25 de setembro de 2016

Arrancan as clases da Escola de Música Tradicional de Ouzande:::

Cunha reunión e unha merenda inaugurábase na tarde de onte o novo curso académico das clases de música e baile tradicional da Fervenza de Ouzande. Foi ás 18h nos baixos do local social da parroquia. Durante o transcurso desta xuntanza, o presidente do colectivo, Xabier Camba explicaba os pormenores das matrículas e inscricións así como prezos e profesorado. Marcos Varela será o docente de gaita, acordeón e canto tradicional, Xosé Martíns de percusión tradicional e Silvia Martínez de pandeireta e baile. Os horarios serán semellantes ao curso pasado abranguendo practicamente toda a xornada do sábado. Ao remate abriuse a secretaría para as novas incorporacións e matrículas ao tempo que se facía unha merenda de convívio entre os asistentes ao acto de inauguración deste curso. 
As persoas interesadas en participar nas clases poden aínda cubrir as vacantes que haxa libres, simplemente poñéndose en contacto coa entidade ou no teléfono 986 57 02 85 ou achegándose en horario de sábado á disciplina na que estea interesado. A vindeira semana comezan percusión, canto, gaita e acordeón e na semana seguinte baile e pandeireta.




15 de setembro de 2016

Guimarei celebra esta fin de semana as festas das Dores:::

As festas das Dores e San Roque celébranse esta fin de semana en Guimarei con multitude de actividades. A programación arranca na tardiña do venres 16 cunha verbena amenizada por Punto Zero e cunha festa gastronómica a base de mexillóns e porco á brasa. Xa o sábado 17 terán pola mañá diversos actos relixiosos e sesión vermú co grupo de gaitas do Foxo e pola tarde a actividade "Rural Global" unha festa urbana que comezará ás 16h e que durará ata as 20h e que achegará á parroquia estradense distintas disciplinas de deportes urbanos como parkour, minirampa ou drons. Haberá exibición de grafiteiros e mesmo unha sesión DJ entre outras actividades. Pola noite novamente verbena, desta volta amenizada por dúas orquestras e co espectáculo de Pili Pampín. O dominigo haberá os correspondentes actos relixiosos na honra da Virxe e concerto da Banda Municipal de Música da Estrada, pola tarde xogos para os pequenos con colchonetas gratis.


12 de setembro de 2016

Paralizan as festas de Ribeira por un tráxico suceso:::

A festividade dos Miragres concentrou nesta pasada fin de semana moita actividade en distintas parroquias da Estrada, entre elas a de Santa Mariña de Ribeira que se dispuña a celebrala canda ao San Roque. Pero un suceso tráxico fixo paralizar a actividade contra a 1 da madrugada do sábado para o domingo. Actuaban as orquestras Poceiro e Principal e, cando esta segunda acababa de comezar a súa función, un asistente á festa sentiuse indisposto, a pesar de ser atendido por persoal sanitario desprazado ao lugar, nada puideron facer por salvarlle a vida. Por este motivo a comisión organizadora tivo que suspender toda a actividade que tiñan en marcha (orquestras, postos de polbo, carros...) en sinal de loito e respecto pola vítima e familiares.

igrexa de Ribeira, preto de onde se celebraba a festa

Ouzande despide as festas de verán coa romería do Socorro:::

As festas do Socorro chegaron ao seu fin, e con elas as festividades estivais da parroquia estradense de Ouzande. Foron tres días marcados polo acento tradicional, con moita música, actos relixiosos e procesións ou a poxa das ofrendas á santa. A actividade xa comezara o pasado día 1,durante nove días consecutivos devotos de toda a bisbarra abarrotaron o templo parroquial na tradicional novena. O venres día 9 houbo unha gran festa con cinco grupos musicais, foi a IX Fervenza de Músicas organizada pola Fervenza de Ouzande e que encheu o campo ouzandés de xente, baile, polbo e moita música. O sábado Abrente do Foxo animou a festa ao mediodía trala procesión do Carme e amenizando a sesión vermú. Pola noite houbo unha verbena con Togayán e Fenix. Xa no domingo a charanga os Atrevidos fixo pasarrúas pola aldea ao tempo que o adro da igrexa ouzandesa ía recibindo as ofrendas. Trala misa, que foi ás 13.15h procesión no día grande do Socorro e poxa. As plantas mesturáronse cos produtos do campo: patacas e pementos, galos... Tamén houbo poxa de gatiños e coellos así como dalgún libro, dos panos da santa entre outros moitos produtos. Ao remate houbo sesión vermú cos Atrevidos no mesmo lugar. Con estes tres días de intensa actividade péchanse as Festas de verán de Ouzande que sumaron un total de sete xornadas festivas, unha en xuño e tres en agosto e setembro respectivamente.


Un momento da Fervenza de Músicas coa actuación do grupo local RECANTO

Abrente do Foxo na sesión vermú do sábado

Procesión no día grande das festas do Socorro.

Atentos á poxa

poxouse tamén por uns coelliños 

O adro estivo cheo duante a poxa

10 de setembro de 2016

Fervenza de Músicas, noite de Estrelas:::

Unha temperatura agradable, unhas racións de polbo e as mellores músicas foron os ingredientes co que se cociñou na noite de onte a IX edición do Fervenza de Músicas. Aínda que o prato principal foron precisamente as músicas, o Campo da Festa de Ouzande foi escenario da convivencia ao redor das mesas do polbeiro, tamén houbo un carro e moi bo ambiente no inicio das festas do Socorro. Retrouso había presentar a súa canteira, con xente nova ao tempo que A Fervenza de Ouzande presentaba a oferta de cursos de música tradicional para o novo curso. Xarandaina, de Ponte Cesures trouxo unha completa representación do seu bo facer, con cantareiras incluídas e bos e boas bailadores. Recanto fixo a delicia dos asistentes xuntando as súas voces e cun repertorio que animaba a cantar e a moverse ao ritmo da música. A animación dos Gaiteiros de Buxantes elevou a festa ata o máis alto a ritmo de pasodobles, muiñeiras e xotas. E, finalmente, Pana Raiada había de poñer o broche de ouro ás actuacións ao pé de campo da IX Fervenza de Músicas. Pero a festa non acabou aí posto que o baile e as músicas habíanse adentrar na madrugada coa gran animación da gran cantidade de bos músicos que se deron cita onte en Ouzande.
Retrouso

Xarandeira

posto abarrotado do polbeiro

Xarandeira

bailadores

momento da festa

Recanto

giaiteiros de Buxantes

Pana Raiada

ambiente da festa

6 de setembro de 2016

Así vai ser a IX Fervenza de Músicas:::

Con moita música e alegría, así van comezar as festas do Socorro de Ouzande, ou o que é o mesmo coa IX
edición do festival "Fervenza de Músicas". A Fervenza de Ouzande vén de presentar o evento que contará con cinco grupos en cartel. É o herdeiro do "Músicas da Terra" un festival de gran formato que levara a Ouzande grandes grupos e milleiros de asistentes, hai nove anos cambiaron o formato para ofrecer un ambiente máis de foliada, próximo ao público, sen amplificacións nin escenarios pero revivindo o espírito das festas tradicionais dun xeito máis auténtico. Ano a ano foise consolidando esta nova modalidade e este venres chega á súa IX edición cos dous grupos da casa, Retrouso e Recanto, e con tres formacións convidadas procedentes de Santiago, Dumbría e Pontecesures.
Retrouso é a alma da Fervenza de Músicas, con dous discos xa no mercado e un currículo de concertos e actuacións que o converteron nos últimos anos nun referente do folk galego. A eles súmaselle o grupo de canto tradicional, nacido da necesidade de "saber cancións" para cantar na "Noite no Muíño", converteuse nun gran coro que xa leva moitas actuacións ás súas costas, sempre co espírito festivo do canto tradicional e integrado por veciñas e veciños da parroquia de distintas idades. De Dumbría chegan os Gaiteiros de Buxantes, unha formación interxeracional que aposta decididamente pola recuperación da tradición musical. Pana Raiada é un vello coñecido do Fervenza de Músicas pois participou en varias edicións, procedentes da  parroquia da Gracia na capital galega teñen atrás de si unha escola de música tradicional que fai canteira. E finalmente e procedentes de Cesures, máis de 50 persoas desembarcarán en Ouzande da man da Asociación Cultural Xarandeira. Música e baile para todas as idades desde a beira do Ulla para animar a foliada ouzandesa.
As previsións falan de bo tempo para recibir a Fervenza musical ouzandesa, con temperaturas de 20 graos e tempo seco e solleiro. Desde primeira hora haberá un posto de polbo e todos os alicientes para unha noite na que se prevé unha gran afluencia de público ao Campo da Festa de Ouzande, coa IX Fervenza de Músicas.
Directiva da Fervenza de Ouzande presentando o festival 
Camisola dos Gaiteiros de Buxantes, de Dumbría

Pana Raiada preparndose para unha foto

Parte integrante da AC Xarandeira de Cesures

Retrouso xa ten dous discos no mercado

Recanto nunha actuación anterior en Ouzande

3 de setembro de 2016

Folk entre carballos, así foi a VI Festival de San Xurxo de Vea:::

O bo tempo non quixo perder a VI edición do Festival Folk de San Xurxo de Vea. A parroquia estradense está de festa toda esta fin de semana e comezou da mellor maneira posible, cun cheo absoluto baixo os centenarios carballos do Campo da Festa. Eran as 22h e xa no polbeiro se ía presaxiando o éxito dun festival xa consagrado no panorama festeiro da bisbarra. Os primeiros en subir ao palco foron os Regatos que levaron consigo dúas parellas de baile de Xirandola (A Bandeira), Cé o home orquestra fixo interactuar a nenos e maiores cunha posta en esncena elegante e divertida, ao igual que as orquestras fíxoo en dous pases pero a pé de campo. Mentres, no escenario Nosoutros presentábase recordando que tiñan nacido había xustamente un ano no mesmo lugar, cando un grupo de amigos comezaron a posibilidade de montar algo. Desde aquela xa actuaron en varios eventos e festas da contorna, ofrecendo un espectáculo que vincula a tradición máis galega coa música irlandesa ou á fusión folk. O grupo de moda, os melidaos habían quedar para o final, ofrecendo o peche da VI edición. Hoxe continúan as festas en San Xurxo de Vea cunha sesión vermú amenizada polo trío “Amanecer” e cunha verbena nocturna a cargo da mesma formación e do grupo Saboy. Mañá domingo a animación será a da Charanga Compostela na sesión vemú. Cabe destacar que nos actos relixiosos solemnes actuará o coro parroquial. Esta fin de semana festiva terá continuación o próximo venres en Ouzande coa IX Fervenza de Músicas cos Gaiteiros de Buxantes, Xarandeira, Pana Raiada, Retrouso e Recanto, nesta festa tamén haberá servizo de polbeiría.
Regatos co baile de Xirandola

Ce home orquestra

Ce home orquestra

Nosoutros

Nosoutros
Regatos

Regatos

O público encheu o campo

Sígueme por correo electrónico:::