5 de maio de 2023

OUZANDE VOLVE DE EXCURSIÓN:::

A Fervenza de Ouzande volve organizar as súas carismáticas excursións que estiveran conxeladas durante a pandemia. A inscrición xa está aberta e hai prazas limitadas polo que as persoas interesadas aínda están a tempo de conseguir ocupar unha delas.

As persoas socias gozan dun desconto e só pagan 15€ (menosres de idade 10€) As persoas non socias tamén poden participar pagando un plus de 5€. A inscrición é na taberna de Ouzande á que se pode chamar ao 986 57 02 85 ou enviando un correo electrónico á asociación: carreirosouzande@gmail.com.

A ruta arranca de Ouzande en autobús o domingo 14 de maio ás 9 da mañá e parte cara o recanto máis ao suroeste de Galicia visitando as localidades de Baiona, Oia e maila Guarda.

En Baiona haberá tempo de lecer e visita a esta localidade, considerada a vila mariñeira mellor apreciada polos turistas que visitan Galicia, tralo paseo polo seu casco histórico realizarase unha das rutas máis destacadas da costa galega; o tramo Baiona-Oia fronte o mar aberto.

En Santa María de Oia realizarase unha visita guiada ao seu Mosteiro e darase un paseo pola aldea, cadrando cos peregrinos que realizan a ruta mariñeira.

O xantar será ao pé do Río Tamuxe, no Rosal e a tarde estará dedicada á vila mariñeira da Guarda, cunha visita guiada e tempo libre. Antes de poñer rumbo de volta pasearase polo porto, con posibilidade de acceder ao museo do mar ou subir ao emblemático Monte de Santa Trega.

 


 



Ningún comentario:

Publicar un comentario