28 de maio de 2020

Nova traxedia en Ouzande: falece un veciño cando realizaba labores agrícolas na súa leira:::

Semana negra en Ouzande; distintas forzas de seguridade e servizos médicos de emerxencias acodían á parroquia para atender un veciño octoxenario que se indispuxo na parcela na que traballaba, só puideron certificar o seu falecemento, ao parecer por causas naturais. 
Ouzande xa estaba de loito polo pasamento en circunstancias tráxicas doutro veciño de 50 anos na noite do pasado domingo. 
O noso máis sentido pésame á familia.

Noticia relacionada; "TRÁXICO SUCESO EN MATALOBOS"


27 de maio de 2020

Ouzande cancela todas as súas festas de verán:::

A Comisión de Festas anunciou durante o confinamento a suspensión de todos os actos festivos desde xuño até setembro en resposta á crise do Coronavirus. Cancelaron tamén o cobro das cotas aos veciños.
2020 será recordado coma o ano da COVID-19 e en Ouzande pasará á historia coma o ano da cancelación de toda actividade social desde o pasado mes de marzo. As primeiras afectadas foron as clases de música tradicional, A Fervenza de Ouzande anunciara a súa suspensión canda a supresion das clases da formación regrada. A actividade cultural da primavera en Ouzande estivo confinada e agora os grandes días de sol son días de desescalada por fases nos que non ten lugar a actividade social ligada ás festas parroquiais.
En total son tres datas festivas as que se deixarán de celebrar; en xuño o Santo Antonio coas súa tradicional sardiñada, en agosto as festas patronais na honra de San Lourenzo patrono de Ouzande e en setembro a tradicional Romaría do Socorro.
A comisión festiva composta pola Xunta Parroquial así o anunciou hai días canda a supresión dos cobros das cotas festivas que habitualmente se realizaban no adro da igrexa nos propios días das festas.

imaxes de arquivo


25 de maio de 2020

TRÁXICO SUCESO EN MATALOBOS:::

O 112 informaba esta mañá dun tráxico suceso que aconteceu no lugar da Brea, en Matalobos. En torno ás 10h recibían unha chamada de auxilio alertando de que unha persoa estaba atrapada entre un turismo e unha parede. Ao lugar dos feitos desprazáronse efectivos de Emerxencias da Estrada, Bombeiros do Deza, Policía Local, Garda Civil e servizos sanitarios, pero nada puideron facer por salvar a vítima. Sobre as 14h informaban desde a Garda Civil de que o falecido era o propietario da nave Mouriño Motor e que falecera por esmagamento, posiblemente xa na tarde noite do día de onte. A súa muller foi quen dera a voz de alarma.

A medida que se deu a coñecer a triste nova e as siglas do falecido J.S.G. de 50 anos, a consternación instalouse na veciñanza. O noso máis sentido pésame á familia.