26 de xuño de 2012

A taberna de Ouzande celebra este sábado unha festa de 50 aniversario:::

Poucos negocios teñen a sorte de chegar a celebrar as súas vodas de ouro, pero en Ouzande hai un que é algo máis que un negocio, é toda unha institución para a parroquia; a taberna de Ouzande.
Este sábado convidan a clientes e amigos a unha gran festa para celebrar estes 50 anos de historia. Haberá unha misa ás sete da tarde na honra de todos os defuntos de Ouzande para facer memoria e honrar aos que xa non están. A continuación ofrecen na parcela que teñen enfronte da taberna un convite á veciñanza e mesmo teñen previsto sortear algúns agasallos. Atentos estaremos ao que pase este sábado ao tempo que lles desexamos outros 50 polo menos e lles agradecemos os servizos prestados á comunidade ouzandesa, que van máis alá dos estritamente comerciais. Enlazamos unha noticia publicada hai meses polo xornal Faro de Vigo e que repasa a historia da parroquia que pasou pola taberna de Ouzande.
acceso ao Faro de Vigo


foto tomada do artigo do Faro de Vigo

24 de xuño de 2012

22 de xuño de 2012

Este sábado arde Ouzande:::


Xa está todo listo para que arda Ouzande. A festa estará amenizada polo grupo Retrouso. Haberá pan e chourizos que poderá asar cada un nas brasas da fogueira, con espetos de loureiro. As sardiñas xa se serviron no Santo Antonio, pois nestas datas multiplicaron o seu prezo. E a maxia reinará na noite máis curta do ano, saltaráse a fogueira e levaráse auga da noite de San Xoán.

Tamén haberá sorpresas, como a do Home do Saco. Hai a posibilidade de escribir nun papeliño todo o que se queira queimar para metelo no saco e botalo ao lumeiro.

A festa xa comeza pola tarde, pois os nenos e mailas nenas están invitados a ir a partir das 6 da tarde, para os preparativos: confección do boneco, recollida de flores para a auga de san xoán…, os maiores que agarden á noite…

17 de xuño de 2012

O alumnado de música tradicional celebrou unha "festa fin de curso" [16.06.12]


Cunha cea, así celebrou o alumnado dos cursos de música tradicional da parroquia o "fin de curso". Foi no serán do sábado 16 de xuño no local social. Á cita non faltaron os profesores Silvia e Marcos.

As clases de música tradicional desenvólvense cada fin de semana no local social e movilizan a centos de persoas. A novidade deste curso foron as aulas de acordeón.

alumnado de pandeireta coa profesora

16 de xuño de 2012

Ouzande prepárase para celebrar a noite máis curta do ano:::


Ouzande prepárase un ano máis para celebrar a noite máis curta do ano, a do Lumeiro. Será o vindeiro sábado 23 á noite. A organización corre a cargo da Fervenza de Ouzande quen terá preparadas unha serie de sorpresas para levar ao "home do saco" ata a fogueira.

Polo de momento xa se poden ir depositando cousas no lugar da fogueira; cañotos, herba seca, ramas... para que o próximo sábado o lumeiro sexa novamente impresionante.

O próximo sábado pola tarde convocarán aos máis pequenos da casa para recoller as herbas do San Xoán. Xa de noite haberá chourizos, música, festa e maila queima do Home do Saco.

cartel da festa

12 de xuño de 2012

Rematan as clases de música tradicional:::

Cada sábado pasan centos de persoas polo campo da festa de Ouzande, trátase do alumnado que acode ás clases de música tradicional organizadas pola asociación cultural. Chegados ao mes de xuño, toman un respiro de cara ao verán e van celebrar o peche desta actividade cunha festa no local social da parroquia este sábado á noite, trátase dunha cea de convivencia onde non faltará a música das gaitas ou pandeiretas.
As clases de música tradicional desenvólvense cada fin de semana no local social a cargo de Silvia (pandeireta) e Marcos Varela (gaita e acordeón) Precisamente este último instrumento foi a novidade deste ano.

A novidade deste curso foron as clases de acordeón, na imaxe Noelia, Fon e Mercedes; tres dos alumnos deste instrumento.

Imaxe do inicio dos cursos en outubro


Marcos Varela é un dos profesores dos cursos, nesta imaxe nunha clase con Fon, alumno de gaita.

9 de xuño de 2012

Ouzande participa no torneo de cachibol e brilé interparroquial da Estrada


O pavillón deportivo do frontón da Estrada acolleu o 1º Torneo de cachibol e brilé interparroquial da Estrada. A cita tivo lugar o sábado 9 ás 5 da tarde. Esta actividade estaba dirixida ao alumnado do 5ºprograma "Maiores en Activo" do Concello da Estrada e con representación de 23 parroquias do municipio. A representación ouzandesa correu a cargo de oito alumnas do programa. Tiveron que xogar ao cachibol e mais ao brilé e ao final gozaron cos compañeiros das outras aldeas do municipio dunha merenda.
O cachibol foi o que levantou máis expectación, a pesar de que para moita xente era a primeira vez que xogaba. Trátase dun deporte parecido ao volley pero onde se pode agarrar a bóla coas mans, procurando que non caia ao chan, xogan seis persoas e teñen que dar dous pases entre elas antes de intentar meter tanto no campo contrario.
As parroquias gañadoras foron Ancorados en brilé e Cora en cachibol.

8 de xuño de 2012

Ouzande celebrou cunha sardiñada o Santo Antonio:::


O Campo da Festa de Ouzande acolleu na noite de onte (08/xuño/12) a tradicional festa do Santo Antonio.
Os actos festivos comezaron cunha misa ás 9 do serán, para seguidamente ofrecer unha sardiñada gratuíta ao numeroso público que abarrotou as mesas dispostas para a ocasión. Pasada a unha da madrugada procedeuse a sortear un cabritiño, a agraciada foi a Casa da Crus. A velada estivo animada polo dúo Géminis.

o público ateigou o Campo da Festa

5 de xuño de 2012

A Xunta Parroquial anuncia o Santo Antonio 2012 para este venres:::

A Xunta Parroquial vén de distribuir a cartelería para anunciar a festa de Santo Antonio, que se vai celebrar este venres día 8 de xuño no Campo da Festa de Ouzande. A actividade comezará cos actos relixiosos na honra do santo protector dos animais ás 21:00h. Posteriormente e xa no Campo de Baile haberá unha gran sardiñada gratuíta e a actuación do DÚO GÉMINIS. Á unha da madrugada, a comisión de festas, sorteará un cabritiño entre as persoas que mercaran rifas para axudar a sufragar os gastos da organización.
Con esta xornada, a Xunta Parroquial enceta as festas de 2012 que, segundo o calendario previsto tamén engalanarán Ouzande de festa en agosto (10-11-12) e setembro (7-8-9).
Imaxe da sardiñada en 2011

Cartel anunciador da festa

3 de xuño de 2012

A Fervenza de Ouzande pecha as rutas a pé cunha saída ao Monte de Arcos [03/06/12]:::


A Fervenza de Ouzande pechou hoxe o seu programa de rutas a pé "Imos andar" cun roteiro polo Monte de Arcos. 22 persoas congregáronse ás 9:30 horas diante da Igrexa de Ouzande para completar os 18km do percorrido. Saíron da parroquia polo lugar do Picoto para adentrarse no Monte de Ouzande, pasaron preto do lugar de Ferreiros, xa en Arcos e posteriormente movéronse polos camiños e carreiros do Monte de Arcos, bordeando o Castro desta parroquia veciña. Desde alí gozaron das fermosas vistas que ofrece o val, co Monte Xesteiras á fronte e cunha panorámica sobre a Ría de Arousa ao lonxe. Sobre as 13:20 o grupo de sendeiristas estaba xa de regreso no mesmo lugar do que saíran e onde foron agasallados cun refrixerio por parte da organización.


Con esta saída, a Fervenza de Ouzande pechou o seu programa de rutas "Imos andar" que se iniciara o pasado 1 de maio "polos carreiros de Ouzande" e co que o 17 festexaron o Día das Letras Galegas.
Aínda así continuan coa actividade cultural da primavera; o vindeiro 16 de xuño celebrarán unha festa de fin de curso para as clases de música tradicional e o día 23 a festa do Lumeiro.

Onte celebrouse a "cea dos mozos":::

Onte o Restaurante Estación, da Estrada acolleu a unha trintena de "mozos" da parroquia que celebraron unha xuntanza ao redor dunha mesa como xa é vén sendo habitual cada ano. A velada prolongouse ata a madrugada entre risas, conversas e cánticos.

Sígueme por correo electrónico:::