19 de xaneiro de 2015

Malestar en Aguións por un sinal deturpado:::

A semana pasada, e dentro do proceso de renovación de sinais viarios na zona, procedían  á colocación dunhas polémicas placas en Santeles. O motivo é que unha delas indica que a parroquia de Aguións se atopa a tres quilómetros, pero usando a forma deturpada "Aguiones". Os veciños  mostráronse molestos por este feito e agardan que se corrixa o antes posible.  Desde a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia explican que a única forma oficial para este topónimo, tal e como recolle a Lei de Normalización Lingüística, é a que figura no Nomenclátor publicado pola administración autonómica. A forma "Aguiones" é unha deturpación, ou o que é o mesmo unha "falsa castelanización" pois os topónimos galegos foron creados en galego e non existen variantes en castelán.
Veciños da zona recordan un episodio semellante nos anos 90 cando se colocou unha placa identificativa do polígono industrial de Toedo e que durante uns días fixo que a parroquia estradense se convertese na provincia castelá de "Toledo". 
O que podería ser un erro sen trascendencia xa provocou distintas reaccións nas redes sociais. Así, a Mesa pola Normalización Lingüística publicou unha foto no seu perfil de Facebook, que foi amplamente difundida por toda Galicia. Na Estrada, o grupo local de Podemos lamentou este feito pola mesma canle. Agora só queda restablecer o verdadeiro nome de Aguións. A administración responsable tanto do vial EP-7005 coma das placas de sinalización é a Deputación de Pontevedra.



12 de xaneiro de 2015

A Estrada que se esconde baixo a néboa:::

A pasada fin de semana a comarca viviu unha situación climática normal e propia do inverno. Aínda así foi motivo de moitas conversas  polo feito de que a néboa tardou máis do habitual en disiparse, deixando a zona baixo a néboa todo o sábado e parte do domingo. O que pasou explícanolo Carlos F. Balseiro de 4gotas. Tratouse dunha fenómeno coñecido como "néboa de radiación". Dáse habitualmente no inverno e en situacións anticiclónicas como a que estamos a gozar desde que comezou esta estación. O xiro de vento anticiclónico no sentido das agullas do reloxo provoca un movemento descendente coma o dun tirarrollas. A humidade da terra, ríos e regatos da zona atópase co aire frío e condensa. Pero ao haber pouco vento e co efecto do anticiclón queda retida moi preto da superficie da terra formando esa capa de néboa, que en ocasións é tan mesta que o sol non é quen de "quentala" e desfacela, por iso en días coma o sábado se mantivo todo o día enriba da Estrada e parroquias próximas.
O domingo pola mañá o sol quentou o suficiente a superficie, disipando as néboas.
A néboa foi ascendendo desde o val do Liñares.
Vista oculta da Estrada cuberta de néboa.
A Somoza baixo a néboa.
O domingo contra ás 12 do mediodía, a Estrada devestíase da néboa definitivamente.

8 de xaneiro de 2015

Coa Cabalgata de Reis rematan as festas de Nadal:::

As festas de Nadal chegaron ao seu fin. As cabalgatas de Orazo e A Estrada puxeron o broche de ouro a unhas festas cheas de ilusión e encontros familiares. A lotería de Nadal deixou un boleto premiado en Couso e A Estrada encheuse de actividades de rúa que foron seguidas por moito público grazas ao bo tempo. A climatoloxía tamén se aliou cos Reis Magos, congregando numeroso público ante as carrozas reais. A festa tivo o punto final coa descoberta de agasallos, sobre todo polos máis pequenos, especialmente excitados con tan tanta maxia e misterio.







Callobre retoma este sábado as "Noites de Raíz":::

A parroquia estradense de Callobre acolle este sábado 10 de xaneiro a segunda edición das "Noites de Raíz", unha proposta de foliada de inverno que programan cada segundo sábado de mes. A cita é á noite, na vella escola e contarán con dous grupos que ofrecerán un concerto, trátase dos cruceños Sons da Mina e os locais Os Ke Hai. A idea é que estas formacións "rompan o xeo" para a seguir acoller unha foliada improvisada e participativa. Para iso a organización anuncia que hai espazo suficiente para bailar e servizo de bar con comida para repoñer forzas. Esta é a segunda edición, logo de que en decembro inauguraran estes seráns Os Sin Sons, Retrouso e Recanto.
Fotos: Folk de Raíz
Recanto na primeira edición.

Retrouso na primeira edición.

cartel da foliada.

7 de xaneiro de 2015

A Estrada réndese ao trapillo:::

Se nunca oiu falar do trapillo, non se asuste. Agora está de moda e non tardará en ver algunha alfombra, cesto, prenda de vestir ou complemento feito con este material. O trapillo é fío feito de tecido restante da construción da industria textil. Na Estrada está de moda grazas aos cursos impartidos por María Gaiteiro, quen xa levou as técnicas e artes do trapillo a varias parroquias tanto da Estrada como de municipios próximos como Boqueixón, Vedra ou Moraña. Pardemarín e Riobó foron das últimas parroquias estradenses en facer cursos deste tipo e agora tócalle a Ouzande, da man da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande. Este mes de xaneiro rematará un curso que se pode considerar todo un éxito, tanto pola cantidade de participantes como polo entusiasmo que estes labores artesáns desatan entre o alumnado. Pero non só de trapillo vive o home, tamén a tradicional la ten o seu espazo nestes cursos, sobre todo para a confección de ponchos ou bufandas. O máis destacado destes cursos son os teares que se usan que poden ser feitos na casa e coas formas máis variadas en función da prenda que se queira tecer. Fácil, divertido e desestresante, quizais por iso se está a poñer de moda a confección en trapillo. A materia prima vén de Portugal desde onde aseguran que alí foi un furor hai tempo e que agora son cada vez máis as persoas  acoden desde este lado da fronteira polo prezado trapillo.
Alfombra confeccionada con trapillo no curso de Ouzande.
Tear para confeccionar bufandas.
tear de trapillo.
Tear de trapillo.
Alfombra de trapillo.