de 2015

Inauguran a Casa das Letras o próximo sábado 14 de marzo:::

Unha necesidade que A Estrada reclamaba a berros. A Casa das Letras xa ten data de inauguración, será o próximo sábado con actividades dirixidas especialmente aos máis pequenos da casa. Aínda así haberá que continuar esperando a que se trasladen todos os enseres da Biblioteca Pública Municipal para que o servizo de biblioteca na Estrada sexa unha realidade. As críticas dos usuarios polo mal estado das instalacións actuais acuciaban a necesaria apertura da Casa das Letras que cada vez se ve máis preto.


Oca celebra a II Ruta Cabalar o próximo sábado 21 de marzo:::

Trátase dunha ruta cabalar organziada pola comisión de festas de Oca e que percorrerá distintos puntos de Oca, Riobó, Berres e Moreira. Comezará ás 10 da mañá do Campo de Chancelas, a ruta levaraos ao Pazo de Oca, Riobó e o Areal de Berres onde farán un avituallamento. O roteiro continuará cara á Mouteira para dar regreso ao Campo de Chancelas onde terá lugar un xantar de confraternidade sobre as 14h.
Fotos Cabaleiros de Riobó
arquivo I Ruta Cabalar




Este domingo comeza o programa de rutas a pé do Concello da Estrada:::

Facer exercicio nun entorno natural posiblemente sexa a mellor práctica saudable non só para o corpo senón tamén para a mente. Por iso cada vez máis persoas se unen ao hábito de camiñar pola natureza. O tempo primaveral tamén anima a atoarse o calzado deportivo e a mergullarse no bosque. Se a todo isto lle engadimos o interese por coñecer mellor a contorna, teremos os ingredientes necesarios para participar nas rutas a pé que cada vez máis se poden realizar na comarca.
Este domingo comeza o programa "Andainas 2015, o pracer de camiñar" do Concello da Estrada e que será exectuado por Senderuta. Nesta primeira camiñata farase un percorrido por San Miguel de Castro. As seguintes serán nestas datas e lugares: 22 de maio polas Brañas de Xestoso, o 5 de abril polo Liñares, o 19 dese mes Ouzande e A Somoza pola Pedralba e a explotación Monte Cabalar, en maio serán o 3 por Requián e o 17 polo Umia. Todas estas rutas teñen unha dificultade media-baixa  (13-15 km de media) e teñen un custo de 2 euros por persoa.
máis info
Fotos: Senderuta

Esgótanse as entradas de "Porque Cuqui non quere ir á lavadora":::

Mañá sábado 7, o Teatro Principal da Estrada acolle a presentación de Porque Cuqui non quere ir á lavadora, será ás 12.30h. A entrada é de balde, pero requírese recollela previamente no Departamento de Cultura do Concello, ao tratarse de poucas vacantes, arestora xa está completo o aforo. Quen desexe participar nesta presentación ten tamén a opción de achegarse ás 17h á "Casa do Gato" de Lalín (Rúa Ramón Aller, 5)
María Lado é a autora deste conto e para presentalo fará unha sesión de contacontos dirixida a nenos de 0 a 6 anos, co fin de que estes aprendan a contarlles aos pais a historia de Cuqui.



Oca saboreou o Entroido ao ritmo dos Xenerais:::

Moito máis alá dos monumentais xardíns flanqueados por buxos históricos, Oca demostrou que ten moito máis que ensinar, foi o pasado sábado 21 de febreiro cando a parroquia se converteu en escenario dos "Xenerais 2015". A festa comezou pola mañá, a partir das 10h as carrozas e mailos xenerais comezaron o percorrido pola parroquia. Pola tarde concentráronse diante do colexio para realizar o atranque central que estivo adoviado con mimo polos nenos que ofreceron as batallas dialécticas dos "minixenerais". Ao final houbo unha nova actuación do Padre Xiao, que xa dera a súa bendición no martes de Entroido da Estrada. Oca contou, ademais, cunha "masterclass" de Zumba por cortesía de Sondodance e cunha edición particular do programa de TV "Tu cara me suena". A organización dotou o recinto dunha gran carpa que protexeu aos festeiros do frío e da humidade.
Ao mesmo tempo, en Santeles tamén se celebraba o Entroido, que se estendeu ao domingo. Estes foron un pouco máis polémicos posto que nas "críticas" dos xenerais e correos houbo alusións a veciños e políticos locais que provocaron certo malestar por trascender o xogo dialéctico dos Xenerais.
Con estas dúas festas descansan vivas e traxes ata o próximo ano.
Fotos cedidas por veciños de Oca

Cantos de Taberna e Feira de Artesanía, o sábado 28 de marzo:::

A primavera está cada vez máis preto e A Estrada daralle a benvida o vindeiro sábado 28 de marzo con dúas iniciativas que se estrearon hai un ano con moi boa acollida por parte do público. Así pois desde a mañá e na zona "dos viños" estará instalada durante toda a xornada unha feira de artesanía. Ás 13.45h haberá un pasarrúas desde a Praza do Concello e ata a Praza da Farola. Pola tarde, a partir das 18.30h, farán pasarrúas e cantarán por varios bares desta zona ata 13 agrupacións procedentes de distintos puntos de Galicia. A Estrada ríndese así á maxia dos "Cantos de Taberna" que están en auxe con iniciativas en distintos puntos do país, desta volta son 12 os locais que acollerán actuacións dos cantadores; Enredo, Navegación, Vinte Berzas, O Candil, O Paradero, O Bodegón, Robert´s, Mesón da Estrada, Nicol´s, A Vila, Gran Vía e Eureka. Algúns grupos proceden da contorna; Os ke hai de Callobre, Retrouso e Recanto de Ouzande, outros de Santiago e proximidades; Gharatuxa Gaiteiros, Muiñeiros do Sarela, Pana Raiada, O Ghusto do Boi (Lestedo) e Reviravolta (O Pino), da comarca de Pontevedra proceden Maravallada, Sons das Ondas e Os Saljariteiros (Marín), de Meis procede Madia Leva e de Chantada As Punk-Dereteiras.



3 de marzo de 2015

Pana Raiada, Brincadeira, Retrouso e un obradoiro de baile nos "Seráns de Vidán":::

A Nave de Vidán acolle este xoves,  5 de marzo ás 21.30h un novo serán. Á primeira hora celebrarase un obradoiro de baile tradicional impartido por Rebeca Tallón. Ás 22.30h actuará o grupo santiagués Pana Raiada. Ás 23.15h actuará o histórico grupo compostelán Brincadeira e ás 24h é a quenda para os ouzandeses Retrouso que estarán acompañados por Recanto. A partir da 1 da madrugada haberá actuacións libres para quen queira tocar e bailar. A nave de Vidán ubícase na Avenida Mestra Victoria Míguez, 44, próxima ao Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.
Pana Raiada 
Brincadeira
Retrouso

Sígueme por correo electrónico:::