25 de setembro de 2016

Arrancan as clases da Escola de Música Tradicional de Ouzande:::

Cunha reunión e unha merenda inaugurábase na tarde de onte o novo curso académico das clases de música e baile tradicional da Fervenza de Ouzande. Foi ás 18h nos baixos do local social da parroquia. Durante o transcurso desta xuntanza, o presidente do colectivo, Xabier Camba explicaba os pormenores das matrículas e inscricións así como prezos e profesorado. Marcos Varela será o docente de gaita, acordeón e canto tradicional, Xosé Martíns de percusión tradicional e Silvia Martínez de pandeireta e baile. Os horarios serán semellantes ao curso pasado abranguendo practicamente toda a xornada do sábado. Ao remate abriuse a secretaría para as novas incorporacións e matrículas ao tempo que se facía unha merenda de convívio entre os asistentes ao acto de inauguración deste curso. 
As persoas interesadas en participar nas clases poden aínda cubrir as vacantes que haxa libres, simplemente poñéndose en contacto coa entidade ou no teléfono 986 57 02 85 ou achegándose en horario de sábado á disciplina na que estea interesado. A vindeira semana comezan percusión, canto, gaita e acordeón e na semana seguinte baile e pandeireta.




Ningún comentario:

Publicar un comentario