30 de agosto de 2016

Novena, Fervenza de Músicas, verbena e poxa tradicional para celebrar o Socorro de Ouzande:::

A novena comeza o vindeiro xoves día 1 de setembro
As festas comezan co IX festival Fervenza de Músicas
O sábado verbena con Fenix e Togayán
Poxa tradicional o domingo do Socorro
Ouzande engalánase novamente a vindeira fin de semana para acoller a tradicional romería do Socorro. As actividades relixiosas comezan coa novena o día 1 ata o mesmo día de empece dos festexos. Haberá misas ás 13.15h o sábado e o domingo na honra do Carme e do Socorro.  A noite do venres a música tradicional daralle as benvidas aos festexos pois celébrase a IX edición da Fervenza de Músicas. Acturán como anfitrións os ouzandeses Recanto e Retrouso e contarán cos Gaiteiros de Buxantes, Panarraiada e AC Xarandeira. Para esta festa haberá servizo de polbeiría.  O sábado, día do Carme e tras a misa, Abrente, do Foxo encargarase de animar a sesión vermú. Xa pola noite verbena co grupo de Foz, Fenix que xa actuou en Ouzande no Socorro de 2014 e Togayán que o fixo nas patronais dese mesmo ano. O domingo, día grande do Socorro, haberá festa pola mañá coa charanga Os Atrevidos e tras os actos relixiosos a tradicional poxa das ofrendas á virxe co que se pechan os festexos.
A Fervenza de Músicas 
Grupo Fénix en setembro de 2014

Edición pasada da poxa no adro da igrexa

Procesión do Socorro

San Xurxo de Vea celebra este venres 2 de setembro o VI Festival Folk:::

A parroquia de San Xurxo de Vea está este venres de festa, celebra o VI Festival Folk. Será de noite e contará con servizo de polbeiro para a cea e actuarán Os Regatos, Ce orquesta Pantasma, Nosoutros e os Melidaos. Cabe destacar a forte presenza de grupos locais, Os Regatos son de Callobre e Nosoutros é unha nova formación con base na Estrada. Por outra banda, Ce orquestra pantasma está integrada unicamente por un músico, César, quen ofrece un espectáculo de homeorquestra xa coñecido nas festas e festivais da contorna, cabe destacar que tamén editou un disco con música popular dirixida aos máis nenos. O último grupo procede da vila de Melide e será o que peche o festival.
 A festa celébrase ao pé do campo da festa de San Xurxo, entre os carballos centenarios que lle confiren ao lugar un encanto especial.



Imaxes de arquivo de edicións anteriores.


Ouzande adecenta os seus muíños:::

Todos os anos, membros da Fervenza de Ouzande achéganse ata o lugar que lles dá nome con desbrozadoras, fouciños, podóns, gallas... para poñer bonito o entorno da afamada fervenza ouzandesa. Desta volta, o pasado sábado, mesmo substituíron "Unha noite no muíño" por unha intensa tarde de traballo na que participaron máis de 20 persoas da parroquia.
O Muíño do Rubio foi o punto de encontro e contra as 5 da tarde o lugar enchíase de veciñas e veciños con todo tipo de material de traballo, tamén subiron refrescos e merenda para completar esta convivencia. Distribuíronse en pequenas cuadrillas e dedicáronse ao desbroce dos carreiros e camiños da contora, á limpeza dun muro, á reposición e limpeza do tellado do Muíño do Rubio e á eliminación das numerosas silvas que ameazan outras especies de interese medioambiental que inundan a zona. A tarde foi longa e laboriosa pero contra as 20h as cuadrillas foron dando por finalizado os seus esforzos para agruparse fronte a unha mesa chea de viandas que a asociación organizadora tiña dispostas para mitigar o cansanzo. As conversas veciñais e o bo humor completaron unha tarde que deixa en Ouzande unha Fervenza máis limpa e coidada. 
O obxectivo a longo prazo da asociación é manter a maior parte dos muíños en bo estado, mesmo reconstruir a maquinaria dalgúns deles, así como sinalizar a zona para compartir este paraíso que está a escasos metros do centro urbano da Estrada.

Os primeiros en chegar ao Muíño do Rubio

A maleza foi desaparacendo pouco a pouco

O Muíño do Rubio recibiu as súas atencións

Últimos retoques

completando a tarde cunha merenda

Acoe animou este verán os "Sábados na Estrada":::

O mes de agosto vai rematando e así tamén as actividades que ACOE (Asociación de Comerciantes da Estrada) desenvolveu os sábados estivais co fin de animar as compras na vila sábado a sábado. O pasado día 27 as gaitas de Retrouso fixeron pasarrúas polo centro da localidade ao tempo que na Praza do Mercado se instalaba unha pequena feira de produtos ecolóxicos. ACOE convidou a Monte Cabalar, Panadería de Rubin, Fiandeira, Mel de Raúl, Vermú Petroni, sidrerías da Estrada e unha tenda de produtos Bio a participar, ofrecendo unha oferta aínda máis completa no comercio local. Ademais as rúas da vila acolleron moita música durante estes dous meses: Os Ke Hai, Retrouso, Mr Cool, Bótalle Terra, Foliadeiros, Os Regatos, Nai... Ademais houbo actividades para todos os gustos; obradoiro de barriñas enerxéticas ecolóxicas, retos Nerf, decoración de bolsos, inchables, animación da "Patrulla Canina", reciclaxe ou repostería.
O peche foi este sábado 27 cun desfile e coa animación de Retrouso.
Actuación do GRUPO NAI o pasado sábado 20 de agosto
Postos de venda na Praza do Mercado
Retrouso animando as rúas da Estrada o pasado sábado 27

25 de agosto de 2016

Contacontos para honrar a Neira Vilas, o mércores 31 ás 20h:::

O vindeiro mércores 31 ás 20h e nos Xardíns Municipais, A Estrada acolle unha sesión de contacontos para honrar a figura de Neira Vilas. Trátase do programa "Galicia Culurea" que leva todo o verán levando por Galicia adiante a figura do ilustre escritor das Cruces co que A Estrada tiña un forte vínculo. A obra que se poderá ver na vila estradense é unha sesión de contacontos, cunha duración de 50 minutos e apta para todos os públicos, aínda que dirixida especialmente a nenos de 5 a 10 anos. Son unha chea de historias de corte tradicional e provenientes de lugares dos cinco continentes. É un proxecto da Rede de Dinamización Lingüística interpretado por Bolanda. 
Titúlase Contos Vellos para rapaces novos, e recolle as historias do libro homónimo de Neira Vilas. O vindeiro mércores 31 ás 20h na alameda da Estrada.

Pontevea reclámalle aos Concellos de Teo e A Estrada servizos para o coidado da ponte e da Praia de Couso:::

As reivindicacións xa son históricas. Logo das enchentes de 2000 a Praia de Couso caiu na desidia, as instalacións do bar, anegadas e cheas de lama, a praia sen area e con maleza. Cada certo tempo reclaman a limpeza desta área, coma en 2006, pero son varios os motivos que imposibilitan que se volvan repetir as imaxes das ducias de bañistas en Couso. O acceso das máquinas á área fluvial tense que facer desde unha propiedade privada polo que durante estes anos as limpezas foron escasas. Este verán si se limpou a marxe, pero non hai un plan de revitalización da zona. 
Pontevea é un lugar de Reis (Teo) con múltiples servizos e puntos de interese turísitico, como a Burga, a ponte medieval ou esta área fluvial. Ao tratarse dunha aldea arrraiana entre dous concellos e dúas provincias, os veciños reclaman a atención das corporacións teense e estradense para mellorar tanto o mantemento da ponte como da praia, mesmo se pode facer unha ruta entre estes tres puntos e ata continuala ata a área recreativa do Xirimbao. Do lado coruñés a área da Burga mantense limpa todo o ano e mesmo se sinalizou a Pontevea, hai anos deixaron de funcionar os focos que a iluminaban. Do lado pontevedrés, o BNG da Estrada reclamou novamente hai uns días que haxa maior compromiso do Concello coas praias fluviais tanto de Couso como de Liñares ou Barcala.
A parte do posible baño, dos valores patrimoniais ou  do agradable dun paseo por esta zona súñaselle o valor climático e medioambiental deste espazo protexido Rede Natura. En setembro de 2015 iniciáronse os trámites para que a Pontevea sexa declara Ben de Interese Cultural, motivo polo que os veciños de Reis insisten novamente ante as administracións sobre o desaproveitamento deste recurso natural de Pontevea.

Praia Fluvial de Couso (do lado estradense)

Ponte medieval de Pontevea

Ponte medieval de Pontevea

Praia de Couso (do lado estradense)

Instalacións abandonadas do bar en Couso

Interior do bar

Pontevea

Pontevea

"Unha tarde no muíño" este sábado 27, en Ouzande:::

A Fervenza de Ouzande recibe o seu nome dunha zona desta parroquia moi rica patrimonial e culturalmente. Este sábado a asociación ouzandesa ríndelle homenaxe cunha xornada de limpeza. Haberá merenda ao rematar.
A actividade comezará ás 17h no Muíño do Rubio, lugar que serve de punto de encontro. A organización pide que cadaquén leva a ferramenta que teña a man para proceder ao desbroce e limpeza da maleza. Ás 20h e no mesmo lugar convidan a unha merenda de convivencia á que recomendan levar outro tipo de ferramenta, instrumentos musicais. A comida corre a cargo da asociación. O lema desta actividade é "Entre todas e todos conservamos e coidamos o noso patrimonio".
A zona da Fervenza de Ouzande componse de sete muíños e dúas presas de contención, así como dúas fervenzas; a Freixa e a propia Fervenza de Ouzande. A vexetación ofrece carballos centenarios, acevos e outras especies autóctonas, creando un lugar paradisíaco a poucos metros do centro urbano da Estrada.

cartel da actividade
Muíño do Rubio

19 de agosto de 2016

"Nai" de concerto mañá sábado na Praza de Abastos ás 12 do mediodía:::

Pasear un sábado pola mañá pola Estrada ten premio, normalmente un pode aproveitar para facer as súas compras, ir ata á Praza de Abastos ou á feira sabatina pero este verán e grazas a ACOE tamén se poden presenciar concertos musicais a pé de rúa entre outras actividades. Contan con distintos grupos da zona, a semana pasada tocoulle a Retrouso e desta volta a cita é co grupo compostelán NAI que ofrecerá un concerto na Praza de Abastos ao mediodía, ás 12h. ACOE tamén anunciou que haberá inchables e outras atraccións para os máis pequenos da casa. 
Os "Sábados na Estrada" comezou o pasado 2 de xullo e rematará o próximo 27 de agosto, todas as actividades se desenvolven na zona da Praza de Abastos e contan cunha zona de feira específica dentro do mercado con postos de produtos locais (Monte Cabalar, Pan de Rubín, artesanía Fiandeira, Mel, Vermú, Sidra, Tenda ecolóxica...) Ademais dos concertos, deseñaron unha serie de actividades como obradoiros e xornadas temáticas sobre produtos da praza. Está previsto que na última xornada haxa un desfile de moda, e é que os sábados na Estrada están de moda. 
grupo NAI nunha actuación anterior en Callobre

NAI

Cartel Sábados na Estrada

18 de agosto de 2016

Música e animación nas festas patronais de Ouzande:::

Dos 7 días de festa que hai en Ouzande, esta fin de semana pasada celebráronse as patronais, na honra a San Lourenzo e ao Santísimo Sacramento. Houbo celebracións relixiosas, con cinco primeiras comuñóns, verbenas con orquesta e polbeiro e mesmo animación coas IV Oulimpiadas.
Aínda que o día propio de San Lourenzo, patrón da parroquia, é o 10 de agosto, é tradición celebralo na fin de semana seguinte. Así o venres 12 comezaban os festexos cunha verbena. Houbo orquestra, polbeiro, inchables e festa ata ben entrada a madrugada. O sábado 13 pola mañá actuaron Os Ke Hai de Callobre no adro da igrexa antes dunha misa na que tres nenos da parroquia celebraron as súas primeiras comuñóns, procesión e sesión vermouth cun trío musical no Campo da Festa. Pola noite máis festa con dous tríos e inchables no mesmo lugar. A festa do domingo 14 había levar a Ouzande á Banda de Música Municipal da Estrada que ofreceu pasarrúas por distintos lugares da parroquia e concerto na igrexa. Houbo misa e procesión, nas celebracións eucarísticas outros dous cativos da parroquia celebraron as primeiras comuñóns. Tralo merecido descanso e xantares familiares chegou o momento dos IV Xogos Oulímpicos que convertiron o Campo da Festa nunha auténtica catedral da deportividade. Agora queda agardar pola romería do Socorro que se celebrará os vindeiros 9, 10 e 11 de setembro.






 




  




Ouzande mostra o auténtico espírito olímpico:::

Non foi en Río de Janeiro nin houbo perdedores, as OUlimpiadas celebráronse o pasado domingo 13 en Ouzande e todo o mundo saíu gañando. Así é o espírito oulímpico, os máis de 30 rapaces e rapazas que participaron nesta orixinal actividade demostraronlle aos adultos os valores do esforzo, da constancia, do compañeirismo e da superación. Algún non levantaba máis dun metro do chan pero todos foron capaces de cumprir os obxectivos, convertíndose en auténticos medallistas oulímpicos.
Ás 18.30h comezaron coas inscricións e os preparativos. A organización, chamada COU (comité oulímpico) estableceu para as 19h o acto de inauguración; as delegacións das cinco cores oulímpicas encheron o campo da festa de Ouzande, foron atrás do fachico oulímpico ata o seu espectacular encendido e ante a atenta mirada de pais, nais, veciños e festeiros. A continuación as distintas probas, cada equipo tiña 15 minutos que o COU ía marcando para facer os xogos: unha xincana cunha carreta, outra saltando unha pista con pavóns do millo, outra na que había que encestar un balón nunha canasta pero cos ollos vendados, outra proba consistía en transportar auga usando só a boca, mesmo había carreiras de biciclestas nas que había que chegar o último... mesmo houbo unha proba de levantar torres de carozos... moita actividade que os máis de 30 participantes superaron con moito ánimo e dedicación. Ao remate había unha sorpresa, mentres que os moitos xuíces que controlaban as probas foron deliberar, cada equipo tivo un momento libre para xogar ao Pikachocú, unha caza de pokemons sen móbiles, correndo ata a igrexa e procurando o pokemon da cor de cada equipo. Ao regreso un gran podium, posto que todos os equipos levaron algún premio: compañeirismo, superación, simpatía... foron loureados con coroas de oliveira e fíxoselle entrega dunha enorme medalla de chocolate a cadaquen e unha pegatina de recordo das IV Oulimpiadas, o acto de clausura rematou cunha fermosa foto de grupo que quedará como recordo do auténtico espírito oulímpico, o de Ouzande.

Foto do acto de clausura 
foto do encendido do fachico oulímpico

100 metros pavón

xincarreta e biciclentas

100m pavón

xincarreta

cazando pokemon

Barcala presume de praia:::

Cando as altas temperaturas de agosto se alían co tempo de lecer, as praias convértense nun cobizado destino que non todos teñen ao pé da porta. A Estrada presume de ter o Concello dos mil ríos, desde o Umia ao Ulla pasando polo Liñares, Vea, Curantes... pero curiosamente é un municipio con poucas áreas de recreo debidamente acondicionadas. En Barcala hai un pequeno gran paraíso chamado O Bao e que ofrece todos os ingredientes para gozar dunha xornada de desconexión en contacto coa natureza. Ata hai pouco, os usuarios eran os veciños máis próximos, pero estes queren compartir o lugar e presumen do seu. Hai anos o Concello da Estrada, a través dun Obradoiro de Emprego, realizou uns traballos de mellora, dotando o lugar dun pequeno parque infantil e unha pontella de madeira, tamén desbrozou a zona. Pero estes espazos precisan un mantemento constante que, ata o momento, realizan os propios usuarios. Son eles quen o limpan e promocionan, crearon unha páxina en facebook na que dan información sobre a temperatura da auga ou comparten fotos ou anuncian actividades que alí se desenvolven. 
O pasado mes de xullo, un usuario comezou unha campaña para que o Concello da Estrada asuma máis responsabilidades en relación ao Bao, creando unha petición pública en change.org  Aínda que recoñecen que o municipio achega o tractor de desbroce ata a pista de acceso, afirman que son necesarios labores de poda e limpeza do areal. Así a petición baséase en catro puntos. O primeiro é a limpeza de maleza e restos que xere, o segundo a poda das árbores próximas á zona de baño, a terceira é o arranxo da zona infantil posto que falta un columpio e o chan está roto, facéndose perigoso para os nenos e nenas que alí se dispoñan a xogar. O último refírese aos accesos, a pista que une a área coa estrada Sinde-Couso non está asfaltada, xéranse buracos coa chuvia e ten certa pendente polo que a baixada en coche queda restrinxida só para valentes.  
A Praia do Bao sitúase preto da Ponte Colgante de Couso, catro quilómetros río abaixo. Pódese acceder desde a estrada que une Couso con Barcala, Sinde ou Padrón pero hai que tomar unha estrada forestal non asfaltada e non está sinalizada. Esta área xérase pola existencia no lugar dun vello  muíño hoxe totalmente abandonado pero que ten un gran muro que encora a auga do Ulla, creando un enorme estanque e que é o que propicia a existencia desta zona de baño. As ríadas do inverno enchen as ribeiras de area e a vexetación frondosa crea zonas de sombra moi apetecibles nos días de calor. Tamén é posible o paseo grazas aos camiños de pescadores que os propios usuarios da praia acondicionan para uso e desfrute de todo o mundo.Un dos aspectos a mellorar para o acceso a esta praia é a sinaléctica, pois actualmente non hai ningún tipo de cartel que indique como se pode acceder a este recuncho marabilloso.

zona de corte do muro do encoro

restos do vello muíño

Praia do Bao

Pontella que salva un dos carreiros polos que se pode pasear

A zona infantil precisa de mantemento