12 de maio de 2018

Sendeirismo en Codeseda para darlle a benvida á primavera:::

Co aumento de horas de luz e o renacer da natureza, a Fervenza de Ouzande organizou para o pasado domingo día 6 de maio un roteiro circular pola parroquia de Codeseda. Comezou na Carballeira da Sagrada ás 09.45h e desenvolveuse durante toda a mañá ata ás 13.30h, momento no que os sendiristas chegaban de novo ao punto de inicio. A ruta desenvolveuse por 10 quilómetros, sempre co son da auga de fondo; primeiro do Regato de Fontefría e logo o Río Umia. Ao nutrido grupo de participantes impresionoulles a arquitectura da parroquia, con numerosas construcións en pedra, dende casas ata lavadeiros, muíños, pontillóns ou fontes, especialmente nos lugares de  Fontenlo e Marcenlos. No medio da ruta fixeron unha paradiña para o avituallamento, aproveitando as mesas e bancos da área recreativa do Refuxio.
O roteiro consitúe os primeiros km do reto Codeseda-Sabucedo, pero cun percorrido circular e máis adecuado para todas as persoas ao poder realizarse nunha mañá. As rutas de primavera continúan, desta volta o 17 de maio entre as parroquias de Ouzande e a Somoza, co mesmo horario e coa misión de coroar o alto da Pedralba, ao regreso os asistentes serán obsequiados cun libro en lingua galega para festexar o día das Letras.





Albas e Epílogos, así foi a súa presentación en Ouzande:::

Albas e Epílogos de Manuel Pereira Valcárcel xa está nas librarías e o pasado venres 4 de maio tamén chegou ao Local Social de Ouzande. E non o fixo só, senón que estivo acompañado do seu autor, o ouzandés Manuel Pereira e a poeta e activista cultural Neves Soutelo, quen a xeito de diálogo foi provocando que o autor desvelase os segredos máis variados do poemario, dende as imaxes suxestionadas pola luz que traspasa as xanelas ata as vivencias persoais que provocaron o nacemento de tan fermosos versos. O vindeiro xoves, día das Letras o poemario chegará á cidade de Zaragoza, un lugar moi ligado tanto ao autor coma ao libro, pois Manuel foi vivir con tan só 10 anos a esta cidade, onde creou intensos lazos culturais como coa ilustradora do poemario, Ana Cristina Lapiedra Argachal. Manuel tamén presentou un proxecto cultural no que participa en Madrid arredor do grupo Bilbao que mantén intensas conversas literarias en torno ás letras galegas en distintos cafés da capital e que editan a revista OLGA da cal falou o pasado venres no local social de Ouzande.




3 de maio de 2018

CODESEDA acolle a primeira ruta de primavera da Fervenza de Ouzande, este domingo 6 pola mañá:::

A parroquia de Codeseda acolle este domingo 6 de maio ás 09.45h unha nova andaina da Fervenza de Ouzande, será un roteiro aberto a todo o público e gratuíto, de 11km e dificultade baixa que dará a coñecer algúns dos atractivos da parroquia estradense. O punto de partida é a Carballeira da Sagrada, lugar no que tamén rematará o sendeiro ás 13.30h aproximadamente. Esta actividade encádrase dentro do programa de actividades de primavera e terá continuidade no día das Letras cun roteiro desde Ouzande ata o alto da Penalba, na Somoza.






ALBAS e EPÍLOGOS, mañá no Local Social de Ouzande:::

Dentro do programa de actividades de primavera da Fervenza de Ouzande, mañá no Local Social celebrarase a presentación dun novo libro do escritor ouzandés afincado en Madrid, Manuel Pereira Valcárcel. Trátase dunha nova proposta poética baixo o título Albas e epílogos. Será ás 20:30 horas. Ademais do autor, que falará da súa obra e recitará algúns dos seus poemas, a escritora estradense Nieves Soutelo fará a presentación do libro.

1 de maio de 2018

Ouzande dálle a benvida á primavera cun obradoiro sobre as propiedades das plantas:::

Foi o pasado 21 de abril no Local Social de Ouzande e promovido pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande. A ponente, Montse Fernández, da tenda BIO Casa Xorxeira, foi a encargada de guiar ao nutrido número de participantes, máis de 40 polas propiedades dalgunhas herbas silvestres que son fáciles de encontrar. A clase foi maxistral e demostrativa, levando alcol, aceites e auga para ir traballando coas plantas e así poder producir distintos produtos tanto aromáticos, como untos farmacéuticos ou terapéuticos. Os asistentes recibiron de agasallo unha mostra dos produtos e información para amplicar e experimentar posteriormente.

Esta actividade enmárcase dentro do programa cultural da primavera da asociación e que ten continuidade o vindeiro domingo 6 de maio cunha andaina na que se aproveitará para recoller algunhas destas herbas. Outras actividades de primavera son xa esta semana coa presentación dun libro o venres de Manuel Pereira ou a Ruta das Letras do vindeiro 17 de maio. Tamén celebrarán proximamente a excursión anual entre outros eventos.