30 de xullo de 2015

Un verán diferente a ritmo de muíñada:::

Cando o mes de agosto chama ás nosas portas parece que o sol e a praia son os máximos alicientes para o tempo de ocio. Pero en Ouzande veñen de demostrarnos ano tras ano que existen moitas outras opcións para o tempo libre lonxe do bronceador e das horas centrais do día. Non fai falta viaxar moi lonxe para vivir unha experiencia diferente, para conectar co pasado máis próximo ou para coñecer a fondo a vida que nos rodea. A Fervenza de Ouzande vén de presentar a festa "unha noite no muíño" que se vai celebrar este sábado 1 de agosto a partir das 19h. 
Trátase dunha festa coa que pretenden poñer en valor o rico patrimonio da parroquia, tanto mateiral (muíños) como inmaterial (recordos, música...) e para iso non só se reúnen para limpar e amañar a contorna dos Muíños da Fervenza, da que toman nome, senón que tamén festexan a memoria das moendas cunha velada nocturna entre veciños que cada vez atrae máis visitantes.
A actividade xa comeza hoxe, teñen convocada unha "sesión de limpeza" este serán (18h) pero a festa propiamente dita será o sábado. Ás 19h celebran un obradoiro de caracterización no Local Social do Campo da Festa. En principio convidan a ir vestidos "de época", máis concretamente da época na que aínda moían os muíños da zona, a mediados do século pasado. Neste obradoiro haberá a posibilidade de integrarse nunha comitiva de bruxos/as e meigos/as que participaran na animación que rodea ao evento.  A seguir a festa comeza no camiño que dá acceso aos muíños e no que haberá persoal preparado para conducir aos festeiros cara á zona da cea. Habitualmente cada grupo de amigos e familias acode en grupo e leva a súa cea, pois esta celébrase a xeito de romería, no chan ao carón do Muíño do Rubio. Trala cea comeza a música, o baile e a animación. 
Seguindo as recomendacións da Asociación A Fervenza de Ouzande cómpre levar lanternas para orientarse na escuridade, roupa cómoda (a poder ser de época) e a cea pero sobre todo ganas de pasalo ben.
Por outra banda, tamén veñen de informar que con motivo das festas patronais da parroquia recuperarán o "Gran Xogo do Caldeiro Penzo" que no ano pasado tiveran que adiar a causa da choiva. Celebrarase o vindeiro domingo ás 18h no marco da programación das festas.
imaxes de arquivo



A piscina climatizada presenta a programación de outono:::

Auga V.A. é a nova concesionaria temporal da Piscina Climatizada da AGASP. Dende hai unhas semanas restableceuse o servizo logo dun parón por problemas administrativos. Esta nova concesionaria está a adeucar os espazos da instalación e pretende recuperar a actividade que se perdera en decembro de 2013, favorecendo a práctica de exercico físico e vida saudable na Estrada.
 Logo de presentar as tarifas que continuarán sendo asequibles, presentan unha serie de actividades para a tempada desde outubro ata decembro. Para favorecer a comunicación habilitaron un número de teléfono (635 52 03 33) así coma unha páxina de facebook que en cuestión de días xa ten máis de 400 simpatizantes. As distintas modalidades de exercicio diríxense a todos os públicos e comprenden a área acuática con cursos de iniciciación e perfeccionamento á natación, ximnasia acuática, natación sincronizada, natación terapéutica ou fitness acuático. Tamén abranguen a zona de ximnasio con actividades de fitness en sala, karate, judo ou pilates. Todas estas posibilidades compleméntanse con outros servizos que ofrecen as instalacións e que van desde a sauna seca ata solarium ou raios uva. Tamén están abertos a convenios con asociacións ou institucións que queiran desenvolver alí as súas actividades grupais.


Callobre reclama civismo:::

Veciños de Callobre veñen de alertar dos estragos producidos por vehículos de motor, posiblemente motos de montaña, na contorna da fervenza desta parroquia. Unha paraxe que está en fase de adecuación para que sexa accesible para o goce do público en xeral.
A Fervenza de Callobre é un salto de auga que forma o Río Curantes nun lugar encaixonado e cunha forte pendente. Polas características do terreo, os accesos a pé son moi difíciles e abandonáronse a medida que se foi abandonando a actividade cotiá na contorna. Na actualidade e froito do empezo da asociación veciñal callobrense, véñense facendo as xestións precisas para adecuar o lugar e favorecer que sexa visitado. Polo momento conseguiron a implicación do Concello da Estrada, que desprazou ao lugar un obradoiro de emprego. Con este primeiro investimento conseguiron que se construísen pontellas de madeira e pasos nos lugares máis difíciles así como a estabilización do sendeiro que lle dá acceso. É posible, a día de hoxe, chegar ata un mirador na parte superior da fervenza. O próximo paso que se fixa a asociación é sinalizar a contorna, pois para quen non coñeza a parroquia é difícil de dar co lugar. Contan de ter a axuda do municipio estradense e cara ao outono conseguir superar esta fase. Pola súa banda, e desde o Concello, sinalaron o seu interese en unir esta fervenza co Picho de Curantes creando unha ruta de sendeirismo que poña en uso estes recursos naturais da zona.
En Callobre reclaman civismo e colaboración para poder seguir adiante co proxecto, un plan que beneficiará a todos pois fará pública e accesible a fervenza. A preocupación vén porque xa hai algúns postes rotos a escasos meses da súa colocación e marcas de erosión nos estreitos sendeiros da zona. Tamén poñen a voz de alarma no castro que hai nas inmediacións pois está a sufrir a práctica de trial nunha zona moi sensible pois poderíanse estar danando zonas coma os muros defensivos da aldea castrexa.
Postes rotos e terreo erosionado polas rodeiras das motos
A zona conta con canles e muíños que constitúen un rico patrimonio.
Fervenza en forma de tobogán con máis de 10 metros de altura.
Sendeiros adecentados polo Obradoiro de Emprego da Estrada.
Escaleiras que dán acceso ao complexo.
Pódese acceder pola N-640 antes de chegar a Rubín (desde A Estrada) A asociación conta ter en breve os accesos sinalizados.

10 de xullo de 2015

Pecha o Matadoiro Comarcal:::

Cocarga xa non se fará cargo do Matadoiro Comarcal da Estrada. Nos últimos meses a actividade no centro de Penerada xa era escasa, con sacrificios puntuais determinados días da semana. Cocarga presentou liquidación, deixando sen servizo ás empresas minoristas subminstradoras de carne na zona.
Pola súa banda, O Concello da Estrada, sabedor das dificultades que atravesa esta empresa, estuda realizar unha concesión menor para garantir os sacrificios a curto prazo. Deste xeito, comunicaránlle á actual concesionaria a ruptura do contrato por incumprimento ao deixar o servizo desatendido . A partir de aí deberíase inspecionar o estado das instalacións e daquela poderíase licitar de novo, o cal apunta a que a actividade non ha volver ao matadeiro da Estrada nun breve prazo de tempo.
Desta forma interrómpese a actividade iniciada por Cocarga na Estrada en 1992 e que asumía un contrato con 50 anos de duración, deixando o servizo de sacrificios animais desatendido na comarca e ao comercio minorista de carne nunha situación complicada.


8 de xullo de 2015

Iníciase un incendio na zona de San Xurxo de Vea:::

Esta tarde vénse de iniciar un incendio na zona de Vea, concretamente entre as parroquias de San Xurxo de Vea e Couso. As dimensións do lume son arestora alarmantes e distintos efectivos antiincendios loitan contra as lapas. As condicións climáticas logo dun día seco e con vento do nordés están facendo que aumente a zona afectada preocupantemente.
Primeiras imaxes do incendio

7 de xullo de 2015

Callobre fai a conta atrás para o FOLK DE RAÍZ:::

A parroquia de Callobre acolle este venres o XVI FOLK DE RAÍZ, un festival de música que xa se fixo un oco na axenda festivaleira do verán en Galicia. O 10 de xullo terán no palco a SES, os Carunchos, Xirandola e aos Regatos, formacións que aseguran que a festa non defraude. Ademais a organización esmerouse ao máximo para facer desta velada unha cita cómoda e inesquecible con zona de acampada, mostra de artesanía e postos para poder cear na festa. A programación ofrécese de xeito totalmente gratuíta e as consumicións son ofrecidas pola comisiónorganizadora por prezos económicos. Ademais dispoñen dun cómodo aparcadoiro próximo ao recinto festivo para que o acceso sexa o máis doado posible. Con todos estes ingredientes e cunhas previsións metereolóxicas inmellorables seguro que o XVI Folk de Raíz será todo un éxito.
cartel

foto de arquivo

6 de xullo de 2015

Agolada converteuse esta fin de semana no corazón da artesanía de Galicia:::

A cada ano que pasa, os encontros de artesanía de Galicia consolídanse coma o referente no sector e miden o pulso do bo facer artesán dos galegos. O éxito de participación foi indiscutible e garantizan a continuidade do certame organizado pola Fundación Artesanía de Galicia.
A de Agolada é moito máis que unha mostra de artesanía. Gastronomía e produtos artesáns fundíronse e aderezáronse con música coma a de Guadi Galego, Brincadeira, A Magnífica Banda dos Homes sen Medo ou Odaiko. Nos obradoiros foron reseñables os relacionados coa fotografía aplicada á promoción da artesanía ou as charlas de artesáns que teñen moito que contar como Aparicio Añón ou Afonso Ferro. As actividades complementáronse con actividades como showcooking ou obradoiros dos distintos sectores. Os pendellos o mellor mostrario para orfebrería, cerámica, produtos textiles, zocos, coiro... e na Rúa da Parranda estilosos postos con produtos gastronómicos elaborados con procesos artesáns. A feira de artesanía de Galicia consolídase en Agolada.
Os pendellos ateigados de público
Postos de artesanía 

Agolada, corazón de artesanía.
Concerto da Magnífica Banda dos Homes sen Medo na Praza do Concello



Sabucedo acolleu a rapa máis mediática:::

Hoxe remata en Sabucedo unha nova edición da "Rapa". A pesar de que a choiva fixo acto de presenza nalgún momento da fin de semana, iso non foi rémora para que Sabucedo fose a gran protagonista mediática, centos de medios de comunicación, milleiros de fotos e ata a gravación dunha película se mesturaron con campistas, aloitadores e curiosos. Desde 2007 está declarada como festa de interese turístico internacional e aínda que a atención se centra nos tres curros que se celebran nos distintos días da festa, a rapa ten moitas outras aristas que converteron a Sabucedo na capital mediática da fin de semana; o director cinematográfico, Ignacio Vilar, asentouse na localidade co seu equipo para facer as gravacións dos sons dalgúnhas escenas do seu novo proxecto, un filme ambientado na Costa da Morte. Os campistas abarrrotaron a Carballeira do Medio e estendéronse por toda a área próxima á parroquia para festexar ao seu xeito esta festa tan enraizada na natureza. Os verdadeiros protagonistas, os aloitadores, subiron ao monte xuntar as bestas e protagonizaron os momentos máis fotografados, a propia rapa que consiste no corte de crins das bestas. Hoxe rematou a festa coa rapa infantil, unha "ampliación" da rapa que permite que os máis pequenos coñezan esta festa ancestral sen os agobios da fin de semana.

Cabalos entrando no curro.


Rapa infantil




O Teatro Principal acolleu a revista viva do IES Nº1, NÓS DE NÓS:::

Nós de Nós é a revista viva do IES número 1 da Estrada. Trátase dun acto de lectura viva na que no canto de papel contaron co escenario do Teatro Principal da Estrada, foi o pasado sábado 20 de xuño e nel contaron coa colaboración dos distintos departamentos do centro e foron presentados e guiados por dous alumnos. Entre as moi variadas intervencións houbo tempo para moitos aspectos da vida pública da Estrada, a súa música, poesía, teatro, entrevistas... Contaron, entre outros, con tres membros dos "John Deeres" que amenizaron o acto. Disfunción Continua Teatro e o Grupo de Teatro de Orazo presentaron o seu traballo de dinamización teatral no rural e ofreceron unha pequena mostra da obra "Eran outros tempos, ou non?" de Disfunción Continua. Nós de Nós levou ao palco do Principal ao grupo de teatro do club de lectura do centro así como ao alumnado gañador do certame de microrrelatos que organizaron. Actuaron "Bótalle Terra" e na sección de entrevistas coñeceuse a Paulo Porta, un pintor e profesor do IES Xelmirez I de Santiago, tamén falaron con exalumnos do centro (Manuel Carballo e Marcos Borrageros) Nas actuacións musicais contaron con César, o acordeonista de Treixadura e Adrián Fuentes.
John Deeres
John Deeres

Disfunción Continua Teatro

Santa Apolonia organiza unha excursión á feira medieval de Noia e á Costa da Morte:::

Será o vindeiro 18 de xullo cando Guimarei poña rumbo á Costa da Morte nunha excursión organizada pola Asociación veciñal Santa Apolonia. Os interesados téñense que poñer en contacto coa organización e pagar os 25 euros que custa e que inclúen o xantar. No transcurso da excursión visitarán Buño, o Santuario da Nosa Señora da Barca, o Dolmen de Dombate e á vila de Noia onde participarán na Feira Medieval que anualmente celebra a vila mariñeira.





Ouzande entregouse á tradición na festa do Lumeiro:::

Espectacular, coma sempre, o Lumeiro de Ouzande sorprendeu o pasado 23 de xuño. A festa desenvolveuse no Campo da Festa da parroquia e estivo organizada pola Fervenza de Ouzande. Un bar recibía aos festeiros coa posibilidade de cear no propio lugar. O asado de chourizos e charla amistosa entre amigos e veciños prolongouse ata a medianoite, nunha espera mística para presenciar a queima do Home do Saco. A tradición aquí é distinta, escríbese nun papel o que se desexa queimar, facendo unha queima simbólica pois os papeis son levados nun saco por unha procesión que aparece da escuridade para botar o saco onda o seu propietario, O Home do Saco que xace nun pao no alto do Lumeiro. As lapas mestúranse co son das gaitas e cando o lume devora ao impasible protagonista comeza a música de festa e o baile. Así é o Lumeiro de Ouzande, unha cita mística coa auga e o lume para a purificación popular pagá.