28 de febreiro de 2018

Ouzande prepárase para a chegada das velutinas:::

AC A Fervenza de Ouzande organiza o próximo venres 2 de marzo ás 20.30 horas no local social da citada parroquia unha charla informativa centrada nas avespas velutinas. Como a información é a mellor arma de guerra para a defensa contra a grave invasión que asola Galicia destes animais, esta entidade contará cun dos especialistas que máis sabe nestes momentos do tema, Xulio Maside, investigador do CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) da Universidade de Santiago de Compostela. O investigador forma parte do grupo que está a analizar a incidencia da velutina en Galicia dende diversas perspectivas así como para propor medidas para a súa erradicación realizado pola Universidade de Santiago e a Deputación da Coruña. Maside pertence ao grupo de Xenómica de Parásitos do CiMUS e investiga a posibilidade de que parasitos autóctonos galegos podan chegar a afectar ás velutinas. 

11 de febreiro de 2018

Fitou convertiu este sábado a parroquia de Ouzande na capital mundial do turismo:::

O recinto do IFOU (Instituto Feiral de Ouzande) acolleu este sábado de Entroido a 1ª edición de FITOU, a Feira Internacional de Turismo de Ouzande. Esta edición estivo marcada pola innovación tecnolóxica e polos novos modelos turísticos. Superouse o récord de asistencia e xeráronse cuantiosos ingresos que aínda están por cuantificar. Desde as 20h o IFOU acolleu as últimas propostas, destinos internacionais, axencias e touroperadores, hoteis e restauración, compañías de transporte e empresas de servizos que trataron de explotar ao máximo as súas potencialidades de negocio. A presenza de países foi moi importante, pois ademais dos clásicos destinos europeos como Portugal, España ou Francia, houbo un importante incremento dos destinos asiáticos, co xigante chinés en cabeza. Outros países destacables foron México, Rusia ou Inglaterra. Non faltaron os mandatarios mundiais que apoiaron coa súa presenza o turismo dos seus respectivos países, cabe destacar que a mesma raíña de Inglaterra estivo apoiando en persoa a causa inglesa, logo da caída de ingresos por turismo tralo Brexit. Outro mandatario que non se agardaba en Ouzande foi Carles Puigdemont, quen animou aos asistentes a apoiar o turismo en Cataluña. O país convidado deste ano foi a China que desprazou un gran continxente e mesmo contou con estand propio. O turismo galego tamén tivo cabida cunha forte aposta polos folletos turísticos e a gastronomía. 

A edición máis tecnolóxica.

Non só o papel, senón as novas tecnoloxías e a promoción turística estiveron en boca dos promotores turísticos. A experiencia tecnolóxica hi-grella permitiu aos aistentes gozar dunha experiencia personalizada na degustación de manxares como churrasco, tortilla ou sobremesas de entroido. Os últimos adiantos tamén serviron para presentar novos modelos de turismo máis sostible. Outra das novidades foron as propostas de turismo especializado, como as rutas das meigastour, novas experiencias turísticas para descubrir os aspectos máis máxicos do turismo europeo. Segundo puido saber esta redacción as grandes ausentes no evento foron as cegas do Entroido que non chegaron a tempo á súa cita en Ouzande por estar precisamente facendo turismo no Brasil, aproveitando as baixas temperaturas destes días colleron rumbo ao cálido entroido brasileiro e gozar así coas delegacións ouzandesas naquel país dos costumes locais.






6 de febreiro de 2018

A Estrada acolle este sábado a I edición de FITOU, a feira internacional de turismo de Ouzande

Será no IFOU, o Instituto Feiral de Ouzande este sábado 10 ás 20h cando abran as portas os pavillóns e as distintas delegacións mundiais presenten as súas ofertas turísticas para a nova tempada. Desde a organización anunciaron castings de azafatas e azafatos e a presenza de delegacións de todo o mundo que traerán o mellor do turismo de todo o planeta a Ouzande. O evento inclúe música e comida, así como festa e premios para os distintos postos turísticos. 
Desde o Portal de Noticias estaremos atentos a todo canto aconteza en Ouzande esa tarde, xa que seremos un dos medios acreditados para transmitirlle ao mundo as novas propostas turísticas de 2018.


Forcarei inicia a súa programación de Entroido con Disfunción Continua en Soutelo este venres

O Concello de Forcarei vén de anunciar a súa programación do Entroido 2018. O programa de actividades do Entroido 2018 arrancará o venres 9 coa representación da comedia “Teimas”, a cargo da compañía Disfunción Continua Teatro, no auditorio de Soutelo de Montes. Esta obra, dirixida por Jouse García, terá lugar ás 21.00 horas. Xa o Sábado de Entroido, 10 de febreiro, celebraranse as  festas de Entroido con concurso de disfraces nas respectivas categorías de cativos e adultos desde as 18.00 horas no Centro Social de Forcarei. 

A Fervenza de Ouzande renóvase na súa asemblea anual:::

Logo de 17 anos en activo, A Fervenza de Ouzande, celebrou unha asemblea, a anual na que anunciou importantes cambios de cara ao futuro Respaldados por uns corenta socios os actuais directivos expuxeron as contas da entidade e as actividades levadas a cabo durante 2017. Completaron a reunión co visionado dun video sobre estes últimos 12 meses de actividade.
Como conclusións destacar que houbo distintas actividades que decidiron eliminar do calendario cultural da parroquia coma a foliada ou unha noite no muíño, relaxando a actividade estival, tamén é de salientar que a maior parte dos ingresos económicos parten dos socios e a actual directiva presentou unha nova candidatura para a renovación, na que abandonan Natalia Carbajal quen ocupaba o cargo de vicepresidenta e as vocais Loli Camba e Mari Carme Ribadeo. Entran no seu lugar e como vocais Almudena Serantes Puente, Isabel Durán Parada Patxi López Durán. Continúan no seu posto de vocais: María Chedas Camba, Manuel Ángel Bouzón Fernández, Noelia Bouzón Docampo, Manuel Porto Gestoso, Cristina Riveira Porto, Laura Herraiz Cabanas, Manuel Uzal Docampo. E continúan no seu cargo Rosa Cabanas como tesoureira, Manuel Rosende como secretario e Xabier Camba como presidente. Esta nova directiva exercerá o seu cargo durante dous anos e será de transición cara unha nova directiva que terá que asumir cambios maiores. Ao remate da sesión, os socios compartiron chocalate con rosca e un tempo para o intercambio informal de pareceres.