25 de abril de 2017

O CASTRO DE CALLOBRE ACOLLEU O V FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR DA ESTRADA:::

O pasado domingo 23 de abril, ademais de se celebrar o día do libro, tivo na Estrada unha actividade moi especial, xa que máis de 200 alumnos e alumnas procedentes de institutos da Estrada, Touro, Palas de Rei e Laxe protagonizaron a 5º edición do Festival de Teatro Escolar da Estrada. Ás 16.30h e no Teatro Principal asistiron ao espectáculo Notas de Cor, representada polos grupos de teatro de Palas e Laxe. 
Pasadas as 18.30h desprazábanse en autobuses á contorna do Castro de Callobre onde a Aula de Teatro do IES Antón Losada guiaron aos seus compañeiros tanto polo xacemento como pola Fervenza que o Río Curantes fai nesta parroquia. Ás 20h volvéronse meter no Teatro Principal para asistir á representación de Fantamimo, unha produción do CPI de Touro e dos escolares da Estrada.
No roteiro teatralizado participaron, ademais, membros da asociación cultural que trata de poñer en valor este Castro, así como músicos de Callobre e os grupos de música de Ouzande, Retrouso e Recanto. Calistea, a fada convertida en bruxa déullela benvida, ao tempo que o presidente da Asociacion O Castro da Fervenza de Callobre foi entrevistado por dous "castrexos", tamén houbo tempo para a música con Retrouso e un grupo musical de Callobre, así como unha actuación de Recanto de Ouzande. Un druída explicoullela lenda da Cova da Moura, sita no mesmo castro, houbo tempo para adiviñas e trabalinguas.
O Castro da Aldea Grande de Callobre é a orixe da parroquia, segundo exlicaron na ruta o primeiro núcleo habitado levaría este nome (Callóbriga) e a partir de aí irían xurdindo os toponimos posteriores, quedando o de Aldea Grande para a entidade máis próxima e máis habitada. É un castro de boas proporcións, con máis dunha hectárea en planta oval. Posúe unha interesante muralla que se complementa cunha forte pendente cara ao río. Está catalogado polo rexistro de patrimonio tanto da Xunta de Galicia como polo PXOM, cualificando o seu estado de conservación de malo. A súa cronoloxía remóntase á Idade de Ferro. Na actualidade constituíuse a Asociación do Castro da Fervenza de Callobre coa intención de poñelo en valor. De momento limparon a croa e fixeron a festa do lumeiro de 2016. Teñen previsto facer novas festas neste lugar (encontros de maiores, xogos populares, magosto...) Polo momento non existe ningún proxecto de protección do patrimonio arqueolóxico deste castro.









Ningún comentario:

Publicar un comentario